Domingo 20 de Ordinario - ciclo B
PRIMEIRA Prov 9, 1-6
Comede o meu pan e bebede o viño que mesturei para vós
9 1A Sabedoría construíu a súa casa
tallou as
súas sete columnas,
2fixo a matanza do gando, mesturou o seu viño,
e preparou a súa mesa;
3despachou as súas criadas a anuncia-lo convite
polos altos da cidade:
4-"Quen sexa inxenuo, que se achegue aquí";
ó que carece de siso dille:
5-"Vide, comede do meu pan
e bebede do viño que mesturei,
6deixade a vosa inxenuidade e viviredes,
camiñade pola vía da intelixencia".
SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 2-3. 10-11. 12-13. 14-15
R/ (9a): Gustade e vede que bo é o Señor
2Eu bendigo ó Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa louvanza;
3gloríome no Señor,
e os humildes alégranse, ó escoitalo.
10Temede ó Señor os seus devotos,
pois nada lles falta ós que o temen.
11Empobrecen os ricos, pasan fame,
pero ós que buscan ó Señor ningún ben lles faltará.
12Vinde, fillos; escoitade:
ensinaréivo-lo temor do Señor.
13¿Quen ama a vida
e arela días de prosperidade?
14Garda a túa lingua do mal,
os teus labios de falas enganosas.
15Arrédate do mal e fai o ben,
busca a paz, corre tras ela.
SEGUNDA Ef 5, 15-20
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE S.PAULO ÓS EFESIOS
Comprendede cal é a vontade do Señor
Irmáns e irmás:
15Mirade con tino como camiñades: non coma atolados senón
coma sensatos, 16aproveitando ben este tempo, que corren días malos. 17Por
iso, non sexades irreflexivos; ó contrario, tratade de comprender cal é a vontade do Señor.
18Non vos emborrachedes con viño, que leva á libertinaxe; en
vez diso enchédevos de Espírito, 19falando entre vós con salmos, himnos e cánticos
espirituais, cantando e salmodiando con toda a alma para o Señor 20e dándolle
gracias decote a Deus Pai, por todo, no nome do noso Señor Xesús Cristo.
ALELUIA Xn 6, 56:
Quen come a miña carne e bebe o meu sangue,
permanece en min e eu nel, di o Señor
EVANXEO Xn 6, 51-58
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
A miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira
bebida
Dille Xesús á xente:
51Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste
pan, vivirá para sempre; e o
pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo.
52Discutían entón entre eles os xudeus:
-¿Como pode este darnos a come-la súa carne?
53Díxolles entón Xesús:
-Con toda verdade volo aseguro: se non coméde-la carne do
Fillo do Home e non bebéde-
lo seu sangue, non teredes vida en vós. 54Quen come a miña
carne e bebe o meu sangue,
ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. 55Pois
a miña carne é verdadeira
comida e o meu sangue é verdadeira bebida. 56Quen come a
miña carne e bebe o meu
sangue, permanece en min e eu nel. 57Así coma o Pai, que me
mandou, vive e eu vivo
polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. 58Este é o
pan que baixou do ceo; non
coma o que comeron os pais que mesmo así morreron: quen come
este pan, vivirá para
sempre.
CAMIÑEMOS NA
SENSATEZ
TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
Que difícil, neste tempo de presa e urxencia, abordar as
cousas coa reflexión que elas merecen, sen estar agoniados polo tempo, senón
buscando canto de verdade axuda e é importante para as nosas vidas!!!!!. Inda
que o digamos e escoitemos unha e outra vez, a tod@s nos custa poñerlle tempo e
reflexión ás nosas decisións, e acabamos deixándonos levar non polo que é o
mellor para nós, senón polo que fan e din todos, coma se ir a contramán nos
convertera en patiños feos, raros e illados. Ás veces mesmo parece que non
estiveramos dispostos ou non foramos capaces de superar a presión, e acabamos
actuando e comportándonos non segundo o que son os valores desde os que
encaramos a vida, senón desde o que fan todos; non por convición, senón polo
medo a, sendo nós mesmos, sentir a incomprensión dos demais e a soidade.
Esquecemos entón algo moi importante: se queremos ser cristiáns no mundo de
hoxe temos que estar dispostos a facer da nosa vida icona da mensaxe de Xesús,
de canto fixo e dixo, o que rompe con calquera tipo de componenda que busque
facer da vida mediocridade previsible segundo o guión escrito polos que mandan
e dirixen conciencias e decisións facéndonos crer libres. Os cristiáns
deberiamos ter claro que a vida, e o que nela facemos, non é “marketing”
publicitario para que todos compren e usen. Oxalá que nunca o esquezamos.
O PERDÓN
Porque, levados do intento por quedar ben, acabamos
comportándonos como masa sen criterio nin convicións, SEÑOR, QUE NON
RENUNCIEMOS A SER LIBRES.
Porque nos sobran palabras e xestos baleiros e superficiais,
e fáltannos compromisos que teñan á persoa como principio, CRISTO, QUE NON
RENUNCIEMOS A SER LIBRES.
Porque tamén nós caemos moitas veces na precipitación e
falta de reflexión á hora de tomar decisións sobre a nosa vida, SEÑOR, QUE NON
RENUNCIEMOS A SER LIBRES.
REMUÍÑO
* A vida de
cada un de nós vaise desenvolvendo non de calquera xeito, senón desde unhas
referencias, referencias ás que chamamos valores, exemplos, principios... e que
pouco a pouco van facéndonos, modulándonos para que o noso xeito de actuar,
pensar e vivir se adecúen a elas. Por iso son tan importantes e nos marcan.
Dicimos moitas veces que esta ou aquela persoa, este xeito de actuar ou esta
actitude fixéronnos pensar e decidiron o camiño que tomamos nun determinado
momento e que nos influíu para toda a vida. Tendo isto en conta, podemos
fixarnos, logo, no que nos di a primeira lectura que escoitamos hoxe: Sabedoría
construíu a súa casa, tallou as súas sete columnas. Cando a Biblia nos fala dos
sabios quere referirse á experiencia que un/a vai acumulando a medida que a súa
vida madura e se desenvolve. Unha experiencia que nos axuda a non repetir
erros, a aprender do que outros fixeron, ben ou mal, xa sexa para facer o mesmo
ou para rexeitar ese modo de actuar. E así, pouco a pouco, un vai, como nos di
o libro dos Proverbios, construíndo a súa casa; non sobre area, senón sobre as
columnas de canto axuda a que nos sintamos a gusto co que facemos e co xeito de
actuar e facer as cousas. Só desde un actuar maduro, responsable e reflexivo,
podemos entender que necesitamos de coherencia no actuar; unha coherencia que
nos afasta da improvisación e nos remite á necesidade de ir clarificando a nosa
escala de valores, para que desde ela poidan ir aparecendo as actitudes que nos
fan sentir a gusto co que somos e facemos, sen falsas culpabilizacións e
insatisfaccións permanentes por querer ser coma todos, esquecendo que cada un
de nós somos únicos e irrepetibles.

* O discurso do
Pan de vida que desde hai varias semanas vimos lendo nas celebracións do
domingo, volve incidir na forza -simbólica e real-, do pan na vida dos seres
humanos. Pan que nos remite aos irmáns; pan que fai presente a Deus para levalo
con nós e ser empuxe e alento diante da dureza da situación actual; pan
solidario que se concreta en non torcer a cara diante do que está pasar, senón,
no pouco e no moito, en abrir a man e ofrecer tempo, medios, ideas, propostas e
dispoñibilidade a quen as necesite; pan de verdade nun momento no que o engano,
a mentira, a manipulación ou o aproveitamento dos máis débiles nos fai perder a
confianza nos demais e nos volve escépticos e desconfiados. Nunha palabra, pan
que alimente as nosas vidas deixándonos a forza para loitar por elas desde a
unión construída na busca contra o fatalismo, superando a tentación
individualista do sálvese o que poida. O Pan da Eucaristía, Cristo, volve
ofrecérsenos non como rito, senón como presenza viva en nós para que non
renunciemos a anuncialo alí onde esteamos.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Deus faise alimento en nós para que nós poidamos ser tamén
alimento para os irmáns. Convencidos de que a súa presenza é estímulo contra a
desesperación e o deixarnos ir fatalista, dicimos:
QUE O TEU PAN NOS FAGA SABIOS EN AMOR E FRATERNIDADE
ü Pola Igrexa, para
que non esqueza que Cristo enviouna para ser voz de denuncia diante da
explotación, a mentira, o engano, a manipulación, e non cómplice dos que mandan
e se esquecen que detrás dos números hai persoas que sofren, OREMOS.
QUE O TEU PAN NOS FAGA SABIOS EN AMOR E FRATERNIDADE
ü Para que nas nosas
comunidades non nos deixemos vencer polo desánimo e polo derrotismo que canto
nos rodea insiste en fomentar, para impedir que reaccionemos diante de quen o
está a pasar mal e vai vendo como as súas ilusións se derruban e esmorecen,
OREMOS.
QUE O TEU PAN NOS FAGA SABIOS EN AMOR E FRATERNIDADE
ü Para que nós, no
día a día da nosa vida, atopemos forza e empuxe na oración, sosegada e sincera,
diante dun Deus que nos fala que sen atender as urxencias e dificultades dos
irmáns, non é posible ser seguidor de quen deu a vida por todos, sen excluír a
ninguén, OREMOS.
QUE O TEU PAN NOS FAGA SABIOS EN AMOR E FRATERNIDADE
Con confianza, pero tamén desde a dor que nos produce a
difícil situación que estamos a vivir e que sofren moitos dos nosos veciños e
amigos, poñemos a nosa oración comunitaria diante de Ti, para que sexas forza e
axuda que nos impida caer no derrotismo e desánimo. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Se o que de veras desexas é amar, entón ponte inmediatamente
a mirar; pero tómao en serio. Fíxate en alguén que che produza arrepío e
percibe de veras os teus prexuízos; fíxate en alguén ou en algo ao que te
aferres e comproba realmente o sufrimento, a inutilidade e a falta de liberdade
que supón aferrarse... e contempla con detemento e tenrura os rostros humanos e
a conduta humana. Tómate tempo para mirar asombrado a natureza, o vo dun
paxaro, a frescura dunha flor, a saída da lúa... e namentres o fas, a coroza
que protexe o teu corazón, rebrandecerase e fundirase, e o teu corazón
rebordará de sensibilidade e delicadeza. (A.de Mello, Una llamada al amor, Sal
Terrae, p.92/93)
CANTOS
ENTRADA: Camiñando pola vida
LECTURAS: Contade as marabillas do Señor
OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
COMUÑÓN: Non vou só
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario