Domingo 5 de Coresma - ciclo C


5º DOMINGO DE CORESMA  -  CICLO C


Primeira Lectura     Is 43, 16-21
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Velaí procuro a renovación e darei de beber ao meu pobo

            Así fala o Señor, que fixo un camiño polo mar e unha verea polas augas impetuosas,
que fixo saír carros e cabalos, un exército moi poderoso.
            Eles deitaranse e non se levantarán, apagáronse coma a torcida dun candil, extinguíronse.
Non vos lembrades das cousas pasadas? Non comprendedes as cousas antigas?
            Ollade: eu estou facendo algo novo; xa agroma: non vos dades conta?
Si, vou abrir un camiño no deserto, ríos na estepa.
            Os animais do campo honraranme, os chacais e os poliños da avestruz,
porque porei augas no deserto, ríos no ermo,
para darlle de beber ao meu pobo, ao meu escollido,
ó pobo que eu criei para min, e que contará a miña loanza.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
R/. (3): O Señor fixo connosco cousas grandes, estamos cheos de alegría.

Cando o Señor cambiou a sorte de Sión,
parecíanos un soño.
A boca enchéusenos de risos,
a lingua de cantares.

Daquela dicían os pagáns:
"O Señor fixo con eles cousas grandes".
O Señor fixo connosco cousas grandes,
estamos cheos de alegría.

Cambia, Señor, a nosa sorte,
coma os regatos no deserto.
Os que sementan entre bágoas,
recollen entre cantares.

Cando van, van chorando
os que levan a semente.
Ó viren, veñen cantando
os que traen os seus monllos.


Segunda Lectura     Flp 3, 8-14
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Por Cristo considerei perda todas as cousas, conformándome á súa morte

            Irmáns:
            Todo me parece perda comparado coa prominencia do coñecemento de Cristo Xesús, o meu Señor. Por El guindeino todo e doulle tanto valor coma ao lixo con tal de gañar a Cristo e de vivir nel, sen ter eu mesmo a xustiza da Lei, senón a xustiza que se recibe de Deus pola fe en Cristo, a xustiza de Deus que nos chega pola fe, para o coñecer a El, experimentar a  forza da súa resurrección e sintonizar cos seus sufrimentos, reproducindo en min a súa morte, para ver de acadar tamén eu a resurrección dos mortos.
            Non é que eu xa chegase á meta nin que xa atinxira a perfección. Non. Eu aínda vou correndo, a ver se a alcanzo, xa que tamén eu fun alcanzado por Cristo Xesús.
            Irmáns, eu non boto de conta que a teña atinxido.
            Velaquí o único que fago: esquezo o que queda atrás e, lanzándome cara ao que está diante, bulo para pillar o premio ao que Deus desde arriba nos convoca en Cristo Xesús.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO     Xl 2, 12-13

Así que, di o Señor,
convertédevos a min de todo corazón;
porque son benigno e misericordioso.


Evanxeo     Xn 8, 1-11
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Quen de vós estea sen pecado, sexa o primeiro en tirarlle a pedra


            Naquel día, á tardiña, Xesús saíu para o Monte das Oliveiras. Pero á alborada, presentouse outra vez no templo e toda a xente veu onda el; el sentou e empezou a ensinar.
            Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio; puxérona no medio e medio e preguntáronlle:
            ‑ Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio. Moisés, na Lei, mandounos apedrar a esta xente. Ti que dis?
            Preguntábanllo á mala fe para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra. Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles:
            ‑ Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra. E, abaixándose outra vez, escribía na terra. Pero eles, ao que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos máis vellos.       Quedou el só coa muller, que seguía no medio. Ergueuse entón e preguntoulle:
            ‑ Muller onde van? Ninguén te condenou?
            Ela respondeulle:
            ‑ Ninguén, Señor.
            Díxolle Xesús:
            ‑ Tampouco eu te condeno: vaite e desde agora non peques máis.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


PORQUE A PASCUA NON É CALENDARIO SENÓN EXPERIENCIA DE RENOVACIÓN E CAMBIO, PREPARÉMONOS PARA GOZAR DA PRIMAVERA DO EVANXEO EN CADA UN DE NÓS
TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com


SIGNO Colocamos o quinto colector do lixo, de cor azul, que leva escrito: “O Señor fai connosco cousas grandes; estamos cheos de alegría”.

PÓRTICO
No final deste tempo de coresma, co camiño a piques de rematar, somos de novo convocados para celebrar e compartir a fe. Estamos xuntos, sentímonos comunidade, pero non debemos esquecer que, aínda que acompañados, somos nós persoalmente os que temos que ir rematando as etapas do camiño, ninguén as vai poder facer por nós. Por iso, desde a sinceridade que debemos ter para non caer no noso propio engano, nesta mañá de domingo acheguémonos ao altar dispostos a botar no colector do lixo canto se nos resistía polo moito apego que lle tiñamos, e incorporémonos coa limpeza de corazón, respondendo á invitación de participar deste encontro de fe, misericordia e gratitude compartida en comunidade.

O PERDÓN
- Que esteamos sempre dispostos a recoñecer que as adherencias que provocan a envexa, a vinganza ou o odio aos demais, temos que botalas ao noso colector persoal de lixo, SEÑOR, QUE NON NOS ENGANEMOS A NÓS MESMOS.
- Que nunca renunciemos a facer canto estea na nosa man e leve aos demais consolo, paz e ledicia, CRISTO, QUE NON NOS ENGANEMOS A NÓS MESMOS.
- Que as nosas actitudes sexan as de superar o derrotismo, e mirar cara ao futuro, para deixar atrás a nostalxia dun pasado que xa non virá e para vivir desde o presente que entre todos podemos cambiar, SEÑOR, QUE NON NOS ENGANEMOS A NÓS MESMOS.

REMUÍÑO
- Contra o que moitas veces pensamos e manifestamos, a referencia a Deus constantemente se nos mostra como o gran facedor e propulsor do respecto da natureza. O Deus ao que lle rezamos é o Deus da harmonía, do equilibrio sostible co cosmos, ese cosmos que El mesmo puxo nas nosas mans para que o agarimásemos, o coidásemos e o protexésemos. Saber que o mundo é un agasallo recibido, convértenos no só nos seus receptores, senón en propulsores de todo canto signifique termar do mundo e de cantos estamos e formamos parte del. Como poderemos vivir con xustiza e dignidade as persoas,se non coidamos a casa –oikós– na que vivimos, o mundo onde nos relacionamos uns cos outros, onde facemos proxectos xuntos, onde a través das criaturas imos percibindo e gozando da presenza de Deus? Tamén neste tempo de coresma hai lugar para esta reflexión sobre o coidado que nos merece o mundo no que estamos e construímos. Ese mundo que non pode ser nunca algo alleo a nós, senón parte integrante. A actualidade do texto de Isaías axúdanos a entender por que a fe non se pode reducir a algo privado, íntimo e individual, senón que abrangue e ábrese a toda a realidade da que forma parte o ser humano e todo canto este ten sido capaz de recrear. Somos logo invitados a loar a Deus por todo canto temos recibido, por todo canto temos que ofrecer e compartir cos demais, por todo canto temos que legar ás xeracións que veñen tras de nós. Beber desta fonte dun mundo que é de todos, é querer poñerse no camiño do Deus que nos abre as mans para acollernos, e que nos invita tamén a nós a ser acolledores con todo canto del temos recibido. Aquí está verdadeiramente o novo que comeza a xurdir: a Palabra de Deus que nin se queda nas páxinas dun libro, nin perde a frescura para poder ser comprendida como palabra de esperanza que loita, consola e alenta contra calquera desesperanza que poida xurdir e someter a quen ten que ser centro de todo o creado: a persoa, nacida para ser e desenvolverse como imaxe e semellanza do Deus Pai/Nai no que sempre nos sentiremos queridos e acollidos. Que mellores grandezas ca estas, tal e como cantaba Israel no seu exilio en Babilonia. Porque non nos deixou solos, porque terma de nós, porque nos ofreceu o mundo como casa de todos, casa incluínte e acolledora, estamos ledos e saímos ás prazas e ás rúas a anuncialo e a compartilo.


- Todo o demais que nos incumbe xira ao redor desta presenza de Deus coa que nos agasallou en Cristo. El é forza, alento, consolo… desde o que facer as cousas, desde o actuar honesto e responsable. Non é, logo, a fe unha confianza absoluta e cega en algo que non vemos, senón confianza e gratuidade naquel que nos ofrece a Cristo como espello, imaxe da súa presenza, do seu querer estar e ser con nós, do traballo por dignificar e humanizar a vida das persoas, principalmente daquelas que máis sofren, menos as entenden e se van quedando nas beiras dun mundo que mira demasiado para adiante e pouco para os lados. Como lle ocorría a Paulo, a meta inda a temos lonxe, pero se temos a Xesús como referencia do que facemos, nunca perderemos o horizonte, e algúns, non importa o cando concreto, chegaremos a ela, porque nela está o premio. Non temos logo que preocuparnos de mirar atrás, de queixarnos levar polo de agora e de enxalzar o que xa pasou, senón que a tarefa que temos por diante é seguir camiñando para poder acadar o premio de poder descansar nel e con el.

- Pero para conseguir chegar a esa meta non podemos crernos nin erixirnos en salvadores e redentores da ortodoxia, da seguridade doutrinal e do verbo ampuloso e demagóxico, senón avanzar con paso pequeno e seguro, sen ter medo a equivocarnos. Non son os xuízos de calidade sobre a santidade individual os que nos achegan a Cristo, senón a sinceridade para ir botando no colector todo iso que nos impide ser sinxelos e nos leva a converternos en xuíces dos demais, dos que non cumpren co patrón que nos consideramos que é único. A iso se atreveron aqueles que querían lapidar á muller. Sacaban peito para ver quen era o que máis pedras tiraba, pero Xesús cálalles a boca ao poñer a forza da acusación no actuar de cada un deles: “quen non teña pecado, que tire a primeira pedra”. Unha fermosa lección que ninguén nin nunca deberiamos esquecer.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Achegámonos agora á mesa do altar para poñer ao lado do pan e mais do viño a nosa oración comunitaria dicindo xuntos:
CHEOS DE LEDICIA, SENTIMOS A TÚA PRESENZA
·        Para que todos cantos formamos parte da Igrexa nos esforcemos por beber da auga que nos ofrece a mensaxe de Xesús, e nos abramos ao mundo con actitudes de participación, diálogo e escoita, OREMOS.
CHEOS DE LEDICIA, SENTIMOS A TÚA PRESENZA
·        Para que nas nosas comunidades parroquiais esteamos sempre atentos ás situacións das persoas sabendo descubrir o sufrimento, a dor ou a pobreza dos seus membros, non para criticalos polo que non fixeron, senón para tenderlles a man e axudalos no que poidamos, OREMOS.
CHEOS DE LEDICIA, SENTIMOS A TÚA PRESENZA
·        Para que desde a honestidade coa que cada un de nós foi deixando no colector canto non nos facía nin axudaba a sentírmonos a ben con nós e cos demais, aproveitemos esta limpeza de corazón para non deixar que volva crecer a coroza da insensibilidade, a soberbia ou a despreocupación polos demais, OREMOS.
CHEOS DE LEDICIA, SENTIMOS A TÚA PRESENZA
Señor, que cheguemos verdadeiramente preparados para participar con gozo na celebración do gran misterio da nosa fe: a Semana Santa, coa que ti nos segues alentando para que non fagamos da nosa vida un campo cheo de broza, senón un prado no que creza a herba verde da esperanza que ilusione a nosa vida e nos leve a recoñecernos como irmáns. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Tremía a muller, condenada a morrer,
cando aínda lle quedaba tanta vida.
Morrer a pedradas, lentamente.
Malditas pedras!
Cantas serían necesarias?
Pero non, as pedras eran inocentes, non saben.
Malditos homes que as tiraban!
É unha desgraza ser muller,
os homes utilízante,
e despois limpan as mans nas páxinas da Escritura...
Como se Deus tamén o quixera.
(Do libro de Cáritas, Coresma e Pascua 2013, p.78/79)

CANTOS

*    ENTRADA: Na noite escura
*    LECTURAS: Arrepentido
*    OFERTORIO: Déixate querer
*    COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos

POWER POINTS

rtvg
Domingo 5 de Coresma - ciclo C

Comentarios

Publicacións populares