14 jun. 2013

Domingo 11 de Ordinario - ciclo C

11º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C


Primeira Lectura     2 Sam 12, 7-10. 13
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DE SAMUEL
Deus non tivo en conta o teu pecado: non morrerás

            Naqueles días, Natán díxolle a David:
            ‑"Ti es ese home.
            E isto di o Señor, Deus de Israel:
            Eu unxinte por rei de Israel
e libreite das mans de Saúl.
            Entregueiche a casa do teu señor
e puxen as súas mulleres nos teus brazos.
            Fíxente dono de Israel e de Xudá
e, por se fose pouco,
deiche aínda outras cousas.
            Por que, logo, desprezar a palabra do Señor,
facendo o que el reproba?
            Mataches coa espada a Urías, o hitita,
para casares coa súa muller.
            Matáchelo coa espada dos amonitas.
Agora a espada non se afastará da túa casa.
            Visto que ti me desprezaches,
tomando para ti a muller de Urías, o hitita.
            David díxolle a Natán:
            ‑ "Pequei contra o Señor!"
            E Natán díxolle:
            ‑ "O Señor perdoa o teu pecado e non morrerás.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 31, 1-2. 5. 7. 11
R/. (cf. 5c): Perdoa, Señor, a culpa do meu pecado.

Ditoso aquel a quen lle foi perdoada a súa culpa,
a quen lle foi enterrado o seu pecado.
Ditoso aquel a quen o Señor
non lle ten en conta o delito,
o que non leva fraude no seu espírito.

Confeseiche o meu pecado,
non che escondín o meu delito;
Dixen: "Vou confesar a miña culpa ao Señor",
e ti perdoáchesme a culpa e o pecado.

Ti es o meu amparo: gárdasme dos perigos
e cínguesme co gozo do rescate.

Alegrádevos no Señor e reloucade os xustos,
aclamádeo todos os rectos de corazón.



Segunda Lectura     Gal 2, 16.19-21
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Vivo, xa non eu; vive en min Cristo
  
            Irmáns:
            Como sabemos moi ben sabido que ninguén se xustifica polas obras da Lei senón pola fe en Xesús Cristo, chegámonos tamén nós a crer en Cristo Xesús, para sermos xustificados pola fe en Cristo e non polas obras da Lei, porque polas obras da Lei non se vai xustificar ninguén.
            Porque precisamente pola Lei morrín á Lei, a fin de vivir para Deus. Fiquei crucificado con Cristo e vivo: mais xa non vivo eu; é Cristo quen vive dentro de min.
            E aínda que agora vivo unha vida mortal, vivo na fe do Fillo de Deus, que me amou e que se deu en sacrificio por min.
            Eu non boto a perder a graza de Deus. Pero, iso si, se a xustificación nos viñese da Lei, Cristo tería morto para nada.

Palabra do Señor                             
               R/. Grazas a Deus



ALELUIA     1 Xn 4, 10b
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Deus amounos e mandou o seu Fillo
para que expiase os nosos pecados.
Aleluia.



Evanxeo     Lc 7, 36 -- 8, 3  (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Perdoáronselle moitos pecados porque amou moito
  
            Naquel tempo, un fariseo convidou a comer a Xesús; e Xesús entrou na casa del e púxose á mesa. Unha muller, coñecida como pecadora na vila, sabedora de que estaba alí, levou un frasco de alabastro con perfume de mirra, botouse por detrás aos pés del chorando, e comezou a regarllos coas bágoas; secáballos cos cabelos da súa cabeza e bicáballos mentres llos unxía co perfume.
            Vendo aquilo, o fariseo que o convidara dixo para si:
            ‑ Se este fose un profeta coñecería quen é, e que caste de muller é a que o está a tocar, unha pecadora.
            Xesús tomou a palabra e díxolle:
            ‑ Simón, teño algo que che dicir.
            El contestou:
            ‑ Pois dío, Mestre.
            ‑ Un prestamista tiña dous debedores; un debíalle cincocentos denarios, e o outro cincuenta. Como non tiñan con que lle pagar, perdooulles aos dous. Ora, quen deles o amará máis?
            Respondeulle Simón:
            ‑ Supoño que aquel a quen máis lle perdoou.
            El contestou:
            ‑ Ben dito.
            E volvéndose cara á muller, díxolle a Simón:
            ‑ Ti ves esta muller? Entrei na túa casa, e non me deches auga para os pés, pero ela regoumos coas súas bágoas e secoumos cos seus cabelos. Non me deches o bico, pero ela desde que entrou non parou de me bicar os pés. Non me unxiches a cabeza con aceite, pero ela unxiume os pés con perfume. Por iso dígoche: moitos pecados se lle perdoaron, cando mostra tanto amor; a quen pouco se lle perdoa, pouco amor mostra.
            E díxolle a ela:
            ‑ Os teus pecados están perdoados.
            Entón os demais convidados empezaron a comentar entre eles:
            ‑ Quen é este, que mesmo pretende perdoar os pecados?
            Pero el díxolle á muller:
            ‑ Salvoute a túa fe, vai en paz.
            Despois disto púxose a percorrer vilas e aldeas, predicando e anunciando a Boa Nova do Reino de Deus. Ían con el os Doce e mais algunhas mulleres que el curara de doenzas e de malos espíritos: María, chamada a Madalena, curada de sete demos, Xoana, a muller de Cusa, administrador de Herodes, Susana e outras moitas que o servían cos seus bens.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

________________________________________

Ou: 7, 36-50  (máis breve):

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

            Naquel tempo, un fariseo convidou a comer a Xesús; e Xesús entrou na casa del e púxose á mesa. Unha muller, coñecida como pecadora na vila, sabedora de que estaba alí, levou un frasco de alabastro con perfume de mirra, botouse por detrás aos pés del chorando, e comezou a regarllos coas bágoas; secáballos cos cabelos da súa cabeza e bicáballos mentres llos unxía co perfume.
            Vendo aquilo, o fariseo que o convidara dixo para si:
            ‑ Se este fose un profeta coñecería quen é, e que caste de muller é a que o está a tocar, unha pecadora.
            Xesús tomou a palabra e díxolle:
            ‑ Simón, teño algo que che dicir.
            El contestou:
            ‑ Pois dío, Mestre.
            ‑ Un prestamista tiña dous debedores; un debíalle cincocentos denarios, e o outro cincuenta. Como non tiñan con que lle pagar, perdooulles aos dous. Ora, quen deles o amará máis?
            Respondeulle Simón:
            ‑ Supoño que aquel a quen máis lle perdoou.
            El contestou:
            ‑ Ben dito.
            E volvéndose cara á muller, díxolle a Simón:
            ‑ Ti ves esta muller? Entrei na túa casa, e non me deches auga para os pés, pero ela regoumos coas súas bágoas e secoumos cos seus cabelos. Non me deches o bico, pero ela desde que entrou non parou de me bicar os pés. Non me unxiches a cabeza con aceite, pero ela unxiume os pés con perfume. Por iso dígoche: moitos pecados se lle perdoaron, cando mostra tanto amor; a quen pouco se lle perdoa, pouco amor mostra.
            E díxolle a ela:
            ‑ Os teus pecados están perdoados.
            Entón os demais convidados empezaron a comentar entre eles:
            ‑ Quen é este, que mesmo pretende perdoar os pecados?
            Pero el díxolle á muller:
            ‑ Salvoute a túa fe, vai en paz.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo





 Perdoar significa que nada está escrito para sempre,
que temos capacidade para rexenerarnos cada día, cada hora;
para aprender dos erros, das insuficiencias, dos fracasos;
para ir acurrunchando a nosa parte escura no proceso cara á luz.
Cortés El ciclo C (páx.154)

A RECONCILIACIÓN DESDE O AMOR: CAMIÑO DE VIDA E MADUREZ PERSOAL
PÓRTICO
Toda a celebración litúrxica deste domingo xira ao redor da experiencia da reconciliación, da que todos nós, por unha ou outra razón, estamos necesitados. Reconciliación con nós mesmos –que pouco nos queremos ás veces!; reconciliación cos demais, reconciliación con Deus e mesmo reconciliación co mundo do que formamos parte. Reconciliarse é unha tarefa esixente: volver a unir o que por rutina, comodidade, costume ou indiferenza se foi rompendo, illando ou destruíndo. E o cumio da reconciliación é o cambio: volver a poñérmonos de novo en camiño, saber onde está a meta que tantas veces foramos deixando atrás. Nunha palabra, reconciliarse é conseguir de novo a ilusión na vida.
Xesús, no evanxeo que imos escoitar hoxe, danos un novo exemplo de que, se queremos, nada pode impedir que nos reconciliemos con Deus, con nós e cos demais. É unha cuestión de liberdade. A liberdade de coñecer, querer e saber. Non é Deus o que nos impide reconciliarnos, somos nós ou os demais os que poñemos atrancos, dureza de corazón e soberbia ao non deixar que o que fixemos mal e rachara, volva unir. Atendamos á Palabra de Deus, que busca cambiar os nosos corazóns, para que non que aniñen neles nin o rancor nin as ansias de vinganza.
O PERDÓN
*        Por non querer saber que reconciliarse non é unha palabra, senón un cambio de actitude no noso xeito de comportarnos, SEÑOR, QUE NON SEXAMOS SOBERBIOS.

*        Porque en moitas ocasións seguimos menosprezando e minusvalorando o papel das mulleres na sociedade e na Igrexa, CRISTO, QUE NON SEXAMOS SOBERBIOS.

*        Por non querer deixar atrás canto sabemos que nos afasta de Ti e dos demais, e nos fire interiormente, SEÑOR, QUE NON SEXAMOS SOBERBIOS.
REMUÍÑO
û  Cando falamos de Deus, temos que ter sempre en conta dúas palabras que son as que mellor expresan e mostran o que queremos dicir: amor e perdón. Si, porque Deus é amor. Amor que acolle, acompaña, aloumiña, escoita, alenta e se preocupa... Nada que ver co concepto de amor ao que tantas veces nos referimos hoxe. Deus non se identifica coa paixón física, senón que o seu amor di referencia sempre a termar e preocuparse pola persoa. El é quen, desde e por amor, envía o seu Fillo para que a plenitude deste amor se converta en entrega xenerosa de coherencia e doazón. Por iso a cruz, para nós, cristiáns, e para os que sen selo queiran comprender o seu significado, non é un espectáculo de morte e fracaso, senón entrega e triunfo; é resurrección e mais vida. Desde estas claves é desde onde temos que entender que queremos dicir ao empregar a expresión “Deus é amor“.

û  Unha segunda palabra que nos axuda a entender e identificar a Deus como presenza na nosa vida é a de perdón. E cando dicimos perdón, buscamos expresar unha actitude de achegamento ao irmán, a capacidade e o esforzo de non deixar que a xenreira, o odio ou as ansias de vinganza aniñen no corazón. Como somos humanos, moitas veces nin o entendemos nin somos capaces de deixar atrás eses episodios, esas situacións nas que nos sentimos feridos polo que nos fixo alguén. Porén, Deus non actúa así. Porque é amor, o perdón é a actitude que pon de manifesto que, para El, o rancor non é camiño que renove e humanice á persoa, senón que o camiño pasa por dar novas oportunidades; El non mira nunca para o atrás da nosa vida, para o que xa pasou, senón que nos abre camiños de futuro e esperanza. Por iso a misericordia e o perdón se van abrindo paso sempre no actuar do seu Fillo.


û  Unha misericordia e un perdón que hoxe se poñen de manifesto na acollida de Xesús a aquela muller pecadora, reparando non no seu pecado, senón na súa capacidade para cambiar e recuperar a súa dignidade. Así de simple, pero tamén así de complicado e difícil. Cantos de nós seriamos capaces de achegarnos aos marxinados, aos parias, aos máis miserentos das nosas parroquias, dos nosos barrios, das nosas vilas… sen medo ao que os demais poidan opinar? Cantas veces calamos por medo diante de verdadeiros escándalos para non sermos sinalados co dedo? Quen non tragou sapos e aguantou inxustizas por manter o cu no asento, o carguiño, o prestixio, o poder? E a cousa é infinitamente peor se, coma no caso que nos ocupa hoxe, hai unha muller polo medio. Cando aínda escoitamos dos nosos curas frases do tipo “agarrádevos ao altar, que o ambón xa o colleron elas”, cando co gallo dunha misa solemne se dá a consigna de que non lean elas, para que non haxa mulleres no presbiterio; cando determinadas teimas do tipo “non é bo que as mulleres falen cos curas, diáconos, bispos ou seminaristas, non vaia ser que perdan a vocación”, cando a tantas persoas valiosísimas se lles nega o acceso a postos de responsabilidade na Igrexa polo simple feito de ter nado mulleres, cando á voz delas lle esiximos un “plus” para ser escoitada, cando falar de mulleres e falar de pecado son termos sinónimos... e que algo, realmente escandaloso e enfermizo, está a pasar dentro da nosa Igrexa.

