Lecturas de Xoves Santo - ciclo C

MISA DA DERRADEIRA CEA DO SEÑOR
XOVES SANTO

Primeira Lectura      Ex 12, 1-8. 11-14
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Mandatos acerca da cea pascual

     Naqueles días, o Señor díxolles en Exipto a Moisés e a Aharón:
     ‑ Teredes este mes polo primeiro dos meses, o mes principal de todo o ano. Dicídelle a toda a comunidade de Israel: "Que no día dez deste mes cadaquén se procure un año por familia, un por casa. Se a familia é moi pequena para comer o año enteiro, que se xunte co seu veciño, co máis próximo á súa casa, de xeito que, tendo en conta o número de comensais, o año se axuste ao que entre todos poidan comer.
     O animal, que será sen defecto, macho e dun ano, procuraré­delo entre os años ou entre os cabritos.
     Gardarédelo ata o catorce deste mes e, entre lusco e fusco dese día, inmolarao a comunidade toda de Israel en asemblea. Colleredes o sangue e mollaredes con el as xambas e o lintel das casas nas que se vai comer.
     Comeredes a carne esa noite, asada no lume, con pan sen levedar e con verduras amargas.
     Comerédelo deste xeito: A cintura cinguida, as sandalias nos pés, o caxato na man. Comerédelo ás presas, pois é a Pascua, o Paso do Señor.
     Esa noite pasarei eu por todo Exipto e ferirei de morte a todos os primoxénitos, desde os dos homes ata os do gando. Farei cumprida xustiza contra todos os deuses de Exipto. Eu, o Señor.
     O sangue será o sinal das casas onde vós habitades. En vendo o sangue, pasarei sen me deter, e así, cando eu fira a Exipto, non vos tocará a vós a praga exterminadora.
     Este día quedaravos como lembranza perpetua e faredes nel festa ao Señor. Será festa de precepto por todas as xeracións".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 115, 12-13. 15-16bc. 17-18
R/. (cf. 1 Cor 10, 16): O cáliz de bendición é a comuñón do Sangue de Cristo.

Con que lle pagarei ao Señor
todo o ben que me fixo?
Alzarei a copa da salvación,
invocando o nome do Señor.

É preciosa aos ollos do Señor
a morte dos seus amigos.
Señor, eu son o teu servo,
servo teu e fillo da túa serva:
ti rompiches as miñas cadeas!

Ofrecereiche un sacrificio de loanza,
invocando o teu nome, Señor.
Cumprirei os meus votos ao Señor,
á vista de todo o seu pobo.


Segunda Lectura      1 Cor 11, 23-26
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Cantas veces comades deste pan e bebades deste viño, anunciades a morte do Señor

            Irmáns:
            Eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan e, despois de dar grazas, partiuno e dixo: "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria miña".
            Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en memoria miña".
            Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volva.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo


VERSÍCULO     Xn 13, 34
Douvos un mandamento novo, di o Señor,
que vos amedes uns a outros como eu vos amei.


Evanxeo     Xn 13, 1-15
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Amounos ata a fin

            Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa que amara os seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.
            E mentres ceaban ‑xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase ‑, sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans, e que saíra de Deus e ía onda Deus, ergueuse da mesa e deixou a túnica; e collendo unha toalla, cinguiuse con ela. Despois, botou auga nunha almofía e comezou a lavarlles os pés aos discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida.
            Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
            ‑ Señor, vasme ti lavar os pés a min?
            Xesús respondeulle:
            ‑ O que eu fago, ti non o entendes agora; halo comprender despois.
            Pedro replicoulle:
            ‑ Ti non me lavarás os pés a min endexamais.
            Xesús respondeulle:
            ‑ Se non te lavo, non terás parte comigo.
            Exclamou Simón Pedro:
            - Señor, daquela os pés, as mans e mais a cabeza.
            Dille Xesús:
            ‑ Quen se bañou, non precisa máis que lavar os pes, pois está todo limpo; e vós estades limpos, aínda que non todos.
            Sabía quen o había de entregar: por iso dixo "non todos estades limpos".
            Despois de que Xesús lles lavou os pés e vestiu a súa túnica, sentou outra vez e preguntoulles:
            ‑ Comprendedes o que fixen convosco? Vós chamádesme "Mestre" e "Señor" e dicides ben porque o son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros.
            Deivos así un exemplo, para que, como eu fixen convosco, así fagades tamén vós.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo




UN DÍA PARA SUPERAR TÓPICOS E TOMAR EN SERIO AS PALABRAS. DICIR AMOR, SOLIDARIEDADE OU SERVIZO É POÑER DIANTE DE NÓS PERSOAS COAS QUE COMPARTO E VIVO O AMOR, A SOLIDARIEDADE E O SERVIZO
 remol da palabra :

PÓRTICO

         Xoves Santo é un día cargado de fondura e riqueza espiritual. Cando dicimos que é o día do amor, do servizo e do compartir, estamos expresando que para os cristiáns, por riba de recortes, axustes, manipulacións, enganos, subornos... seguen a estar as persoas que sofren, son excluídas, son silenciadas e ás que moitas veces parece que se nos quere esconder, como se non existiran. Que mellor día ca hoxe para facer confesión de fe e compromiso de non deixar que ninguén xogue con nós coma se foramos monicreques. Porque somos persoas, porque cremos e confesamos que somos imaxe de Deus queremos, neste Xoves Santo, convencernos de que só con e desde o amor será posible que o que nestes días celebramos sexa raíz e cimento para que inflúa de tal xeito na nosa vida que a enchoupe da tenrura e sensibilidade para entenrecernos, e achegarnos aos irmáns que nos miran dicíndonos: non te esquezas de min.

O PERDÓN

ü Limpa, Señor, os nosos corazóns, para que os nosos comportamentos non respondan a comportamentos egoístas, senón a amor servizal e solidario, SEÑOR, QUE AS NOSAS PALABRAS AMEN E NON FIRAN.
ü Libéranos, Señor, das ataduras que nos impiden que camiñemos con seguridade e convicción cando nos achegamos aos irmáns, CRISTO, QUE AS NOSAS PALABRAS AMEN E NON FIRAN.
ü  Énchenos, Señor, da sinceridade para afastar de nós canto provoca feridas e dor nas persoas coas que tratamos cada día, SEÑOR, QUE AS NOSAS PALABRAS AMEN E NON FIRAN.

GLORIA

(Cantado)

REMUÍÑO

ö No libro do Éxodo acabamos de escoitar que Israel tiña unha forte conciencia de pobo, de sentido comunitario, da importancia simbólica dos sinais como encontros de presenza de Deus entre eles. Cando celebran a pascua, saben que están non só rememorando un acontecemento do pasado que lles lembra quen son e de onde veñen, senón que nese rememorar están tomando conciencia de que a súa misión segue viva no presente, e que a eles lles corresponde ser testemuñas do camiño iniciado polos seus antepasados. Non miran logo cara atrás con nostalxia porque xa non teñen nada que dicir nin celebrar; ao contrario, a referencia ao seu pasado sérvelles de impulso para manter actual e viva a súa conciencia de ser pobo de Deus, de que seguen en camiño, de que o futuro do pobo depende deles. Tamén a nós, neste Xoves Santo, nos corresponde tomar conciencia de quen somos, de cales son as nosas raíces e de onde temos a nosa identidade. Para non perdernos nin diluírnos nun anonimato que, cada vez máis, parece que imos relegando –non é que outros o fagan por nós a modo de vinganza, senón que somos nós os que renunciamos por falta de convencemento– á invisibilidade. No mundo de hoxe, na nosa sociedade, o obxectivo non é o de volver nin á cristiandade nin ao nacional–catolicismo que tanto poder deu á Igrexa, e tanto dano ten acabado producindo entre nós ao non sabelo converter en servizo e participación plural. Cando unha Igrexa non é capaz de superar as fronteiras da imposición, a intolerancia e o ritualismo baleiro de contido, o tempo acaba poñéndoa nas beiras do descrédito e da falta de empatía e recoñecemento ao seu labor e á súa presenza na sociedade. Isto ten ocorrido coa Igrexa en occidente, e como consecuencia dese querer buscar prestixio achegándose ao poder, e non recoñecemento por ter sabido estar ao lado dos pobres e excluídos, estamos hoxe sendo unha Igrexa residual nun mundo que vai moi a présa e para o que xa non temos folgos que nos leven a entendelo e entrar en diálogo con el. Por iso, nesta tarde de Xoves Santo, como fixo o pobo de Israel, e como fixo Xesús cos seus doce amigos, nós somos invitados a tomar conciencia de que a celebración non é un rito que nos recorda a un Deus afastado e a quen lle temos medo, senón presenza viva e actuante que nos leva a ser, tod@s, non só o papa, bispos ou curas, sinal de presenza de Deus, seguidores daquel que converteu en servizo a causa da súa vida, e desde el fixo presente que Deus non é o que se afasta de nós, senón que somos nós os que lle damos as costas a El. Comer hoxe o pan da Eucaristía ten que ser unha confesión de fe que mostre que queremos ser Igrexa no medio do mundo. Igrexa de solidariedade, escoita, encontro, comuñón fraterna e con capacidade de entender e dialogar co mundo plural no que estamos e que axudamos a construír. Un diálogo que non é nin busca condenar, senón entenderse para, entre uns e outros, apostar pola causa do ser humano, da persoa, rompendo a lóxica do poder, do dominio, do sometemento e da manipulación pola que nos queren ir levando os poderosos aos que nin lles importa Deus nin lles importan as persoas, senón o beneficio, o enriquecemento e a súa capacidade de humillar e poñer baixo de si aos demais. E por iso compiten. De aí o importante que é que neste Xoves Santo tomemos conciencia de que, espertando da atonía na que ás veces temos caído, debemos impedírllelo. A verdadeira indignación marcóunola Xesús, cando denunciaba a hipocrisía dos fariseos e o engano dos poderosos. Que mellor camiño e invitación ao seguimento!.

ö A isto se refería Paulo cando nos lembra, agradecido, o testemuño -palabra e vida- que recibira respecto ao que ocorrera na derradeira Cea. Non foi un conto ou unha historia, senón que el recibiu o compromiso concreto e real de que a presenza no mundo dos que queremos ser seguidores de Xesús non pode ser pasivo, deixando que outros fagan e tomen iniciativa por nós. Canto el nos conta do que ocorreu naquela sala con Xesús e os seus amigos, foi a primeira toma de conciencia de que temos que estar sempre en actitude activa, esperanzada e convencida. O “comede e bebede o meu corpo e sangue” non é un relato do pasado; tampouco un xesto que recordamos cada ano por estas datas; senón a presenza viva de Xesús no pan e no viño. É unha presenza sempre actuante, que nos fai tomar conciencia de que non repetimos un rito, senón que actualizamos, facemos presente un encontro que nos move, nos alenta e nos di que por moi mal que vaian as cousas, El segue ao noso lado e non podemos deixarnos vencer pola preguiza. Aquí radica o verdadeiro sentido que nos aporta e diferenza aos que cremos en Xesús de Nazaret, o Fillo de Deus, o que na súa persoa fai presente o Reino e mostra que o camiño cara á salvación non é doado, pero si é posible. Xoves Santo é tamén renovación de todo canto fai que a vida pague a pena, porque é un unirnos aos demais na construción de estruturas e relacións máis humanas que mostren que Deus está presente nelas. O esforzo do día a día nesta tarefa, e sen desfalecer, vén acompañado pola presenza do Espírito Santo que alenta e fortalece os nosos esforzos e nos anima cando se achega a tentación de abandonar e darlle as costas a Deus.

ö Desde este camiño que Deus abriu na pascua de Israel e renovou coa encarnación do seu Fillo, Xesús de Nazaret, celebramos nós, acompañados pola forza do Espírito, este Xoves Santo. O recoñecemento do outro como irm@n, servizo desinteresado ao compartir gozoso coas comunidades, que se reúnen ao redor do altar para non esquecer onde está a nosa raíz, e cal ten que ser o noso traballo para dar froitos que rompan a dinámica da vida como ganancia produtiva, e a convertan nunha experiencia humana e fraterna.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

            Na tarde do servizo desinteresado e do amor convertido en rostro de persoas, irmáns e amigos, queremos agradecer este momento de oración para unirnos e poñer diante de ti todo canto levamos nos corazón e queremos compartir contigo. Facémolo dicindo:

FAINOS, SEÑOR, TESTEMUÑAS AGRADECIDAS DO TEU AMOR

*    Pola Igrexa, para que sexa mesa compartida e así cantos chamen na súa porta atopen sempre un sitio libre para poder sentar e ser acollidos sen desconfianza, OREMOS.

FAINOS, SEÑOR, TESTEMUÑAS AGRADECIDAS DO TEU AMOR

*    Polos pastores da Igrexa, para que vivan e actúen sempre movidos polo amor a Xesucristo, manifestado no servizo aos irmáns, OREMOS.

FAINOS, SEÑOR, TESTEMUÑAS AGRADECIDAS DO TEU AMOR

*    Para que o testemuño de Xesús, que neste Xoves Santo se converte en espello para toda a Igrexa, chamada a ser no mundo gozo e esperanza, faga de nós corazóns solidarios, mans servizais e mesa fraterna de pan compartido, OREMOS.

FAINOS, SEÑOR, TESTEMUÑAS AGRADECIDAS DO TEU AMOR

*    Por cantos neste momento duro e difícil están sendo vítimas do desamor, do odio, e viven en sufrimento e soidade, para que lles chegue o amor desinteresado e sincero dos que nos chamamos seguidores de Xesús, OREMOS.

FAINOS, SEÑOR, TESTEMUÑAS AGRADECIDAS DO TEU AMOR

*    Polos voluntari@s de Cáritas, que en todo o mundo, e a través do seu traballo gratuíto e xeneroso nas parroquias, van poñendo folerpas de esperanza nas vidas das persoas que sofren, ás que eles acollen con amor, OREMOS.

FAINOS, SEÑOR, TESTEMUÑAS AGRADECIDAS DO TEU AMOR

Aléntanos e acompáñanos, Señor, a ser verdadeiros seguidores da túa mensaxe e da túa vida, poñéndolle nome e rostro ao traballo desinteresado que se esforza por facer das comunidades cristiás mandamentos de amor entregado e sempre servizal. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

(Lémola no momento da Adoración)

Amor namorado,
un amor roto en mil anacos.
Comede do meu amor, comédeme a min.
Así, pouco a pouco, saboreando.
Ten as vitaminas do ceo e mais da terra,
é alimento completo e inmortal medicina.
Foi amasado e levedou no seo dunha Virxe,
que no seu desconcerto soubo dicir si.
Foi cocido no forno do Espírito,
e sufriu a división da incomprensión
e do fanatismo dos golpes inimigos.
Soubo superar a incomprensión
para ser acollido por mans agarimosas e necesitadas.
É un pan fermoso, inmenso, nutritivo,
peso de graza, recende a resurrección,
comese no banquete do Reino,
e sabe a Deus.
Comede do meu pan ata fartar.
Comede do meu pan para fortalecervos.
Comede do meu pan ata a pascua,
E deste xeito, resucitados, facédevos pan para os irmáns. Amén.

(Caritas, Yo creo y espero en el amor.Cuaresma y pascua 2013, p.121)

CANTOS

ENTRADA: 
Temos unha festa
GLORIA
LECTURAS: 
Ti es o Pan do Ceo/Xesús é Señor
OFERTORIO: 
Pan do ceo, pan de vida
SANTO: 
Oh Señor noso Deus
PAZ: 
Douvos un mandato novo
COMUÑÓN: 
O amor é o meirande
ADORACIÓN SANTÍSIMO: 
Salve, Santo Sacramento

(Ao final da celebración sácanse os manteis e déixanse os altares nus, para concentrar todo no lugar a onde levamos a Eucaristía. Alí poñeremos o signo coresmal).

POWER POINT

Xoves Santo - ciclo C

-------------------------------------------
ORACIÓN DE XOVES SANTO






Se fósemos capaces


Se fósemos capaces
de xuntar ombreiro con ombreiro,
brazos con brazos
e levar o mesmo ritmo neste tempo aciago...

Se fósemos capaces
de compartir tantos soños,
fatigas, bágoas e fracasos
que nos acompañan no camiño diario...

Se nos fixésemos un,
uns con outros respectándonos,
uns xunto a outros solidarizándonos,
sen deixar de ser proxecto evanxélico...

Se nos fixésemos grito,
rostro e boa noticia
dentro e fóra da Igrexa
para todos os que buscan ás apalpadelas...


Se construísemos un bloque
de vermellos e namorados corazóns
sensibles a todo o que xorde
nos catro puntos cardinais...

Se construísemos unha casa,
a túa casa nativa nesta terra,
con portas e fiestras abertas
e sala de encontros ben acolledora...


Se nos abrazásemos
máis aló das conveniencias,
de leis, credos e mandatos
psicolóxicos, sociais e relixiosos...

Se ao abrazarnos
transmitísemos luz,
calor, vida e sabor
para gustar toda a creación...

Se fósemos luz humilde
que non quere ocultarse
e non teme manifestarse
nas prazas e vieiros da historia....


Se fósemos sal non eslamiado
que non teme mesturarse
nin perderse entre a xente
para darlles sabor e graza...

Se crésemos que é posible
atoparte e gozarte
no noso lodo de sempre
cuberto xa con tantos disfraces.


Se crésemos, se fósemos,
se fixésemos, se abrazásemos...


Que fermosa arquitectura se alzaría
para que todos vivísemos a gusto,
neste tempo e nesta terra,
máis aló das nosas ideoloxías!








Comentarios

Publicacións populares