Domingo de Pascua - ciclo C
PARA A MISA DO
DÍA DE PASCUA
Primeira Lectura Feit 10, 34a. 37-43
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Temos comido e bebido con el
despois de que resucitou de entre os mortos
Naqueles
días, tomou Pedro a palabra e dixo:
Vós
sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do
bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a
Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a todos os que estaban
asoballados por Satán; pois Deus estaba con el.
E
nós somos testemuñas de todo o que fixo no país dos xudeus e mais en Xerusalén.
Matárono, colgándoo dun madeiro. A este resucitouno Deus ao terceiro día e
concedeulle que se deixase ver, non de todo o pobo, senón das testemuñas
escollidas de antemán por Deus: nós, que comemos e bebemos con el, despois de
que resucitou de entre os mortos.
E
mandounos que predicásemos ao pobo e atestemos que el é quen foi constituído
por Deus xuíz de vivos e de mortos.
El
é de quen todos os profetas dan este testemuño: todos os que crean nel
recibirán polo seu nome o perdón dos pecados.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 117, 1-2. 16ab-17. 22-23
R/. (24): Este é o día no que
o Señor actuou: alegrémonos nel e relouquemos.
Ou: Aleluia.
Loade o Señor porque é bo,
porque é para sempre a súa
misericordia.
é para sempre a súa misericordia.
A destra do Señor é excelsa,
a destra do Señor fixo proezas.
Non hei morrer, vou vivir,
e pregoar os feitos do Señor.
A pedra que os canteiros
desbotaron,
esa mesma, converteuse en
esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.
Segunda Lectura Col 3, 1-4
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
Buscade as cousas de alá enriba,
onde está Cristo
Irmáns:
Se
resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está
sentado á dereita de Deus; arelade o de arriba e non o da terra.
Vós
morrestes e a vosa vida está agachada con Cristo en Deus. Cando se manifeste
Cristo, que é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El cheos de
gloria.
Palabra do Señor
__________________________________________
Ou tamén: 1 Cor 5, 6b-8
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Purificádevos do vello fermento,
para serdes unha masa nova
Irmáns:
Non
sabedes que un pouco de fermento leveda a masa toda? Purificádevos do vello
fermento, para serdes unha masa nova, coma pans ácimos que sodes.
Pois
o noso año pascual, Cristo, xa foi inmolado.
Fagamos,
logo, a festa pero non con fermento vello nin con fermento de malicia e
perversidade, senón con pan ácimo de pureza e de verdade.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SECUENCIA
(É obrigatorio dicila hoxe; os
días dentro da Oitava é potestativo)
Con cánticos de festa, xubilosos,
loemos o que foi pan inmolado,
á Vítima pascual, trigo frutuoso.
Ó Año que, inocente, sen pecado,
co Pai reconciliando os
pecadores,
Loitaron morte e vida, moitas
dores,
en gran confrontación; o rei da
vida
morreu e reina vivo entre loores.
Que viches, di, María, na
amencida?
Que viches, cando estabas no
camiño?
A pedra do sepulcro xa corrida.
Choraba eu por Xesús con gran
cariño
e foime dado en graza
esplendorosa
a gloria do que vence, en
aloumiño.
E vin, tamén, os anxos que
gloriosas
palabras me dicían de confianza;
vestidos e sudarios vin gozosa.
Xesús resucitou, leda esperanza
para min, tamén para os seus
amigos todos
que irán a Galilea en lembranza.
Que Cristo rexurdiu, el o
primeiro,
é fe que nesta Pascua
proclamamos;
de agora e ata o intre derradeiro
co teu poder de vida camiñamos.
ALELUIA 1 Cor 5, 7b-8a
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia. Aleluia
Foi inmolado Cristo, a nosa
Pascua;
así que celebremos festa no
Señor.
Aleluia.
Evanxeo Xn 20, 1-9
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
É necesario que resucite de entre
os mortos
No
día primeiro da semana María a Madalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda
era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada.
Botou
a correr e, chegando onda Simón Pedro e onda o outro discípulo, a quen amaba
Xesús, díxolles:
‑
Colleron do sepulcro o Señor, e non sabemos onde o puxeron.
Pedro
e mais o outro discípulo saíron correndo cara ao sepulcro. Corrían os dous á
par. Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro, e chegou primeiro ao sepulcro.
Abaixándose,
viu que estaban os lenzos, pero non entrou. Entón chegou tamén Simón Pedro, que
o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos pousados alí. Pero o sudario que
envolvera a súa cabeza, non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro
lugar.
Entón
entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro, ao sepulcro; viu e creu.
(Pois aínda non entenderan que, conforme a Escritura, era preciso que resucitase
de entre os mortos).
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
Tamén se pode proclamar o evanxeo
da Vixilia pascual, núm 41
Cando hai Misa vespertina, tamén
se pode proclamar Lc 24, 13-35 (núm. 46)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Queda connosco, que xa se fai
noite
Naquel
día, dous dos discípulos ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez
quilómetros de Xerusalén.
Ían
falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en
persoa, achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban
incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
‑
De que ides falando polo camiño?
Eles
pararon cun aspecto moi tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle:
‑
Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí
durante estes días?
El
preguntou:
‑
De que, logo?
Eles
contestaron:
‑
Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras,
ante Deus e ante o pobo todo; de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes
o condenaron á morte e o crucificaron.
Nós
esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde
que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un
susto, porque foron ao riscar o día ao sepulcro, e, ao non atoparen o corpo,
volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E
algúns dos nosos alá foron ao sepulcro, atopando todo como as mulleres dixeran;
pero a el non o viron.
Entón
díxolles:
‑
Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo,
non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
E
comezando por Moisés e todos os profetas, foilles interpretando o que as
Escrituras falaban del.
Ó
entraren na aldea onde ían, fixo coma quen quería seguir para adiante. Pero
eles porfiáronlle, dicindo:
‑
Queda connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba.
Quedou
con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e
déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. E
dixeron:
‑
Non ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándonos as
Escrituras?
E
levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos
seus acompañantes, que dicían:
‑
É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.
Eles
tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e como o recoñeceran no partir o
pan.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario