Domingo 13 de Ordinario - ciclo C

13º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C



Primeira Lectura     1 Re 19, 16b. 19-21
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Ergueuse Eliseo e marchou seguindo a Elías

     Naqueles días, o Señor díxolle a Elías:
     ‑ Unxe por profeta, teu sucesor, a Eliseo, fillo de Xafat, de Abel Meholah.
     Elías marchou de alí e encontrouse con Eliseo, fillo de Xafat, que estaba labrando con doce xuntas de bois e levaba el mesmo a derradeira. Elías pasou a carón del e botoulle enriba o seu manto. Eliseo deixou ao momento os bois e foi correndo atrás de Elías, e díxolle:
     ‑ Déixame despedirme de meu pai e de miña nai, e logo ireime contigo.
     El respondeulle:
     ‑ Vai, pero volve, pois xa ves o que fixen contigo.
     Cando estivo de volta, Eliseo colleu a xunta de bois e ofreceunos en sacrificio. Cos apeiros de labrar coceu a carne e deulle á xente de comer. Despois ergueuse, marchou seguindo a Elías e quedou ao seu servizo.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL    Sal 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10. 11
R/. (cf. 5a): Ti es, Señor, a miña herdade.

Gárdame, Deus, que en ti busco agarimo.
Eu declaro ao Señor: Ti es o meu dono,
Ti es, Señor, a porción da miña herdade e do meu cáliz,
está nas túas mans o meu porvir.

Bendigo o Señor que me aconsella,
e ata de noite me ensina no meu íntimo.
Teño sempre presente o Señor,
con el ao meu lado non vou vacilar.

Por iso o meu corazón está contento,
as miñas entrañas reloucan
e o meu corpo descansa seguro,
pois non abandonarás no abismo a miña vida,
nin deixarás que o teu santo vexa a corrupción.

Has amosarme camiños de vida,
has encherme onda ti de ledicia,
de gozo sen fin ao teu lado.



Segunda Lectura     Gal 5, 1. 13-18
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Fostes chamados á liberdade

                    Irmáns:
                    Para vivirmos en liberdade liberounos Cristo. Estádeme, logo, ben firmes nel! Que non vos canguen outra vez o xugo da escravitude!
                    A vós chamáronvos á liberdade. Pero coidadiño con servir aos baixos instintos co gallo da liberdade! Habédesme ser escravos uns dos outros mediante o amor.
                    Porque toda a Lei está completa neste precepto: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. Pero, se vos adentades e devorades, levade tento de non acabardes uns cos outros.
                    Quérovos dicir que vivades conforme o Espírito e que non satisfagades os degoros da concupiscencia.
                    Porque os baixos instintos cobizan contra o Espírito e o Espírito contra os baixos instintos: opóñense de tal xeito entre eles, que non facedes o que de verdade queredes. Mais, se vos guiades polo Espírito, daquela xa non estades baixo a Lei.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA 1 Sam 3, 9; Xn 6, 68c
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Fala, Señor, que o teu servo escoita;
ti tes palabras de vida eterna.
Aleluia.


Evanxeo      Lc 9, 51-62
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Decidiu en firme ir a Xerusalén. Seguireite a onde vaias.

                    Naquel tempo, cando se ía cumprir o tempo de que levantasen a Xesús deste mundo, decidiu en firme ir a Xerusalén. Mandou mensaxeiros por diante. Entrando estes nunha aldea de samaritanos, para lle prepararen pousada, non o recibiron, porque lle coñeceron que ían cara a Xerusalén. Ao veren isto, os discípulos Santiago e Xoán dixeron:
  ‑ Señor, queres que digamos que baixe do ceo un raio que os parta?
Pero el volveuse e rifoulles. E foron para outra aldea.

Polo camiño, díxolle un:
  ‑ Seguireite, vaias onde vaias.
Respondeulle Xesús:
 ‑ As raposas teñen tobeiras, e os paxaros teñen niños; pero o Fillo do Home non ten onde pousar a cabeza.
Díxolle a outro:
 ‑ Sígueme.
Pero el contestoulle:
 ‑ Déixame ir primeiro enterrar a meu pai.
Respondeulle:
 ‑ Deixa que os mortos enterren os seus mortos: ti vai anunciar o Reino de Deus.
Outro díxolle tamén:
 ‑ Señor, seguireite, pero deixa que primeiro me despida da miña familia.
Contestoulle:
  - Quen despois de pór a man no arado, mira para atrás, non é apto para ao Reino de Deus.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo




SUPERANDO O EFECTO GASOSA: XESÚS CHAMA AO SEGUIMENTO, NON SE QUEDA NO EFÉMERO DA EUFORIA

Pórtico
            Día a día vaise impondo no noso xeito de pensar e facer as cousas a idea de que todo é efémero, de que as cousas son para o aquí e agora e nada máis. E a forza de ilo repetindo e escoitando unha e outra vez, acabamos por crelo. A consecuencia deste xeito de pensar e actuar é clara: nada vale nada, aos demais sempre podemos utilizalos para os nosos intereses, non importa ter valores, principios ou horizontes na vida, para que? Vivamos ao día, vivamos a tope, non nos preocupemos nin dos outros nin do que pasa ao noso lado. Total, para que, se todo dura nada e vale menos? Deste xeito, o efecto gasosa –moita forza pero para pouco tempo– non só se vai impoñendo na percepción da realidade, senón que o futuro nin nos importa nin o esperamos. E tan así é a cousa que as consecuencias estámolas a vivir cada día: as persoas non valen nada e, polo tanto, que máis dá enganalas, tratalas como se fosen cousas ou actuar como se non estiveran? Deste xeito, cada día son máis as persoas e colectivos aos que se lles condena ao máis absoluto dos silencios e á invisibilidade. Diante disto, os cristiáns seguimos crendo que en Xesús hai un camiño persoal e comunitario que nos invita a realizar, e no que atopamos sentido, forza e enraizamento. Non é unha chamada a actuar coma a gasosa, senón a prezar o esforzo, a paciencia, a capacidade de resistir e non virse abaixo diante das dificultades.

            Unámonos, logo, nesta mañá a cantos queremos celebrar a fe respondendo a esta invitación de Xesús, e saiamos do noso encontro comunitario do domingo cheos de gozo, esperanza e compromiso para non deixarnos arrastrar pola moda do efémero.

Perdón
û  Señor, que non nos deixemos levar pola impaciencia e o arrouto, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS A SEGUIRTE.
û  Cristo, que non caiamos na tentación de construír a vida desde o efémero, CRISTO, QUE NON RENUNCIEMOS A SEGUIRTE.
û  Señor, que non nos deixemos desacougar diante dos problemas e dificultades, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS A SEGUIRTE.

Remuíño
·         Eliseo e máis Elías sabían que a presenza de Deus estaba con eles, por iso, a pesares das dificultades, as dúbidas e os temores que lles acaían, non renunciaban. Sabíanse acompañados, o que os motivaba para seguir poñendo paz, esperanza e xustiza, desde a súa palabra, na vida do pobo. Deus era a súa forza, o motivo para non deixarse ir; a enerxía que non lles permitía estar calados diante do que estaba a ocorrer. Tamén nós hoxe somos invitados a actuar coma Elías e mais Eliseo: sen medo, sen sentirmos vergoña, con ganas e ilusión, para que a tristura, o desencanto, a desesperanza e a sensación de fracaso non aniñen na nosa vida nin na dos que están ao noso lado. E iso todos somos conscientes de que non é nada doado, porque por moito que nos esforcemos, a presión, cando todo se derruba ou parece derrubarse, é moita e moi grande. A fe non nos chama, nestas situacións a resignarnos; tampouco nos dá un programa político ou económico; ela, por si mesma, non resolve problemas. Non é o seu cometido. Pero si podemos ir descubrindo desde a mensaxe na que asentamos a nosa fe a imaxe dun Deus que non se deixa ir, que non cae na resignación, que non xustifica a realidade como se non houbera nada máis que facer. A fe, logo, ofrécenos un Deus que coa súa presenza ao noso lado vainos dando azos para loitar, para non quedar calados, para movernos, para gritar e actuar contra todo canto queira converter á persoa nunha realidade invisible coa que podemos xogar e á que podemos utilizar segundo o interese dos poderosos. Este é o gran milagre de Deus: dános confianza e empúrranos a poñer en práctica todos os valores e actitudes que ao longo dos textos da súa palabra nos foi deixando. Iso podemos velo hoxe claramente nas actitudes tanto de Eliseo como de Elías: souberon escoitar a voz de Deus e puxéronse en camiño. Que tamén nós, entre o barullo deste mundo cheo de cousas tan efémeras, aprendamos a descubrir a voz permanente de Deus que nunca cansa e sempre acompaña...o que non quita que teñamos que ser nós os que tomemos as decisións e asumamos as consecuencias da nosa liberdade e das nosas limitacións.


·        Unha liberdade desde a que Paulo lles fala a aquel grupo de cristiáns de Galacia. En Cristo fomos salvados, pero tamén nel tod@s nós fomos liberados de calquera escravitude. Xa nada é máis forte ca nós. Agora que, especialmente no ámbito do deporte, utilizamos expresión “podemos”, para poñer de manifesto que en nós, nas nosas mans, está a capacidade para conseguir logros e metas; tamén podemos aplicalo a calquera ámbito da nosa vida para manifestar que a liberación que desde Cristo se realizou en nós, convértenos sempre en capaces. Xa non é o destino o que marca o noso camiño, senón nós mesmos, coa capacidade que temos de tomar unha ou outra decisión, de orientar a vida cara a un horizonte ou outro. Isto que Paulo lle lembra aos Gálatas vale tamén para nós. Non podemos permitir que outros, os que máis poden, mandan ou saben, decidan por nós, reducíndonos a simples peóns que moven ao seu gusto. Un cristián non acepta este xeito de actuar, porque desde Cristo somos invitados a ser os protagonistas da nosa propia historia, sen deixar que ninguén a secuestre e acabe contándoa ou vivíndoa, por nós. E para unha persoa libre, o amor ten que ser o seu guieiro, como o foi para Xesús; o que significa que non é misión nin tarefa nosa comernos uns aos outros a dentadas, senón deixarnos guiar pola forza do Espírito que sempre nos chama a un vivir humano e humanizador, sen componendas que enganen e escravicen aos demais ou a nós mesmos.

