Domingo de Ramos - ciclo C
DOMINGO DE RAMOS
NA PAIXÓN DO SEÑOR
- C
PROCESIÓN DAS PALMAS
Evanxeo
Bendito o que vén no
nome do Señor
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Lc 19, 28-40
Naquel tempo, Xesús botou a andar
diante camiño de Xerusalén.
E cando se achegaban
a Betfagué e a Betania, ao pé do chamado Monte das Oliveiras, mandou dous
discípulos, dicíndolles:
‑ Ide á aldea que tedes aí diante, e
atoparedes atado un burriño que ninguén montou aínda nunca. Soltádeo e traédeo.
E se alguén vos pregunta: "Por que o soltades?", respondédelle:
"Precísao o Señor".
Foron os discípulos, e atoparon todo
tal como lles dixera. E cando ceibaron o burriño, preguntáronlles os donos:
‑ Por que soltades o burriño?
Eles contestaron:
‑Precísao o Señor.
Levárono onda Xesús, botaron os
mantos sobre o burriño e axudárono a montar. E ao pasar el, a xente estendía os
mantos polo camiño. Cando se aproximaban á baixada do Monte das Oliveiras, a
multitude de discípulos, cheos de alegría, comezaron a loar a Deus con grandes
gritos, por todas as marabillas que tiñan visto. Dicían:
‑ Benia o que vén, coma rei, no nome
do Señor. Paz no ceo, e gloria no máis alto!
Algúns dos fariseos que estaban
entre a xente, dixéronlle:
‑ Mestre, reprende a eses teus
discípulos.
Pero el respondeulles:
‑ Asegúrovos que se estes calan,
falarán as pedras.
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo
Primeira Lectura Is 50, 4-7
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Non apartei a miña
cara das increpacións, pero sei que non quedarei confundido
(3º Canto do
Servo do Señor)
O Señor Deus concedeume lingua de
discípulo,
para saber instruír o
cansado cunha palabra que o anime na mañá.
El espreguiza pola mañá o meu oído
para escoitar coma discípulo.
O Señor abriu o meu
oído,
e eu non me rebelei,
non me botei para atrás.
Ofrecín o lombo aos que me
azoutaban, e a miña cara aos que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña
cara dos insultos e das cuspiñadas.
Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto
avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me
avergonzarei.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal
21, 8-9. 17-18a. 19-20. 23-24
R/. (2a): Meu
Deus, meu Deus, por qué me abandonaches?
Todos os que me ven
fan burla de min,
torcendo os labios,
movendo a cabeza:
"Confiou no
Señor, que El o libre,
que El o salve, se é
que o ama".
Rodéanme mandas de
cans,
cércame un fato de
malvados,
tradearon as miñas
mans e os meus pés,
e podo contar os meus
ósos.
Reparten os meus
vestidos
e botan ás sortes o
meu manto.
Pero ti, Señor, non
esteas lonxe;
ti es a miña forza,
ven axiña axudarme.
Eu falareilles de ti
aos meus irmáns,
loareite no medio da
asemblea.
Servidores do Señor,
loádeo,
liñaxe de Xacob,
glorificádeo,
liñaxe de Israel,
temédeo.
Segunda Lectura Flp 2, 6-11
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Humillouse a si
mesmo, por iso Deus exaltouno
Irmáns:
Cristo Xesús, con ser de condición
divina,
non se agarrou con
cobiza ao seu ser igual a Deus;
senón que se espiu do
seu rango,
e asumiu a condición
de escravo,
feito en todo
semellante aos homes.
Presentándose coma un home calquera,
abaixouse a si mesmo,
facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
Por iso tamén Deus o exaltou sobre
todo
e lle concedeu un
nome que está por riba de todo outro nome,
para que ao nome de
Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e
mais no abismo,
e toda lingua
proclame que Xesús Cristo é o Señor
para gloria de Deus
Pai.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
VERSÍCULO Flp
2, 8-9
Cristo abaixouse a si
mesmo, facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
Por iso tamén Deus o
exaltou sobre todo
e lle concedeu un
nome que está por riba de todo outro nome.
Lc 22, 14 -- 23,
56 (longa)
PAIXÓN DO NOSO
SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO LUCAS
Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes
de eu padecer!
C. Cando chegou a hora, púxose Xesús
á mesa cos seus apóstolos. Díxolles:
+ ‑ Moito levo desexado comer esta
Pascua convosco antes de eu padecer! Porque vos digo que xa non a volverei
comer ata que chegue o seu cumprimento no Reino de Deus.
C. E collendo unha copa, deu grazas
e dixo:
+ ‑ Tomade e repartídea entre vós,
pois asegúrovos que non volverei beber do produto da viña ata que chegue o
Reino de Deus.
Facede isto en memoria miña
C. E collendo pan, deu grazas,
partiuno e déullelo, dicindo:
+ ‑ Este é o meu corpo, que se
entrega por vós; facede isto en memoria miña.
C. E despois de cear, fixo o mesmo
coa copa, dicindo:
+ ‑ Esta copa é a Nova Alianza,
selada co meu sangue, que se verte por vós.
Ai daquel que entrega o Fillo do Home!
C. Pero mirade o que vos digo: a man
do que me entrega está aquí, sobre a mesa, a carón meu. Porque o Fillo do Home
vaise, conforme o determinado; pero ai daquel que o entrega!
C. Entón empezaron a discutir entre
eles, sobre quen podería ser o que ía facer iso.
Eu ando entre vós coma quen serve
C. Armouse tamén unha discusión
entre eles sobre a quen deles debían considerar máis importante. Pero el
díxolles:
+ ‑ Os reis dos xentís asobállanos,
e os tiranos fanse chamar benfeitores. Pero vós non fagades iso; non: que o
maior entre vós sexa coma o máis pequeno, e o que goberna, coma quen serve.
Pois, quen é máis importante, o que está á mesa ou quen o serve? Acaso non é o
que está na mesa? Pero eu ando entre vós coma quen serve.
Pois vós sodes os que quedastes
comigo nas miñas probas. E, coma o meu pai o dispuxo para min, así eu teño
disposto para vós un reino, para que, cando eu sexa rei, comades e bebades na
miña mesa, e sentedes en tronos para xulgar as doce tribos de Israel.
Ti, ao que te arrepintas, debes confirmar os teus
irmáns
C. E engadiu:
+ Simón, Simón, mira que Satanás vos
reclamou para vos peneirar coma o trigo! Pero eu roguei por ti, para que a túa
fe non falle; e ti, ao que te arrepintas, debes confirmar os teus irmáns.
C. Díxolle el:
+ ‑ Señor, estou disposto a ir á
cadea e á morte contigo.
C. Respondeulle Xesús:
+ ‑ Ten por seguro que hoxe, antes
de que o galo cante, negarás tres veces que me coñeces.
É preciso que se cumpra en min aquilo que está escrito
C. E logo preguntoulles a todos:
+ ‑ Cando vos mandei sen bolsa,
alforxas e calzado, sentistes falta de algo?
C. Eles responderon:
S. ‑ De nada.
C. El continuou:
+ ‑ Pois agora quen teña unha bolsa,
que a colla e que colla tamén unha alforxa; e quen non teña espada, que venda o
seu manto e que merque unha. Porque vos aseguro que é preciso que se cumpra en
min aquilo que está escrito: "Foi contado entre os malfeitores". E o
tocante a min vaise cumprir.
C. Eles dixéronlle:
S. ‑ Señor, temos aquí dúas espadas.
C. Contestoulles:
+ ‑ Basta. Xa está ben.
Cheo de angustia, pregaba con máis teima aínda
C. Despois de saír, foise como facía
sempre ao Monte das Oliveiras, seguido dos seus discípulos. Cando chegaron ao sitio,
díxolles:
+ ‑ Rogade que non caiades na
tentación.
C. E arredándose deles, coma un tiro
de pedra, púxose a rogar axeonllado:
+ ‑ Meu Pai, se queres, arreda de
min este cáliz. Pero que non se faga a miña vontade, senón a túa.
C. E un anxo do ceo aparecéuselle
para confortalo. E cheo de angustia, pregaba con máis teima aínda, mentres
suaba coma pingas de sangue que esvaraban ata o chan.
Erguéndose da oración, volveu onda
os discípulos e atopounos durmidos por mor da tristeza. Díxolles:
+ ‑ Como é que estades a durmir?
Erguédevos e rogade, para que non caiades na tentación.
Xudas, cun bico entregas o Fillo do Home?
C. Estaba aínda falando, cando
apareceu xente; á fronte deles viña o chamado Xudas, un dos Doce; e achegouse a
Xesús, para lle dar un bico. Pero Xesús díxolle:
+ ‑ Xudas, cun bico entregas o Fillo
do Home?
C. Entón os seus acompañantes,
decatándose do que pasaba, preguntáronlle:
S. ‑ Señor, sacamos as espadas?
C. E un deles feriu o criado do Sumo
Sacerdote, rabenándolle a orella dereita.
Pero Xesús díxolle:
+ ‑ Deixádeos facer.
C. E tocándolle a orella, sandoulla.
Entón díxolles aos que viñan contra
el, sumos sacerdotes, oficiais da garda do templo e anciáns:
+ ‑ Viñéstesme prender con paus e
espadas, coma se fose un bandido. Pero eu estiven a diario convosco no templo,
e non me puxestes as mans enriba. Ben: esta é a vosa hora, e o poder das
tebras.
Pedro saíu para fóra, e chorou amargamente
C. Prendérono e levárono á casa do
Sumo Sacerdote. Pedro seguíao de lonxe. Acenderon lume no medio do patio, e
sentaron arredor; e Pedro sentou tamén no medio deles. Pero unha criada viuno
sentado a carón do lume, cravou os ollos nel e dixo:
S. ‑ Este tamén andaba con el.
C. El negouno dicindo:
S. ‑ Muller, eu non o coñezo.
C. Pouco despois viuno outro criado,
e dixo:
S. ‑ Ti es deles tamén.
C. Pero Pedro exclamou:
S. ‑ Non, home, non son.
C. Unha hora máis tarde, aínda
volveu insistir outro criado:
S. ‑ Si, seguro que andaba con el,
que é galileo.
C. Pedro replicou:
S. ‑ Pero home, eu non che sei de
que falas.
C. E no intre, estando aínda el a
falar, cantou o galo. O Señor, volvéndose, mirou a Pedro, e este acordouse das
súas palabras: "antes de que o galo cante hoxe, ti hasme negar tres
veces". Saíu para fóra, e chorou amargamente.
quen che zoupou?
C. Os homes que o tiñan preso
burlábanse del e mallábano; tapábanlle a cara e preguntábanlle:
S. ‑ Fai agora de profeta: quen che
zoupou?
C. E aldraxábano, dicíndolle outras
moitas cousas.
Acordaron levalo ao Sanedrín
C. Cando se fixo de día, reuniuse o
Consello dos anciáns do pobo, os sumos sacerdotes e mais os letrados, e
acordaron levalo ao Sanedrín. E dixéronlle:
S. ‑ Se ti es o Mesías, dínolo.
C. El contestoulles:
+ ‑ Se volo digo, non me ides crer;
se vos fago preguntas, non me ides responder. Pero desde agora o Fillo do Home
estará sentado á dereita do Todopoderoso.
C. Preguntáronlle todos:
S. ‑ Logo es ti o Fillo de Deus?
C. El respondeu:
+ ‑ Vós o dicides: eu son.
C. Eles exclamaron:
S. ‑ Para que máis testemuñas? Xa
llo oímos nós mesmos da súa boca.
C. Cando rematou a sesión,
conduciron a Xesús perante Pilato.
Non atopo delito ningún neste home
C. Alí empezárono a acusar, dicindo:
S. ‑ Atopamos a este revolucionando
o pobo, impedíndolle pagar o tributo ao César, e declarándose ademais Mesías e
rei.
C. Pilato preguntoulle:
S. ‑ Es ti o rei dos xudeus?
C. Respondeulle:
+ ‑ Ti o dis.
C. Entón díxolles Pilato aos sumos
sacerdotes e mais á xente:
S. ‑ Eu non atopo delito ningún
neste home.
C. Pero eles teimaban dicindo:
S. ‑ Anda encirrando á xente,
ensinando por toda Xudea, desde Galilea ata aquí.
C. Oíndo aquilo, Pilato preguntou se
aquel home era galileo. Ao saber que pertencía á xurisdición de Herodes,
remitiullo a el, que casualmente estaba por aqueles días en Xerusalén.
Herodes e mais os seus soldados aldraxárono
C. Herodes, ao ver a Xesús,
alegrouse moito, porque había tempo que o quería ver, polo moito que tiña oído
falar del; de por parte esperaba ver algún milagre. Fíxolle moitas preguntas,
pero Xesús non dixo palabra. Tamén estaban alí os sumos sacerdotes e mais os
letrados acusándoo con teimosía. Herodes e mais os seus soldados aldraxárono,
e, para faceren riso del, vestírono cunha roupa fachendosa; e despois Herodes
mandoullo de volta a Pilato. E desde aquel día Herodes e Pilato, que se levaban
moi mal, quedaron amigos.
Pilato entregou a Xesús ao seu antollo
C. Pilato convocou os sumos
sacerdotes, os xefes e mais o pobo e díxolles:
S.‑ Trouxéstesme este home coma se
fose un revolucionario; pero eu, despois de o interrogar diante de vós, non
atopei nel ningún delito deses dos que o acusades; nin tampouco Herodes, que
nolo devolveu. Nada que mereza a morte cometeu; así que voulle pór un
escarmento, e despois vouno soltar.
C. Pero todos empezaron a berrar,
dicindo:
S. ‑ Fóra ese, solta a Barrabás!
C. Este estaba na cadea por unha
revolta con asasinato, ocorrido na cidade.
Pilato volveulles falar, pois quería
librar a Xesús. Pero eles berraban:
S. ‑ Crucifícao, crucifícao!
C. Pilato replicou por terceira vez:
S. ‑ Pero que mal fixo? Ningún
delito de morte atopei nel. Dareille un escarmento e soltareino.
C. Pero eles porfiaban a berros e
pedían a crucifixión, facendo cada vez máis algareo. Por fin Pilato sentenciou
tal coma eles querían. Soltou o que reclamaban ‑ o encadeado por revolta e
asasinato ‑, e a Xesús entregóullelo ao seu antollo.
Fillas de Xerusalén, non choredes por min
C. Cando o levaban, botaron man dun
certo Simón de Cirene, que viña da leira, e cargáronlle a cruz, para que a
levase detrás de Xesús. Ía tras deles unha chea de xente e mulleres batendo no
peito e laiándose por el. Xesús, volvéndose a elas, díxolles:
+ ‑ Fillas de Xerusalén, non
choredes por min: chorade máis ben por vós e polos vosos fillos. Porque,
mirade, veñen días nos que se dirá: "Afortunadas as estériles, os ventres
que non xeraron e os peitos que non criaron". E pediranlles aos montes:
Caede enriba de nós!, e aos outeiros: tapádenos. Porque se isto fan coa árbore
verde, que lle pasará á seca?
C. Levaban con el tamén a outros
dous bandidos, para executalos.
Meu Pai, perdóaos que eles non saben o que fan
C. E cando chegaron ao lugar chamado
"A Caveira", crucificárono alí; e con el os dous bandidos: un á
dereita e outro á esquerda del.
Xesús dicía:
+ ‑ Meu Pai, perdóaos que eles non
saben o que fan.
C. E, botando á sorte, repartiron a
roupa del.
Este é o rei dos xudeus
C. A xente estaba a mirar, e os
xefes moqueábanse del, dicindo:
S. ‑ A outros salvounos. Pois que se
salve agora el, se é o Mesías de Deus, o Elixido.
C. Tamén os soldados se burlaban
del, e achegándose ofrecíanlle vinagre, dicindo:
S. ‑ Se ti es o rei dos xudeus,
sálvate a ti mesmo.
C. E había un letreiro enriba del:
"Este é o rei dos xudeus".
Hoxe estarás comigo no paraíso
C. Un dos bandidos que estaban
crucificados, insultábao tamén:
S. ‑ Non es ti o Mesías? Pois
sálvate ti e sálvanos a nós.
C. Pero contestoulle o outro,
reprendéndoo:
S. ‑ Seica non temes a Deus, ti que
sofres a mesma condena ca el? Nós, polo menos, recibimos o que merecemos, pero
este non fixo mal ningún.
C. E dicíalle:
S. ‑ Xesús, lémbrate de min cando
volvas coma rei.
C. Xesús respondeulle:
+ ‑ Asegúroche que hoxe estarás
comigo no paraíso.
Meu Pai! Nas túas mans entrego o meu espírito
C. Chegado o mediodía, a escuridade
cubriu a terra ata a media tarde. Pois houbo unha eclipse de sol. E o veo do
Santuario rachou polo medio. Entón Xesús, pegou un berro moi alto e dixo:
+ ‑ Meu Pai! Nas túas mans entrego o
meu espírito.
c. E dicindo isto, morreu.
(Todos se
axeonllan, e faise unha pausa)
C. O centurión, vendo o que
sucedera, glorificou a Deus, dicindo:
S. ‑ Realmente este home era
inocente.
C. E toda a xente que acudira ao espectáculo,
ao ver o que pasaba, volvía batendo no peito. Os seus coñecidos seguían todo de
lonxe, e igual as mulleres que o acompañaran desde Galilea.
Xosé puxo o corpo de Xesús nun sepulcro sen estrear
C. Un home bo e honrado, chamado
Xosé, que era conselleiro –aínda que el non estivera de acordo co proceder do
Consello ‑, natural de Arimatea, vila de Xudea, e que esperaba o Reino de Deus,
presentouse a Pilato e pediulle o corpo de Xesús. Logo, despois de o baixar,
envolveuno nunha saba e púxoo nun sepulcro cavado na rocha, que estaba sen
estrear. Era día da Preparación e xa despuntaba o sábado.
Tamén estiveron presentes as
mulleres que o acompañaban desde Galilea, pois seguiron a Xosé, e viron o
sepulcro e como o depositaba.
Cando regresaron, prepararon
perfumes e bálsamos. Pero o sábado descansaron, conforme o mandado.
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo
_________________________________________________
Ou máis breve: 23, 1-49
PAIXÓN DO NOSO
SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS
C. Naquel tempo, os anciáns, os
príncipes dos sacerdotes e os escribas, conduciron a Xesús perante Pilato.
Non atopo delito ningún neste home
C. Alí empezárono a acusar, dicindo:
S. ‑ Atopamos a este revolucionando
o pobo, impedíndolle pagar o tributo ao César, e declarándose ademais Mesías e
rei.
C. Pilato preguntoulle:
S. ‑ Es ti o rei dos xudeus?
C. Respondeulle:
+ ‑Ti o dis.
C. Entón díxolles Pilato aos sumos
sacerdotes e mais á xente:
S. ‑ Eu non atopo delito ningún
neste home.
C. Pero eles teimaban dicindo:
S. ‑ Anda encirrando á xente,
ensinando por toda Xudea, desde Galilea ata aquí.
C. Oíndo aquilo, Pilato preguntou se
aquel home era galileo. Ao saber que pertencía á xurisdición de Herodes,
remitiullo a el, que casualmente estaba por aqueles días en Xerusalén.
Herodes e mais os seus soldados aldraxárono
C. Herodes, ao ver a Xesús,
alegrouse moito, porque había tempo que o quería ver, polo moito que tiña oído
falar del; de por parte esperaba ver algún milagre. Fíxolle moitas preguntas,
pero Xesús non dixo palabra. Tamén estaban alí os sumos sacerdotes e mais os
letrados acusándoo con teimosía. Herodes e mais os seus soldados aldraxárono,
e, para faceren riso del, vestírono cunha roupa fachendosa; e despois Herodes
mandoullo de volta a Pilato. E desde aquel día Herodes e Pilato, que se levaban
moi mal, quedaron amigos.
Pilato entregou a Xesús ao seu antollo
C. Pilato convocou os sumos
sacerdotes, os xefes e mais o pobo e díxolles:
S. ‑ Trouxéstesme este home coma se
fose un revolucionario; pero eu, despois de o interrogar diante de vós, non
atopei nel ningún delito deses dos que o acusades; nin tampouco Herodes, que
nolo devolveu. Nada que mereza a morte cometeu; así que voulle pór un
escarmento, e despois vouno soltar.
