Invocarán o meu nome a prol dos fillos de Israel e Eu bendicireinos - Num 6, 22-27

Santa María, Nai de Deus


UN BELÉN DIFERENTE

Este ano poñeremos un nacemento diferente,
sen anxos, sen pastores, sen reis,
porque na miña aldea xa case non existen,
e nenos e adultos non entenden que estean
contigo só os que non vemos nas rúas.
No seu lugar poñeremos figuriñas do presente.

Un parado, vítima de todas as multinacionais,
coas mans cheas de calos
e con engurras na fronte.
Ten vergoña e doe miralo.

Un inmigrante, sen patria, sen fogar,
sen papeis, de cor, con cheiro e fame.
Quizás esta noite o acubille alguén.

Unha muller maltratada,
coa mirada triste e tenrura latexante,
usada e xulgada por case toda a xente.
Quizás esta noite reencontre a súa dignidade.

Un neno escravo, sen perspectivas de futuro,
porque nesta terra non ten presente.
Quizás esta noite vexa a estrela da súa vida.

Un famento, vítima da nosa sociedade
consumista que non ten prexuízos
á hora de tripar os demais.
Quizás esta noite lle chegue a súa xustiza.

Un enfermo, separado, illado coma unha peste,
deitado nun leito sen futuro e case sen presente.
Quizás esta noite alguén se achegue
a el e lle dea un biquiño.

Un ancián abandonado porque xa non é útil,
só e illado dun mundo
que non quere trastes vellos.

Quizás esta noite alguén lle faga compaña.
Xa sei que non están todos,
por iso tamén hai unha figuriña
cunha interrogación;
pero se me atrevo a poñerme eu,
e non me esquezo de colocarte a Ti,
este Belén non será de Herodes.




Comentarios

Publicacións populares