·          De aí que, como decidiu Xesús, tamén nós temos que ir baixando das torres persoais que nos incomunican e nos fan crer mellores cos outros, para tamén poñernos en camiño e ir á Xerusalén; asumir a incomprensión, o desprezo ou o abandono, pero sen renunciar ao obxectivo que nos marca o ser seguidores de Xesús: camiñar construíndo e testemuñando o ben diante do mal. Seguilo non é doado. Supón non acomodarse, superar a preguiza, non deixarse levar dos apoios que poidamos ter. Seguir a Xesús ha facer que moitas veces nos sintamos esquecidos por aqueles amigos que se achegaban buscando e seguindo os seus intereses; pero estaremos cheos dos amigos que buscan e recoñecen a presenza e a dignidade de Deus nos irmáns. Por iso a fe non é unha emoción efémera, senón un compromiso esixente. Unha esixencia que moitas veces pode acabar deixándonos solos... inda que cheos da ledicia e da esperanza de quen sente consigo a Xesús ao facer as cousas ben.

Oración da comunidade
            Oramos xunt@s ao Señor, sentíndonos comunidade que atopa na oración comunitaria forza e alento para afrontar  a vida sen deixarnos levar da desesperanza, e dicimos:
SEÑOR, QUE DESCUBRAMOS AO NOSO LADO O AGARIMO DA TÚA PRESENZA
*    Para que na Igrexa non nos deixemos levar pola tentación do efémero e non esquezamos que só dedicándolle tempo e esforzo ás persoas poderemos sentir o gozo e a ledicia de descubrirte e atoparnos contigo, OREMOS.
SEÑOR, QUE DESCUBRAMOS AO NOSO LADO O AGARIMO DA TÚA PRESENZA
*    Para que non renunciemos nunca a construír comunidade e fagamos o esforzo por asociarnos para camiñar xunt@s nos diversos ámbitos da nosa vida: na igrexa, na parroquia, no barrio, participando nas actividades culturais, creando actividades para goce dos demais, tendendo a man ao amig@ que nos necesite..., OREMOS.
SEÑOR, QUE DESCUBRAMOS AO NOSO LADO O AGARIMO DA TÚA PRESENZA
*    Para que o seguimento de Xesús saibamos convertelo en proximidade aos enfermos, acompañamento de quen está só, solidariedade para quen non ten e respecto para todas as persoas, OREMOS.
SEÑOR, QUE DESCUBRAMOS AO NOSO LADO O AGARIMO DA TÚA PRESENZA
Grazas, Señor, por darnos a oportunidade de sentir a forza e o apoio da comunidade nestes tempos difíciles, nos que o efémero e as présas fannos esquecer que son a perseveranza e a paciencia as que conseguen logros de realización persoal e de ben común. P.XN.S. Amén.

Reflexión
Onde atopar ao Señor?
Quen poderá ver o seu rostro?
Verano os pobres de espírito,
que por non estar apegados a nada
escoitan con atención a voz de Deus.
Verano os de corazón manso,
aqueles que construíron a paz na súa propia vida.

Onde atopar ao Señor?
Quen poderá ver o seu rostro?
Verano os que teñen fame e sede de xustiza
e claman a Deus para que a paz reine no mundo;
os que piden ao seu Señor que faga desaparecer tantas inxustizas
e tantas mortes sen sentido.
Verano os que teñen misericordia do irmán,
os que teñen un corazón cheo de amor polos demais.

Onde atopar ao Señor?
Quen poderá ver o seu rostro?
Verano os que predican co exemplo antes que os que se dedican só a falar;
os que constrúen antes que os que destrúen;
os que traballan pola paz antes que os que provocan a guerra.

Que haberá que facer?
En quen habitará o noso Deus?

Só quen o busca o atopará para seguir buscándoo.
Só quen se pregunta poderá atopar o camiño.
Só quen viva o amor na súa plenitude
contemplará o verdadeiro rostro de Deus.
Só o posuirá aquel que se deixe posuír por el.
Só o acadará quen sexa alcanzado pola súa graza.
Só quen viva en tensión, en crecemento, en maduración
será habitado polo Señor.


CANTOS
ü  ENTRADA: 
Camiñando pola vida
ü  LECTURAS
Amigos nas penas
ü  OFERTORIO: 
Cantade ao Señor
ü  COMUÑÓN
Acharte presente na vida

POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares