17 mar. 2013

O Señor fixo connosco cousas grandes, estamos cheos de alegría - Salmo 125

Domingo 5 de Coresma - ciclo C




BENAVENTURANZAS DA CORESMA

Felices quen percorren o camiño coresmal cun sorriso no rostro
e senten como brota do seu corazón un sentimento de alegría desbordante.

Felices quen durante o tempo de Coresma, e na súa vida diaria, practican o xaxún
do consumismo, dos programas lixo da televisión, das criticas, da indiferenza.

Felices quen intentan no cotián de cada día ir suavizando o seu corazón de pedra,
para dar paso á sensibilidade, á tenrura, á compaixón, á indignación tinguida de propostas.

Felices quen cren que o perdón, en todos os ámbitos, é un dos eixes centrais
na posta en práctica do Evanxeo de Xesús, para conseguir un mundo reconciliado.

Felices quen se illan de tanto ruído e información vertixinosa, e fan un espazo
no deserto do seu corazón para que o silencio se transforme en soidade sonora.

Felices quen recordan a promesa do seu bo Pai e Nai Deus, quen renovan a cada momento
a súa alianza de proximidade e presenza alentadora cara a todo o xénero humano.

Felices quen pechan a porta aos agoireiros, á tristeza e ao desencanto, e abren todas
as fiestras da súa casa ao sol da ilusión, do encanto, da beleza, da solidariedade.

Felices quen empregan as súas mans, a súa mente, os seus pés no servizo gozoso dos demais,
quen máis aló de todas as crises, manteñen, ofrecen e practican a esperanza da resurrección
a todos os desvalidos, marxinados e oprimidos do mundo. Entón si que agromaría
a flor da Pascua ao final dun gozoso carreiro coresmal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario