24 mar. 2013

Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches? - Salmo 21

Domingo de Ramos - ciclo C




AS DERRADEIRAS PALABRAS DE XESÚS

Dixo Xesús:
«Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?».

Non lle aforrou o Pai ningunha proba,
Xesús foi home ata chegar ao fondo,
vivíu con forza as alegrías todas,
bebeu tamén amargos desconsolos.

Loitara fortemente polos pobres,
déralles todo, alma e corpo xuntos,
na hora da verdade estivo só,
cravado nunha cruz ... e o ceo mudo.

Unha sombra pasoulle pola alma:
sería bo ou non o seu camiño?
O fracaso non daba pé para a calma,
a fin non era fin dun escollido.

Dixo Xesús:
«Pai, nas túas mans entrego o meu espírito».

Estas verbas pregoan a fe fonda
do home que, fundido na derrota,
recibe de seu Pai confianza abonda
para agardar mellor fin a tanta loita.

A vida ponse ás veces imposible,
cala o ceo, e triunfan os falsarios,
todos son a esmagar nos máis humildes
non se lle ve saída ao desamparo.

A morte de Xesús ten semellanza
coa morte dos pequenos desta terra,
coa morte dos que perden a esperanza
de atopar un destino mellor nela.

Sen mortes que carrexen no seu lombo
a cruz da dar, da soidade cega,
non hai vida, nin paz, nin alegría,
nunca virá mellora para esta Terra.

Benditos sexan, pois, os loitadores,
benditos os que morren pola xente,
benditos os que en bágoas e suores
dun mundo novo botan a semente.





No hay comentarios:

Publicar un comentario