û  Que a misericordia de Deus aniñe en nós cada día para poder ir tecendo, alí onde esteamos, cobertores de solidariedade, amor e misericordia que poñan sempre de manifesto que somos dignos seguidores do Mestre; quen non condenaba, senón que perdoaba e acollía... tamén ás mulleres, porque non facía distincións.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, toda a comunidade quere unir neste momento o seu corazón e a súa palabra para, compartindo a oración, dicirche:
QUE O TEU PERDÓN NOS AXUDE A PERDOAR
·         Señor, sabemos que a Igrexa moitas veces non responde á misión de ser amor e perdón para tantas persoas que chaman na súa porta buscando ser acollidas. Axúdanos e aléntanos para que non nos desviemos do teu camiño, OREMOS.
QUE O TEU PERDÓN NOS AXUDE A PERDOAR
·         Señor, nas nosas comunidades somos moi de ritos, costumes e tradicións, pero coñecemos pouco o teu Evanxeo e a túa mensaxe. Dános forza para renovar o noso corazón e as nosas actitudes, para que agrome en nós a túa misericordia, OREMOS.
QUE O TEU PERDÓN NOS AXUDE A PERDOAR
·         Señor, que aprendamos a vivir na misericordia de quen sabe perdoar, comprender, escoitar e animar a quen pida de nós tempo e atención, OREMOS.
QUE O TEU PERDÓN NOS AXUDE A PERDOAR
Confortados por canto pos na nosa vida, queremos, Señor, seguir compartindo gozos e esperanzas que nos alentan e animan no camiño. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Pai,
agradecemos que sigas alentando
todo canto facemos por construír unha vida reconciliada.
Comparte esta nosa tarefa de deixarnos reconciliar:
contigo, cos irmáns, con nós mesmos e co mundo.
Non é doado, Ti e mais nós sabémolo ben!
Somos preguiceiros para todo canto nos supón o esforzo de cambiar, escoitar e perdoar.
Por iso non avanzamos!
Hoxe temos escoitado que é o amor o único que move ao perdón.
Que non o esquezamos nunca.
Dános azos para non abandonar a tarefa de reconstruír en nós
canto nos fai avanzar no camiño da reconciliación;
para que as nosas vidas e as dos demais, coñezámolos ou non,
se enchan sempre da dignidade que puxeches nelas.
Que a forza do Espírito faga dos nosos corazóns
latexos de acollida e esperanza persoal e comunitaria.
Compartimos os gozos, as tristuras, as ledicias e os fracasos
de cantos dixeron si á túa invitación de deixarse reconciliar.
Que o noso compartir, convertido en amor, saiba ser:
conforto para quen está desacougado e triste e
solidariedade para quen está solo e necesitado.
Queremos que a nosa oración polas familias, as nosas e as dos demais,
sexa o primeiro paso neste camiño de reconciliación, persoal e comunitaria, á que nos chamas.
Dános,Pai, sabedoría que encha do teu amor os nosos corazóns.
Guíanos no noso compromiso para acadar a meta de sentírmonos reconciliados.
Pedímoscho polo noso Señor Xesucristo, o teu Fillo,
que xunto co Espírito Santo nos dan o alento
para que a reconciliación enchoupe a nosa vida. Amén.

CANTOS
ü  ENTRADA:
Que ledicia a miña
ü  LECTURAS:
Benaventurados
ü  OFERTORIO:
Pan do ceo, pan de vida
ü  COMUÑÓN:
O amor é o meirande

POWER POINTS

No hay comentarios:

Publicar un comentario