Quen de vós estea sen pecado, sexa o primeiro en tirarlle a pedra - Xn 8, 1-11

Domingo 5 de Coresma - ciclo C




FORON LISCANDO UN A UN

Quen son eu, Señor,
en que ceo coido estar subido
para erguer a man
contra do irmán,
xulgando, e condenando sen sentido
ao débil, ao culpable, ao pecador,
quen son eu, Señor?

Quen son eu, Señor,
pois se leo e repaso a miña vida,
descubro nela escuridades,
caídas e maldades,
que me declaran sen medida
contra ti e contra a xente pecador,
quen son eu, Señor?

Quen son eu, Señor,
para negarlle ao veciño e compañeiro
a man do perdón
e a comprensión,
eu que gocei de ti primeiro
tanta paz, sen dela ser merecedor,
quen son eu, Señor?

Quen son eu, Señor,
que quero destruír e esnaquizar
as lapiñas que esmorecen
e as canas que devecen
por un chisco de aire para empezar
outra vez, con humildade e con vigor,
quen son eu, Señor?



Comentarios

Publicacións populares