Domingo 4 de Ordinario C

DOMINGO IV ORDINARIO  -  CICLO C


Primeira Lectura     Xer 1, 4-5. 17-19
LECTURA DO PROFETA XEREMÍAS
Fíxente profeta para as nacións
  
            Nos días de Iosías, a palabra do Señor veume dicir:
            ‑ Antes de te sacar do seo da túa nai, mireite;
antes de lle saíres das entrañas, consagreite;
constituínte profeta para as nacións.
            Pero ti has cinguir o teu van,
has erguerte e dicirlles
todo o que eu che mande.
            Non te acovardes por medo deles,
non sexa que eu te faga esmorecer diante deles.
            Fíxate: hoxe convértote en cidade cortada a pico,
en columna de ferro, en muralla de bronce, para todo o país,
para os reis de Xudá e para os seus príncipes,
para os seus sacerdotes e para a xente do campo.
            Faranche guerra, pero non poderán contigo,
pois contigo estou eu para te salvar ‑ é o Señor quen fala ‑.

 Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL Sal 70, 1-2. 3-4a. 5-6ab. 15ab e 17
R/. (cf. 15ab): A miña boca pregoa a túa salvación, Señor.

Abrígome en ti, Señor,
que endexamais me vexa defraudado;
líbrame pola túa xustiza, e deféndeme;
inclínate cara a min, e sálvame;
ven axiña, ven librarme.

Sexas para min a rocha que me defende,
o forte castelo onde me salve,
xa que ti es a miña fortaleza e o meu refuxio.
Rescátame, meu Deus, do poder dos malvados.

Ti es, Señor, a miña esperanza;
ti, Señor, a miña confianza desde a mocidade.
Desde o nacemento apóiome en ti,
desde o seo materno ti es o meu amparo.

A miña boca pregoa a túa xustiza,
pregoa decote a túa salvación.
Dende a miña mocidade ensináchesme, oh Deus,
e aínda hoxe canto os teus prodixios.



Segunda Lectura          1 Cor 12, 31 -- 13, 13 (máis longa)
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Permanecen a fe, a esperanza, e o amor; pero delas a meirande é o amor.
  
            Irmáns:
            Cobizade os carismas mellores. Pero aínda vos hei mostrar o camiño por excelencia.
            Por moito que eu falase as linguas todas dos homes e as dos anxos, se non tiver amor, non sería máis ca un bronce que resoa ou un pandeiro que repenica.
            Por moito que eu falase inspirado e comprendese todos os misterios e mais toda a ciencia e tivese tanta fe que movese os montes, se non tiver amor, non sería nada.
            Por moito que eu reparta todo o que teño e me deixe queimar vivo, se non tiver amor, non me sería de proveito ningún.
            O amor é de corazón grande, é servizal. O amor non ten envexa, non ten fachenda, non se ensoberbece; non é malcriado, non busca a súa comenencia, non se alporiza, non garda malicia; non simpatiza coa inxustiza, senón que se alegra coa verdade. Desculpa sempre, fíase sempre, espera sempre, atura sempre.
            O amor non pasa endexamais; mentres que as profecías desaparecerán, as linguas calarán, a ciencia acabará. Porque a nosa ciencia é limitada, e limitada é a nosa inspiración: e cando veña o perfecto, desaparecerá o limitado.
            Cando eu era neno, falaba coma un neno, pensaba coma un neno, razoaba coma un neno; cando cheguei a home, deixei de lado as cousas de neno.
            Do mesmo xeito: agora vemos nun espello, escuramente; pero daquela habemos ver cara a cara. Agora coñezo dun modo incompleto; pero daquela hei coñecer tan ben coma Deus me coñece a min.
            En resumo: hai tres cousas que permanecen: a fe, a esperanza, e o amor. Pero delas a meirande é o amor.

  Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus


Ou máis breve: 13, 4-13

LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

            Irmáns:
            O amor é de corazón grande, é servizal. O amor non ten envexa, non ten fachenda, non se ensoberbece; non é malcriado, non busca a súa comenencia, non se alporiza, non garda malicia; non simpatiza coa inxustiza, senón que se alegra coa verdade. Desculpa sempre, fíase sempre, espera sempre, atura sempre.
            O amor non pasa endexamais; mentres que as profecías desaparecerán, as linguas calarán, a ciencia acabará. Porque a nosa ciencia é limitada, e limitada é a nosa inspiración: e cando veña o perfecto, desaparecerá o limitado.
            Cando eu era neno, falaba coma un neno, pensaba coma un neno, razoaba coma un neno; cando cheguei a home, deixei de lado as cousas de neno.
            Do mesmo xeito: agora vemos nun espello, escuramente; pero daquela habemos ver cara a cara. Agora coñezo dun modo incompleto; pero daquela hei coñecer tan ben coma Deus me coñece a min.
            En resumo: hai tres cousas que permanecen: a fe, a esperanza, e o amor. Pero delas a meirande é o amor.

   Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus



ALELUIA    Lc 4, 18
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
O Señor mandoume evanxelizar os pobres;
a predicarlles a liberación aos cativos
Aleluia.



Evanxeo           Lc 4, 21-30
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Xesús, coma Elías e Eliseo, non é mandado soamente para os xudeus
  
            Naquel tempo, empezoulles a dicir Xesús na sinagoga:
            ‑ Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.
            E todos se lle puxeron á contra, estrañados polas palabras de graza que saían da boca del. E dicían:
            ‑ Pero non é este o fillo de Xosé?
            El díxolles:
            ‑ Seguramente me recordaredes aquel refrán: Médico, cúrate a ti mesmo; todo canto oímos que fixeches en Cafarnaúm, faino aquí na túa terra.
            Pero el continuou:
            ‑ Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra. Tede por seguro que no tempo de Elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres anos e seis meses e unha gran fame anegou todo o país; e a ningunha delas mandaron a Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón.
            E moitos gafos había en Israel no tempo de Eliseo, o profeta, e a ningún deles curou, fóra de Naamán, o sirio.
            Oíndo estas cousas, todos os que estaban na sinagoga puxéronse feitos unhas feras; así que, erguéronse, botárono fóra da vila, levárono ata o alto do monte no que está edificada, coa intención de o precipitaren embaixo. Pero el botou a andar polo medio deles e marchou.

  Palabra do Señor                              R/. Loámoste, Cristo





Por que sempre lle damos tanta importancia ás campás e descoidamos para que nos chaman?
4º TOC 2016
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/

POWER POINTS
CANTO GOZOSO
*         ENTRADA: 
*     LECTURAS: 
*     OFERTORIO: 
*     COMUÑÓN: 


ESCOITA ACTIVA
Mira que insistimos unha e outra vez na importancia da fe e máis da esperanza! E facemos ben; pero esquecemos que estas dúas non valerían ren se non as poñemos en relación coa caridade. A mensaxe de Xesús está dirixida ás persoas, ao seu corazón, a canto nos fai sentir e percibir. Non estamos diante dunha construción dogmática, preocupada por controlar se somos ou non moi cumpridores das prácticas de piedade ou se nos apartamos de cumprir ou incumprir as leis que ao longo destes dous mil anos de vida da Igrexa nos fomos dando para poder organizarnos como comunidade universal presente en todo recuncho do mundo. Xesús fala e fai, invitándonos tamén a nós a falar e facer poñendo o amor no centro da nosa vida. E porque somos unha comunidade de comunidades, temos que aprender a respectarnos uns a outros desde a pluralidade de linguas e culturas nas que imos vivindo e dándolle contido e concreción á súa mensaxe. E se El sempre pon o amor no centro, por que nós nos empeñamos en levar conta das veces, do como, e do con quen, no canto de esforzarnos por ser mellores persoas, máis humanas e felices, para que o amor sexa o cerne desde o que confesemos a fe e vivamos a esperanza?


CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Porque esquecemos que o amor non é un acto físico, senón un compromiso de respectar, acoller e acompañar a quen se sente derrotado e esquecido; SEÑOR, QUE FAGAMOS DA SALVACIÓN DEFENSA DOS MÁIS DÉBILES.
·      Porque nos deixamos levar polo derrotismo, e renunciamos a loitar por facer da túa esperanza luz no camiño da vida; CRISTO, QUE FAGAMOS DA SALVACIÓN DEFENSA DOS MÁIS DÉBILES.
·      Porque nos sobra boa vontade; pero nos faltan compromiso e esixencia para tomar en serio a túa mensaxe; SEÑOR, QUE FAGAMOS DA SALVACIÓN DEFENSA DOS MÁIS DÉBILES.


OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*      O Señor desde sempre nos buscou e nos esperou. Para El somos presenza constante e permanente. E namentres a nosa relación duns cos outros está moi marcada polo interese e o esquecemento, a relación de Deus con nós é sempre unha relación de presenza, acompañamento de raíz e identidade. Como di o profeta Xeremías na primeira lectura, antes de saír do seo das nosas nais El xa nos miraba con tenrura e misericordia. A súa pegada púxoa en nós desde o comezo: no amor dos nosos pais e nais que deu lugar á nosa vida. Estaba presente alí e ségueo a estar tamén hoxe. E así o cremos e confesamos cando rezamos xuntos e cando levamos o que temos vivido nas celebracións á vida de cada día. E esa é a nosa tarefa, non outra, por moito que nos queiran desviar do fundamental da fe para convertela en costume, rito ou imposicións. A súa invitación é unha constate chamada a non ter medo, a non esmorecer, a non deixarnos render polas dificultades e problemas que nos poidan ir aparecendo.
*      Só desde esta identidade xenética –desde o comezo– poderemos entender canto Paulo recolle na súa carta aos Corintios ao afirmar que o amor é cerne da vida do cristián. Sen amor non seriamos máis que robots que cumpren normas; pero que son incapaces de descubrir o outro como igual e irmán, como rostro de presenza de Deus. E isto, aínda que o teñamos escoitado moitas veces e de xeitos diferentes, nunca pasa de moda, porque aquí reside o que define e diferenza a un seguidor de Xesús de quen non o é. Non somos cristiáns por ter sido bautizados; tampouco por repetir xestos que facían os nosos maiores, senón por esforzarnos en vivir o amor, por facer del verdade na nosa vida. Non é logo nin unha palabra que pase de moda nin tampouco unha actividade físico ximnástica, senón actitude permanente que identifica e mostra que Xesús segue presente no noso mundo a pesares da tecnoloxía ou a indiferenza. O amor, imaxe que mellor define a Deus, non pasa. Porque, coma El, tamén é para sempre.
*      Sendo o actuar de Xesús coherente co seu dicir, non é de estrañar que os veciños dubidaran del. A eles (só a eles?) non lles cabía na cabeza que aquel fillo do carpinteiro e daquela moza que o tivera antes de casar con Xosé, puidese presentarse coma Fillo de Deus; o que daba cumprimento na súa persoa ás palabras que desde había tantos séculos viñan lendo e rezando xuntos na sinagoga. Non podían dar creto a que un dos deles e coma eles puidese presentarse invitando a cambiar os comportamentos, anunciándolles que a salvación pasa pola acollida e o respecto duns para cos outro; que lles fixese saír as cores pola súa falta de sinceridade e coherencia á hora de actuar, pois críanse os mellores por cumprir ritos e normas; pero non eran capaces de poñer o corazón no que facían. Isto pasáballe a Xesús cos veciños; pero... non nos pasa tamén a nós que somos desconfiados e valoramos pouco, cando non nada, os logros dun veciño ou de alguén que está disposto a poñer tempo do seu a favor do tempo de todos? Preguntémonos logo, non o que outros fan por nós, senón o que nós somos capaces de facer polos outros. Porque na resposta que deamos verémonos reflectidos como seguidores -ou non- de Xesús.


FRATERNIDADE ORANTE
Compartamos en comunidade a oración que nos fai sentir comunidade en comuñón que se une en linguas e culturas distintas para proclamar que o amor de Deus nunca nos abandona, dicindo:
SEÑOR, QUE O AMOR DE IGUALDADE SEXA O NOSO GUIEIRO

·         Para que Igrexa sexa berce de amor e non madrasta incapaz de amar e acoller a quen se sente só, desenganado e triste, OREMOS.
SEÑOR, QUE O AMOR DE IGUALDADE SEXA O NOSO GUIEIRO
·         Para que as nosas comunidades sexan lareira de quentura onde nos xuntemos para escoitarnos, axudarnos e preocuparnos uns polos outros, OREMOS.
SEÑOR, QUE O AMOR DE IGUALDADE SEXA O NOSO GUIEIRO
·         Para que non esquezamos nunca que Deus non pon nin fronteiras nin barreiras que separen, senón que é un Deus que tende pontes para encontrarnos e unirnos na loita por coidar a casa común que non é de ninguén en particular, senón de todos en igualdade, OREMOS.
SEÑOR, QUE O AMOR DE IGUALDADE SEXA O NOSO GUIEIRO

Grazas, Señor, por invitarnos a vivir o amor, a esperanza e a fe na misericordia, facendo o esforzo por superar prexuízos que nos separan e tantas veces nos enfrontan. P.X.N.S. Amén.


MIRADA DE ESPERANZA
O Señor é “misericordioso”: este vocábulo evoca unha actitude de tenrura, coma a dunha nai polo seu fillo. En efecto, o termo hebreo usado pola Biblia leva a pensar nas vísceras, no ventre materno. Por iso a imaxe que suxire é a dun Deus que se conmove e sente tenrura por nós, coma unha nai cando colle ao seu fillo no colo, unicamente desexosa de amar, protexer e axudar, pronta a doar todo, ata a si mesma. Esta é a imaxe que este termo suxire. Por tanto, un amor que se pode definir, no bo sentido, “visceral”.
Despois, está escrito que o Señor é “compasivo”, no sentido de que concede a graza, ten compaixón e, na súa grandeza, debrúzase sobre cantos son fráxiles e pobres, sempre pronto a acoller, comprender e perdoar. É coma o pai da parábola do Evanxeo de Lucas (un pai que non se pecha no resentimento polo abandono do fillo mais novo, ao contrario, continua a esperar por el –foi el que o xerou!– e despois corre ao seu encontro, abrazándoo. Nin sequera lle deixa rematar a súa confesión –como se tapase a súa boca– tan grandes son o amor e a alegría por telo reencontrado; e de seguida vai chamar tamén ao fillo mais vello, que se sente indignado e non quere festexar. Era o fillo que permaneceu sempre na casa, pero que vivía máis coma un servo que coma un fillo. O pai debruzase sobre el, convidándoo a entrar, procurando abrir o seu corazón ao amor, a fin de que ninguén sexa excluído da festa da misericordia. A misericordia é unha festa!


(Catequese do Papa: O nome de Deus é o Misericordioso 13/1/2016)

Comentarios

Publicacións populares