Ficha e Lectio - Domingo 2 Ordinario C





LECTIO:

DOMINGO II DO TEMPO ORDINARIO 
(17. I. 2016: Ano C)

            Rematado o tempo de Nadal, os textos que nos propón a liturxia para este novo tempo que comezamos agora, o chamado tempo “ordinario”, son moi diversos. En calquera caso, son todos importantes para o fortalecemento e a animación da nosa fe. En realidade, o tempo “ordinario” empezou xa no anterior domingo, no que fixemos lembranza comunitaria do Bautismo do Señor. O que nesta celebración comentabamos pode servirnos aínda para algúns dos comentarios de agora.
            Porque hoxe, ademais dos temas que nos suxiren os textos litúrxicos, teriamos que ter presente tamén algúns que nos veñen dados desde outras instancias non directamente relacionadas co que acabamos de ler e escoitar nas Lecturas ou no Evanxeo. Refírome a que desde mañá ata o próximo domingo celebramos a Semana da Unidade dos Cristiáns. Ó tempo, celébrase neste mesmo domingo de hoxe a Xornada Mundial das Migracións, dos migrantes e refuxiados. Temas os dous dos que se podería falar longo e tendido, sobre todo en relación co segundo do que temos lido, visto e oído tanto nos últimos tempos.
            Pois ben, como no podemos falar de todo, toquemos algún que outro punto, ben alicerzados na mensaxe fundamental do último domingo, a festividade do Bautismo do Señor. Neste anterior domingo lembrabamos a importancia que ten para a nosa fe o feito de termos sido, todos nós, bautizados “no Espírito Santo”. Pois ese é o bautismo que desde Xesús recibimos os cristiáns. Diciamos que o Espírito de Deus, o Espírito Santo, e un e diverso. Un como hai un só Deus, pero diverso como tamén Deus é un e trino, diferente polo tanto na súa unidade. Por iso o Espírito de Deus unifica, pero tamén sabe e entende de diferenzas, pois Deus é tamén un e diferente.
            Faremos moi ben en pedir e rezar, nesta semana de oración, pola unidade dos cristiáns. Pois ben sabemos que hai outras confesións dentro do cristianismo que non se identifican oficialmente coa nosa, a que chamamos “católica”. A unidade é sen dúbida un gran ben. Pero non estaría mal tampouco que ó tempo pidamos ó Señor que tódalas confesións, tamén a nosa, se convertan en verdadeiramente cristiás. Pedirlle polo tanto que nos converta en verdadeiros seguidores seus. Discípulos auténticos daquel que nos bautizou “no Espírito Santo”. E xa sabemos que no Espírito Santo estamos todos chamados a sermos e a sabérmonos uns e diferentes. Por iso, a diferenza, mentres non se renuncie ós principios básicos da mensaxe de Cristo, debería sentirse sempre cómoda no seo da nosa Igrexa.
            Se este respecto á diferenza se tivese practicado máis e mellor en tempos históricos pasados, posibelmente non teriamos necesidade hoxe de estarmos a pedir durante unha semana enteira pola “unidade dos cristiáns”. Unha unidade que historicamente se rompeu en determinadas e concretas datas do pasado.
            E conste que isto valería tamén á súa maneira, penso eu, para os asuntos políticos que están a ocorrer hoxe en día entre nós. Toda unidade tería que ser sempre suficientemente flexíbel e aberta para que no seo dela puidesen vivir comodamente e sen discriminacións as diferenzas culturais, lingüísticas ou de calquera outro tipo.
            Polo menos na carta ós Corintios que acabamos de escoitar fálanos Paulo do Espírito, no que -como dicía- fomos todos bautizados, como dun Espírito que, sendo el sempre o mesmo, actúa porén de moi diversos modos e maneiras. Un Espírito, dinos Paulo, que ten “diversidade de dons”, “diversidade de servizos”, “diversidade de realizacións”... E se o Espírito actúa de tan diversas maneiras, ¿quen somos nós para forzar as cousas, as realidades, as culturas, as linguas, etc. coa pretensión de converter estas diferenzas en algo absolutamente unitario e monolítico?
            Todo isto pode ter que ver tamén co tema da semana de oración pola “unidade dos cristiáns”. Pero pode telo tamén co outro tema que recordamos hoxe, o da “Xornada das Migracións”. As migracións, os inmigrantes ou emigrantes dun país a outro, dunha cultura ou lingua a outras diferentes son feitos que están aí diante de nós e que podemos ollar tódolos días en maior ou menor medida. A situación social e política de Galicia converteu a nosa terra durante séculos nun país de emigrantes. E nos tempos de hoxe bastantes persoas entre nós volven converterse en emigrantes.
            Si. Como cristiáns, temos que estar atentos a todas estas situacións. Ós que se van e ós que veñen. Temos que acompañalos coa clara conciencia de que son irmáns nosos, en virtude da nosa común irmandade con Xesús, Fillo de Deus. Todos eles teñen unha dignidade da que non os podemos desposuír baixo ningún pretexto. Porque se trata dunha dignidade que lles vén de Deus, non de nós. Temos que loitar por que a súa dignidade e os seus dereitos sexan respectados por todos.
            Todos eles están chamados, igual ca nós, a seren partícipes da dignidade de fillos de Deus. E debemos en principio supoñer ademais que están xa dalgunha maneira participando desa dignidade. Por aquilo que xa comentamos no anterior domingo sobre a grande sorpresa de Pedro ó ter el aprendido e experimentado que, segundo se nos conta nos Feitos dos Apóstolos, “Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta a quen lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa”.
            E a todo isto doume de conta de que non comentei aínda nada sobre o texto do Evanxeo. Só unhas palabras, pois, para rematar. Xesús, ó revés do Bautista, mestúrase coa xente, vive e está con ela. E qué curioso! O seu primeiro milagre, aínda que nolo conte só Xoán, é o do viño nunha voda. Un milagre moi simbólico (como ocorre con frecuencia en Xoán). A Xesús gústalle celebrar a irmandade, a amizade, o amor, a felicidade. E ademais en grupo, en comunidade, en pobo, en reino. Se ese foi o seu primeiro milagre, ese será tamén o seu derradeiro milagre con toda a humanidade, coa creación enteira. Nese reino vindeiro prometido, que será a definitiva e infinita festa da irmandade entre tódolos homes e mulleres do tódolos tempos e nacións. A nosa sorpresa será alí seguramente aínda meirande cá de Pedro, abraiado como estaba de que Deus aceptase onda si a cantos practican a xustiza sexan da nación que sexan.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            Preguémoslle a Deus Pai que nos faga sentirnos sempre unidos como irmáns entre nós, respectando e aceptando as mutuas diferenzas, de maneira semellante a como El e un e diferente do Fillo e do Espírito, dicindo: ESCÓITANOS, Pai. 
Todos: ESCÓITANOS, Pai.

            - Dános, Pai, unha fe fonda na túa paternidade respecto de tódalas persoas, fillos teus e irmáns nosos. 
Todos: ESCÓITANOS, Pai.
            -Concédenos, Pai, a cantos levamos o nome de cristiáns chegarmos a formar entre todos unha unidade respectuosa coas lexítimas e mutuas diferenzas. 
Todos: ESCÓITANOS, Pai.
            - Fai, Pai, que medre en nós o espírito de solidariedade e fraternidade con cantos se ven forzados por diversas necesidades a abandonar a súa propia terra e emigrar a países descoñecidos. 
Todos: ESCÓITANOS, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Señor e irmán noso, en unión co Espírito Santo. AMÉN.

                                                                                              Manuel Cabada Castro

Comentarios

Publicacións populares