Domingo 22 de Ordinario - ciclo B
PRIMEIRA Dt 4, 1-2. 6-8
PROCLAMACIÓN DA
PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Non engadades nada á
palabra que vos falo... cumplide os mandamentos do Señor
Faloulle Moisés ó pobo dicindo:
4 1E agora, Israel, escoita as leis e decretos que eu vos
ensino a cumprir para que vivades, entredes e tomedes posesión da terra que o Señor, Deus dos
vosos pais, vos entrega. 2Non engadades nada ás palabras dos mandamentos que eu vos
ordeno, nin lles quitedes nada, cumprindo as ordes do Señor, o voso Deus, que eu vos impoño.
6Observádeos e poñédeos en práctica, pois isto será a vosa
pericia e a vosa sabedoría ós ollos dos pobos. Estes, ó escoitaren todos estes
mandamentos, dirán: esta gran nación é o pobo máis experto e máis sabio, 7pois, ¿que gran nación ten
os seus deuses tan cerca de si como está o Señor, noso Deus, sempre que o invocamos? 8E
¿que gran nación ten mandamentos e preceptos tan xustos coma esta lei que hoxe eu
vos propoño?
SALMO RESPONSORIAL Sal 14, 2-3a. 3cd-4ab. 5
R/ (1a): ¿Quen,
Señor, se hospedará na túa tenda?
2Aquel que anda rectamente e practica a xustiza:
que ten sinceridade no corazón
3e non calumnia coa súa lingua;
o que non lle fai mal ó veciño
e non difama ó seu próximo;
4o que estima desprezable ó malvado
e apreza ós que temen ó Señor;
5o que non presta con usura o seu diñeiro
e non se deixa subornar contra o inocente.
Quen así se comporte,
endexamais non perecerá.
SEGUNDA Sant 1,
17-18. 21b-22. 27
PROCLAMACIÓN DA
PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO APÓSTOLO
Cumpride a palabra
Benqueridos irmáns e irmás:
17Todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do
Pai dos luceiros, en quen nin hai cambios nin tempos de sombras. 18Pola súa vontade tróuxonos
á vida coa palabra da verdade, para que fosemos como as primicias das súas
criaturas.
21Acollede docilmente a Palabra enxertada en vós, que pode
salva-las vosas vidas. 22Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con escoitala
xustificándovos con razóns enganosas.
27A relixión limpa e sen lixo ningún ós ollos de Deus Pai é
esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste
mundo.
ALELUIA Sant 1, 18:
Libremente enxendrounos o Pai por medio da palabra da
verdade
para sermos primicias da súa creación
EVANXEO Mc 7, 1-8.
14-15. 21-23
PROCLAMACIÓN DO SANTO
EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Rexeitáde-los
mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións dos homes.
7 1Reuníronse con
Xesús un grupo de fariseos con algúns letrados chegados de Xerusalén, 2e viron ós discípulos comer con mans impuras, é dicir, sen
antes lavaren as mans. 3(É sabido que os fariseos e os xudeus todos non comen sen
lavaren ben as mans, seguindo así as vellas tradicións; 4e cando chegan da rúa, tampouco comen
sen se bañaren antes; tamén están moi apegados a outras tradicións, coma o lavar vasos,
xerras e bandexas). 5Por iso os fariseos e mailos escribas preguntáronlle:
-¿Por que os teus discípulos non se portan conforme a
tradición dos devanceiros, senón que comen con mans impuras?
6El contestoulles:
-¡Que ben profetizou Isaías de vós, hipócritas, como está
escrito:
Este pobo hónrame cos labios,
pero o seu corazón está lonxe de min.
7Danme un culto inútil,
porque a doutrina que ensinan
non son máis que costumes humanos.
8Rexeitáde-los mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións
dos homes.
14E convocando á xente, dicíalles:
-Escoitádeme todos e procurade entender. 15Nada do que hai
fóra do home pode manchalo ó entrar nel; pero o que sae do home, iso si que o mancha.
21Porque de dentro, do corazón do home, xorden os malos pensamentos, as fornicacións, os
roubos, os asasinatos, 22os adulterios, as cobizas, as maldades, os fraudes, os
desenfreos, as envexas, as blasfemias, a soberbia, os desatinos. 23Todos eses males saen de dentro e
manchan o home.
NON TODO O MONTE É
OUREGO, POR ISO CÓMPRE NON CONFUNDIR O TOUCIÑO COA VELOCIDADE
TOMADO DE:
remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
En máis dunha ocasión
tennos matado a nosa “pretendida e excesiva” fidelidade. Si, inda que nos
resulte estraño, quen algunha vez non se deixou levar polo que manda a letra,
esquecendo ás persoas que vían que esa mesma letra os facía infelices?. Quen,
en máis dunha ocasión, non se ten amarrado á literalidade para xustificar os
propios medos e inseguridades?. Quen non ten posto as normas por diante do
corazón das persoas para pretender ter tranquila a súa conciencia?
A Palabra invítanos hoxe a fuxir destas falsas
fidelidades, e a non esquecer que o único importante, o que verdadeiramente nos
fará felices, non é o seguir un manual cunhas letras, que tantas veces matan,
senón axudar, compartir, empatizar coa xente, con todas aquelas persoas nas que
Deus se nos mostra. Acollamos, entón, esta Palabra, e camiñemos nela.
O PERDÓN
Porque moitas veces
deixámonos levar pola frivolidade e a superficialidade; SEÑOR, PURIFICA A NOSA
FE.
Porque nos deixamos
levar polas apariencias, ou polo que nos din, sen preocupármonos de coñecer
persoal e a fondo aos demais, CRISTO, PURIFICA A NOSA FE.
Porque en demasiadas
ocasións, por unha falsa fidelidade á letra, temos sementado infelicidade,
fanatismo e afastamento na vida dos irmáns, SEÑOR, PURIFICA A NOSA FE.
REMUÍÑO
Moit@s dentro da nosa
Igrexa teñen verdadeiros problemas para distinguir o fundamental do accesorio,
o envoltorio do agasallo, a cáscara da froita. Como noutro tempo lles pasaba
aos fariseos, poñen o grito no ceo diante dunha xenuflexión mal feita, porque
non nos axeonllamos durante a consagración, porque as celebracións son en
galego, porque temos celebracións da Palabra, porque os nenos que van facer a
primeira comuñón non memorizan coma loros as oracións do devocionario... e por
tantas e tantas cousas triviais que, en demasiadas ocasións, afogan o que
debera ser o principal: o amor. Porén, esas mesmas persoas non din unha palabra
a propósito da crise, do mercadeo relixioso, non queren asegurar ás súas
empregadas do fogar (ás que elas lle chaman criadas), non se cortan un pelo por
comerlle a suor a quen desenvolve un traballo para elas, non se escandalizan
diante de gastos superficiais e ostentosos para seguir mantendo o boato e a
aparencia........ Eses son, para elas, temas que non teñen que ver coa
relixión.
Se cadra, Xesús tamén
nos faría hoxe a nós a mesma réplica que lles fixo a eles: diríanos que somos
hipócritas, por converter as celebracións nun negocio, nun espectáculo alleo á
comunidade, cun esquema ríxido ás veces lonxe da vida das persoas que nelas
participan. A relixión redúcese a un conxunto de prohibicións ou normas a
cumprir (coma se se tratase dunha desas cartillas dos xornais que temos que
encher cos cupóns) e ten pouco que ver cunha proposta para que a nosa vida sexa
máis feliz. De verdade a nosa Igrexa (sobre todo a xerarquía) está preocupada
pola xente?; seguro que os nosos pastores coñecen ás persoas que forman as
comunidades ás que serven, comparten as súas tristuras, as súas ledicias, as
súas inquedanzas; traballan por construír parroquia, pobo, Reino?. E nós, como
comunidade, non estamos máis preocupad@s tamén polo exterior que polo interior:
pola cantidade de curas que hai nun funeral, por “pagar” uns servizos
relixiosos, por ter unha misa só polos meus defuntos, porque o meu ramo sexa o
máis bonito, porque o templo estea ben fermoso para o bauticeiro, a comuñón ou
a voda dos meus?. E iso, non son máis que pequeneces, pois o importante para
Deus, a fidelidade da que nos fala Deus, como nos lembra Santiago na lectura é
a do corazón limpo, sinxelo, sen dobres lecturas, nin intentos de quedar ben
diante dos demais. Por iso a nosa fe non pode converterse nun conxunto de
normas que afogan e impiden vivir con ledicia, senón que debe ser un camiñar
descubrindo en cada momento e situación cal e como ha ser a nosa fidelidade ao
o único que nos debera importar: Cristo. Sabendo telo a El como razón do noso
ser e vivir, seguro que non nos deixaremos tentar por aqueles que só buscan
signos e sabedoría, púlpitos e vanaglorias. Nós, aprendendo Del, descubriremos
que o que verdadeiramente importa é o amor. Un amor descuberto e expresado no
sinxelo, pobre, desprendido e misericordioso; un amor que se manifesta nesas
pequenas cousiñas que van enchendo a nosa vida, un amor que mira sempre o
interior das persoas, os seus sentimentos, a súa capacidade de amar, de poñerse
no lugar do outr@, de sentir compaixón e de doerse do irmán.
