Ficha e lectio - Epifanía do Señor C
ADAPTADO DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
EPIFANÍA DO SEÑOR
(Ano C: 6 de
xaneiro 2016)
A escena que tradicionalmente se nos pon á vista na
festividade da Epifanía do Señor ten que ver con reis, estrelas e coa alegría
dos agasallos de ouro, incenso e mirra que os reis magos lle ofrecen ó Neno
Xesús.
Véñenme á lembranza os versos do noso poeta Curros co
gallo do traslado, no ano 1891, dos restos mortais de Rosalía de Castro desde o
cemiterio de Adina ó templo de San Domingos de Bonaval de Santiago. O poema
empezaba así: “Do mar pola orela / Mireina pasar, / Na fronte unha estrela, /
No bico un cantar”. E remataba deste xeito: “¡Ai, dos que levan na fronte unha
estrela! / ¡Ai, dos que levan no bico un cantar!”.
Versos coma estes poderían aplicarse tamén ós Reis Magos
de Oriente, seguidores daquela estrela da que nos fala o evanxelista Mateo que
lles daba luz a eles na súa busca da Verdade e da Vida. Unha busca que neles se
concretaría no encontro agarimoso con Xesús,
o Emmanuel, o “Deus connosco”. Levaban tamén os Reis Magos “na fronte
unha estrela”. Estrela que os guiaba co seu resplandor. A estrela de Rosalía
era o seu amor a Galicia e ás xentes pobres e postergadas do seu país, do noso
país. Os Reis Magos son tamén para nós un símbolo bendito de cantos, sexan
humildes ou poderosos, se poñen en camiño para ofreceren os seus dons e o seu
agarimo ós pobres e necesitados do mundo, representados en Xesús cos seus pais.
Porque ben sabemos que é neles, nos pobres, onde se atopa
Deus e onde el quere que aprendamos a atopalo. Lección que non nos resulta doada
de aprender. Pois no Neno Xesús identifícase Deus cos pobres e humildes do
mundo enteiro. É alí onde Deus quere ser servido, querido e agasallado. Non
noutro lugar. Mirade con que forza o papa Francisco se refería non hai moito ó
lugar central que deberían ocupar os pobres no seo da Igrexa: “Quero unha
igrexa pobre para os pobres. Eles teñen moito que ensinarnos... É necesario que
todos nos deixemos evanxelizar por eles. A nova evanxelización é un convite a
recoñecer a forza salvadora das súas vidas e a poñelos no centro do camiño da
Igrexa. Estamos chamados a descubrir a Cristo neles, a prestarlles a nosa voz
nas súas causas, mais tamén a sermos amigos seus, a escoitalos, a interpretalos
e a recoller a misteriosa sabedoría que Deus quere comunicarnos a través deles”.
Volvendo a vista ós Reis Magos, móstrannos eles no seu
comportamento que é precisamente neste servizo ó próximo necesitado,
representado na pobreza do Neno Xesús, onde se atopa a verdadeira grandeza de
cantos dispoñen de bens e de riquezas. Eles son só verdadeiramente grandes e
poderosos cando saben engrandecer e alegrar ós que carecen de posibilidades
para desenvolver con dignidade a súa vida.
Por outra parte, non pensemos que esta decisión, a dos
Reis Magos ou tamén a nosa propia e particular decisión, foi ou é unha acción
puramente persoal. É sempre o Deus que dirixe a historia e os acontecementos
todos, aínda que sexa desde o humilde lugar dun presebe, o que de moi diversas
maneiras suscita en todos, como tamén nos Reis Magos, bos pensamentos e
desexos. El é sempre quen atrae cara ó ben, cara ó humilde servizo dos pobres e
necesitados do mundo.
Segundo os versos de Curros, Rosalía, impulsada pola
estrela que levaba na fronte, levaba tamén “no bico un cantar”. O canto é
expresión de fe nunha causa, a alegría dun modo de pensar, de actuar e de
traballar que ensancha o espírito e lle dá azos ó camiñar de quen ceiba ó vento
o seu canto. Sobre os Reis Magos dinos Mateo que, tralo seu encontro con
Herodes, a estrela se lles volveu aparecer e que, ó ollala de novo, “sentiron
unha grande alegría”. Tamén deles podemos dicir que levaban “no bico un
cantar”.
Cos seus relatos de Nadal, os redactores destes
acontecementos salvíficos sobre o Neno Xesús, están a ofrecernos, nunha
linguaxe mitolóxica, unha mensaxe moi concreta que suscita e provoca alegría e
esperanza. Temos aí diante un Deus salvador, un Deus Pai que se fai irmán de
todos en Xesús. A fraternidade entre todos queda deste xeito instaurada no
mundo como realidade e como fermoso e esperanzador proxecto a realizar.
Este anuncio ou este destino da humanidade son todo o
contrario do comportamento dun Herodes preocupado pola posibilidade de que o
anunciado “rei dos xudeus” o vaia desbancar do seu posto real, da súa
privilexiada posición de poder. Porque cando un fai depender a súa vida do propio
poder, da propia forza e da propia violencia, entón verase inevitabelmente
tentado a recorrer a toda clase de trampas e artimañas para se manter no seu
posto fronte a calquera que o poida desbancar del.
O tempo de Nadal é un tempo forte que convida a nos
converter a novas categorías. É, ademais, un tempo litúrxico que contén unha
mensaxe dirixida non só ós cristiáns, senón á humanidade enteira. Porque o
verdadeiro templo de Xesús é o mundo enteiro e non o pequeno interior das nosas
igrexas onde podemos contemplar as variadas
representacións do seu nacemento. No fin de contas, pagáns eran tamén os
Reis Magos que camiñaron cara ó encontro do Neno Xesús para agasallalo cos seus
regalos. Por iso, o xudeu Paulo, reconvertido en cristián, alude expresamente,
na segunda Lectura, e con grande abraio,
o gran “misterio” de que tamén “os xentís son parceiros, membros do mesmo corpo
e copartícipes da promesa en Cristo Xesús polo Evanxeo”.
Este Deus universal e concreto, aberto a todas e cada
unha das persoas de calquera espazo cultural, de calquera país, de calquera
relixión ou de calquera tempo histórico, é o que os seguidores de Xesús temos
que ofrecer con humildade, agradecemento e alegría a todos, se é que pretendemos
sermos fieis ó noso Mestre.
Día de Reis é tradicionalmente un día de regalos e
ilusións para moitos, sobre todo para os máis pequenos. Deberiamos desexar que
tódolos días da nosa curta ou longa vida sexan, nalgunha medida, “Día de Reis”
para cantos se atopen nalgún momento das súas vidas connosco, converténdonos
deste xeito pola nosa parte en verdadeiros e esperados reis magos para tantos
empobrecidos do mundo.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Presentémoslle a Deus Pai a nosa oración, por medio do
seu Fillo Xesús, para que nos conceda o que lle pedimos, pregándolle: ESCÓITANOS,
PAI.
-
Transforma, Pai, o noso corazón para que nos
convertamos en reis dadivosos para tódolos necesitados do mundo.
TODOS: ESCÓITANOS,
PAI.
-
Fai, Pai, que –como nos di o papa Francisco-
“aprendamos a misteriosa sabedoría que Deus quere comunicarnos a través dos
pobres”.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
-
Suscita, Pai, en tódalas persoas sentimentos de
bondade e xenerosidade para que ningún neno do mundo se vexa desposuído do amor
familiar e do alimento e educación que precisa.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús, fillo teu e irmán noso, que puxo a súa tenda entre nós. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario