Este teu irmán estaba morto e reviviu - Lc 15, 1-3.11-32

Domingo 4 de Coresma - ciclo C



A ALEGRÍA DE DEUS

O Deus que nós temos, Deus de verdade,
é un Deus agarimoso, doído dos males.
Non queda no ceo, ollando para a xente,
contento na gloria, aínda que outros rebenten.

Tampouco é un Deus que castiga,
cando alguén non cumpre co que a lei obriga.
Abaixouse á xente, é un coma nós,
doído dos malos, doído dos bos.

Non ten un receo en ser dos amigos
da xente perdida, dos máis aflixidos.
El busca a compaña dos máis pecadores,
con eles barulla, loita, canta e come.

Pendangas e ladróns, borrachos tirados
teñen cabo del convite agardando.
Cando un dos seus fillos se arreda do mal,
monta grande festa que non ten igual.

E que Deus non goza co mal, co castigo;
o gozo de Deus é o ben dos seus fillos.
Se es pecador, e quen non o é?,
acolle contento de Deus o querer.

Fai festa na festa do perdón de Deus,
e faite doído dos males dos teus. 



Comentarios

Publicacións populares