C. Pero todos empezaron a berrar,
dicindo:
S. ‑ Fóra ese, solta a Barrabás!
C. Este estaba na cadea por unha
revolta con asasinato, ocorrido na cidade.
Pilato volveulles falar, pois quería
librar a Xesús. Pero eles berraban:
S. ‑ Crucifícao, crucifícao!
C. Pilato replicou por terceira vez:
S. ‑ Pero que mal fixo? Ningún
delito de morte atopei nel. Dareille un escarmento e soltareino.
C. Pero eles porfiaban a berros e
pedían a crucifixión, facendo cada vez máis algareo. Por fin Pilato sentenciou
tal coma eles querían. Soltou o que reclamaban ‑ o encadeado por revolta e
asasinato ‑, e a Xesús entregóullelo ao seu antollo.
Fillas de Xerusalén, non choredes por min
C. Cando o levaban, botaron man dun
certo Simón de Cirene, que viña da leira, e cargáronlle a cruz, para que a
levase detrás de Xesús. Ía tras deles unha chea de xente e mulleres batendo no
peito e laiándose por el. Xesús, volvéndose a elas, díxolles:
+ ‑ Fillas de Xerusalén, non
choredes por min: chorade máis ben por vós e polos vosos fillos. Porque,
mirade, veñen días nos que se dirá: "Afortunadas as estériles, os ventres
que non xeraron e os peitos que non criaron". E pediranlles aos montes:
Caede enriba de nós!, e aos outeiros: tapádenos. Porque se isto fan coa árbore
verde, que lle pasará á seca?
C. Levaban con el tamén a outros
dous bandidos, para executalos.
Meu Pai, perdóaos que eles non saben o que fan
C. E cando chegaron ao lugar chamado
"A Caveira", crucificárono alí; e con el os dous bandidos: un á
dereita e outro á esquerda del.
Xesús dicía:
+ ‑ Meu Pai, perdóaos que eles non
saben o que fan.
C. E, botando á sorte, repartiron a
roupa del.
Este é o rei dos xudeus
C. A xente estaba a mirar, e os
xefes moqueábanse del, dicindo:
S. ‑ A outros salvounos. Pois que se
salve agora el, se é o Mesías de Deus, o Elixido.
C. Tamén os soldados se burlaban
del, e achegándose ofrecíanlle vinagre, dicindo:
S. - Se ti es o rei dos xudeus,
sálvate a ti mesmo.
C. E había un letreiro enriba del:
"Este é o rei dos xudeus".
Hoxe estarás comigo no paraíso
C. Un dos bandidos que estaban
crucificados, insultábao tamén:
S. ‑ Non es ti o Mesías? Pois
sálvate ti e sálvanos a nós.
C. Pero contestoulle o outro,
reprendéndoo:
S. ‑ Seica non temes a Deus, ti que
sofres a mesma condena ca el? Nós, polo menos, recibimos o que merecemos, pero
este non fixo mal ningún.
C. E dicíalle:
S ‑ Xesús, lémbrate de min cando
volvas coma rei.
C. Xesús respondeulle:
+ ‑ Asegúroche que hoxe estarás
comigo no paraíso.
Meu Pai! Nas túas mans entrego o meu espírito
C. Chegado o mediodía, a escuridade
cubriu a terra ata a media tarde. Pois houbo unha eclipse de sol. E o veo do
Santuario rachou polo medio. Entón Xesús, pegou un berro moi alto e dixo:
+ ‑ Meu Pai! Nas túas mans entrego o
meu espírito.
C. E dicindo isto, morreu.
(Todos se
axeonllan, e faise unha pausa)
O centurión, vendo o que sucedera,
glorificou a Deus, dicindo:
S. ‑ Realmente este home era
inocente.
C. E toda a xente que acudira ao espectáculo,
ao ver o que pasaba, volvía batendo no peito. Os seus coñecidos seguían todo de
lonxe, e igual as mulleres que o acompañaran desde Galilea.
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo
ESQUEMA DA CELEBRACIÓN
FÓRA DO TEMPLO
DENTRO DO TEMPLO
BENDICIÓN
ou tamén:
ou tamén:
Que os
ramos da acollida, rompan as cadeas da insolidariedade
Comentarios
Publicar un comentario