Ao final da vida, a
pesares do que moitos impoñen, pensan ou predican, non se nos vai examinar do
número de misas nas que participamos, das oracións que coñecemos, dos rosarios
que rezamos ou das novenas ás que asistimos. Tampouco se nos descontarán as
indulxencias coma se dunha rebaixa se tratara, senón que o exame terá unha
única cuestión: canto amaches?, e iso implica que han aprobar:
@s que practican a
xustiza, entendida como dar ao irmán e á irmá o que precisa para desenvolverse
coma persoa.
@s que traballan para
que no mundo todas as persoas teñamos os mesmos dereitos
@s que non calumnian
nin utilizan aos demais para o seu beneficio.
@s que buscan o ben
común por riba do individualismo.
@s que son coherentes
e fieis aos seus principios, e nunca están en venda.
@s que visitan aos
enferm@s, aos tristes, aos que están sos... aínda que sexan mulleres.
@s que buscan e
traballan pola paz
@s que denuncian
calquera tipo de atentado contra a dignidade da persoa.
@s que protexen e
coidan a creación que puxeches nas nosas mans.
Non nos esquezamos:
este é o culto que o Señor quere que lle deamos: o do amor. Sen amor, o demais
será baleiro e estéril... mera anécdota.
ORACIÓN DA
COMUNIDADE
Alentad@s pola
Palabra de Deus, que nos chama a un culto realizado desde e co corazón, dicim@s
xuntos: FAI DA NOSA VIDA UN
CANTO DE AMOR
· Para que a Igrexa
non caia nunca no integrismo nin no fanatismo, senón que saiba sempre axudar a
que poidamos todos e todas descubrir que a fidelidade está na intención dos
corazóns, e non na superficialidade dos feitos, Oremos.
FAI DA NOSA VIDA UN
CANTO DE AMOR
· Para que nas nosas
comunidades non nos escandalicemos do que fan os demais, e nos esforcemos por
mirar cara dentro de nós, para así descubrirmos que precisamos recoñecer
primeiro os nosos propios erros, antes de xulgar os dos demais, OREMOS.
FAI DA NOSA VIDA UN
CANTO DE AMOR
· Por cada un dos que
hoxe celebramos a fe xuntos, para que sexamos capaces de descubrir que o
seguimento de Xesús non é unha doutrina, senón un estilo de vida que nos invita
a aportar e non a condenar, a acoller e non a satanizar; a entender e non a
xulgar, OREMOS.
FAI DA NOSA VIDA UN
CANTO DE AMOR
Grazas, Señor, porque
Ti non miras as aparencias nin te fixas en pequeneces, senón que o único que
nos pides é que sexamos capaces de amar moito aos nosos irmáns. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Agora si, Señor.
Agora xa sei escoitar
a túa voz,
e creo nela,
a pesares dos meus
prexuízos e das miñas torpes decisións.
Tanto tempo cargado
coa mochila ás costas,
sufrindo o andazo
desde o primeiro paso,
suando,
sen poder erguer a
vista,
triste e calado...
pensando que seguía
as túas pegadas!.
Pero Ti espertáchesme
do falso soño da responsabilidade.
Descargaches a miña
mochila
de seguridades
inútiles e de necesidades falsas,
dixéchesme con voz
amiga:
camiña lixeiro de
equipaxe.
Agora si, Señor.
Agora xa sei escoitar
a túa voz amiga,
e o seu eco no
abrente,
e estou aprendendo a
alixeirar as miñas costas,
a camiñar erguido
e a gozar da túa
compaña.
Agora si, Señor,
camiñe ou descanse,
síntote ao meu carón,
e non me pesa a vida
nin o seguimento das
túas pegadas.
CANTOS
ENTRADA:
Andarei na
presenza do Señor
LECTURAS:
Benaventurados
OFERTORIO:
Seguirei
os teus pasos
COMUÑÓN:
Déixate
querer
Comentarios
Publicar un comentario