Ficha e Lectio: Domingo 4 Ordinario C
ADAPTADO DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO IV T. O.
(Ano C: 31. I. 2016)
No
evanxeo de hoxe cóntasenos a reacción da xente de Nazaret (a aldea na que se
criara Xesús) ó seu programa “liberador”, que Xesús coa súa lectura acababa de poñer
en relación co profeta Isaías. Unhas palabras, as de Xesús, que contiñan un decidido
anuncio de Boa Nova para os pobres e de liberación ou liberdade para
secuestrados ou asoballados.
Xa
ó final do comentario do último domingo indicabamos que os veciños e coñecidos
de Xesús non acababan de comprender esa mensaxe alegre e “liberadora” de Xesús. As razóns fundamentais eran porque
Xesús, por moi diferente que fose dos demais na intensidade da súa fe e no seu
compromiso práctico coas necesidades e problemas da xente, non deixaba de ser
un máis entre os outros.
¿Quen
era, pois, el, o fillo dun carpinteiro da aldea, para proclamar cun mínimo de
autoridade tales ideas ou programas liberadores? Na cultura, no modo de pensar
e de actuar da xente da súa aldea, a autoridade só podía residir no que fose
sacerdote, escriba, ancián ou pai de familia. Pero nada diso era Xesús e, polo
tanto, non podía menos de provocar estrañeza e desconfianza un tal anuncio aínda
que só fose polo mero feito de vir de quen viña. Respecto da autoridade da que
podía estar revestido, Xesús era simplemente un ninguén.
Pero
hai aínda algo máis. Xesús falaba programaticamente de boas noticias para a
xente e de que as persoas deberían vivir libremente, felices e non sometidas a
tiranías ou sometementos de ningún tipo. E todo isto era proclamado por el ademais
nunha sinagoga. É dicir, nun lugar onde os seus paisanos e conveciños
precisamente ían aprender e se instruír sobre normas, leis e preceptos que
había que cumprir para poder considerarse xustos e así non estaren expostos á
ira e ós castigos de Deus.
En
realidade, o que fixo Xesús foi transformar na súa lectura o texto de Isaías na
súa propia visión de Deus como Pai bondadoso e misericordioso. Por iso omite
Xesús a frase do texto de Isaías sobre o “día da vinganza” de Deus (Is. 61, 2),
para insistir en cambio exclusivamente na “graza” de Deus, non na condena. Será
isto precisamente o que provocará a reacción en contra súa dos asistentes á
sinagoga. Pois deste modo convértese Xesús nun verdadeiro perigo para os
costumes, as crenzas e as ben detalladas leis que rexían a vida familiar,
social e política da xente. Do cumprimento das normas legais relixiosas
dependía a subsistencia do pobo mesmo en canto tal.
Ademais,
a realización do anuncio de Xesús esixía romper cos límites ou fronteiras da
xudaísmo. Pois a mensaxe de liberación
ía dirixido a tódolos asoballados, secuestrados ou oprimidos. Polo tanto a
salvación de Deus non precisaba pasar antes polos ritos e leis do xudaísmo. Por
iso, Xesús, ante a estrañeza e incipiente oposición dos seus oíntes, aludirá
precisamente á liberación da fame ou da gafeira (da lepra) que os profetas
Elías ou Eliseo realizaron con persoas que non pertencían ó pobo xudeu. Pois a
viúva de Sarepta era fenicia e Naamán era sirio.
Como
vedes, o programa liberador e universal de Xesús era algo que o exclusivismo e
elitismo xudeu non podía aturar. Se comprendemos todo isto, non nos estrañará
que a reacción da xente ante o dito por Xesús fose a que foi. A xente entendera
moi ben que o que dicía Xesús acababa coas tradicións e supuña unha verdadeira
revolución na concepción relixiosa do xudaísmo do seu tempo e na comprensión
concreta de Deus. Un Deus que se manifestaba agora en Xesús como Pai de todos,
creando irmandade entre todos e unha fonda relación de amor tan concreto coma
universal. Por iso a Xesús había que eliminalo e, se fose posíbel, alí mesmo.
Para eles a relixión da lei e dos minuciosos preceptos estaba claramente por
encima dos que hoxe en día podemos denominar como “dereitos humanos”.
Lucas
dinos que os que oíron o que dicía Xesús “se puxeron feitos unhas feras” e que
intentaron precipitalo desde o alto dun monte. En realidade, este frustrado
episodio de Nazaret vén sendo case un prenuncio do que lle ocorrerá a Xesús ó
final da súa vida, cando os gardiáns da pureza relixiosa e legal se ergan xa
definitivamente contra el, para eliminalo, esta vez si, de verdade.
Comprenderemos
tamén, neste contexto e case como contrapunto do ocorrido en Nazaret, que Paulo
se sentise impulsado a falar do amor tan belamente como o fixo na súa primeira
carta ó Corintios de hoxe. Porque se hai algo central na mensaxe de Xesús é o
amor. Deus Pai é amor e maniféstase en Xesús como Amor mutuo entre el e o Pai e
como amor dirixido a tódalas persoas do mundo enteiro, convertidas en irmáns e
irmás que se queren, que se aman. Por iso para Paulo, se nos falla o amor,
aínda que teñamos sobresaliente ou matrícula de honor noutras materias,
suspenderemos sen remedio o curso, o curso da vida. Para Paulo non é abondo con
ter notas moi altas no coñecemento de Deus, na elocuencia relixiosa, na
paciencia ante as adversidades, ou incluso en virtudes tan importantes,
chamadas por iso “teologais”, como son a
fe ou a esperanza. Porque mentres nos falle a terceira das tres, o amor, o
esforzo por sacar peito nas anteriores materias non acadará en definitiva resultado
ningún.
Por
que o amor é tan importante? Pois porque sabemos ben que onde hai amor, non hai
sometementos, non hai asoballamentos, non hai secuestros, non hai escravitude.
Paulo mesmo dicía neste seu canto ó amor que o amor “non simpatiza coa
inxustiza”. Nunha palabra, pois: o amor é importante porque alí onde hai amor,
hai liberdade. Esa liberdade ou liberación, que Xesús colocara precisamente
como firme alicerce do seu programa na aldea de Nazaret e que tanto asustara e
indignara ós seus veciños e coñecidos.
O
“medo á liberdade” do que falaba no século pasado o psicólogo e filósofo Erich
Fromm existe, como vedes, desde hai moito tempo. Non deixa de sorprender como podemos
ser tan teimudos para opoñérmonos tanto a algo que está tan unido á nosa
felicidade.
Xesús
chámanos, en calquera caso, á felicidade da liberdade e do amor.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Dirixímosche a ti, Pai, a nosa oración comunitaria, dicindo: ESCÓITANOS,
PAI.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Dános, Pai, a túa luz e a túa graza para comprendermos e aceptarmos a
gran mensaxe liberadora que nos amosas no teu fillo Xesús.
TODOS: ESCÓITANOS,
PAI.
- Énchenos, Pai, do teu espírito de misericordia para con tódalas persoas,
tal e como nolo amosaches en Xesús.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Fai, Pai, que saibamos desprendernos de todo desexo de vinganza ou de
condena respecto dos nosos próximos a imitación de Xesús.
TODOS: ESCÓITANOS,
PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario