Unxiuno Deus co Espírito Santo - Feit 10, 34-38

Bautismo de Cristo - ciclo C


O MOMENTO 
DAS GRANDES DECISIÓNS

Hai moitos que pensan
que Xesús, por ser Fillo de Deus,
xa o tiña todo resolto.

Non tiña que escoller,
non tiña que decidirse,
non tiña que resistir as tentacións,
non levaba interrogantes dentro del.

Todo para el era coma un camiño sen fochas,
como un ceo sen nubes,
como un mar sen ondaxe,
como unha noite estrelada.

E non foi certo.
Xesús foi Fillo de Deus,
pero iso non o privou
nin das pequenas decisións
nin das grandes decisións
que a vida leva consigo.

Tivo que facer fronte
ao mal que o tentaba.
tivo que buscar saída
aos interrogantes que o afogaban.
Tivo que buscar un camiño
para a súa vida incerta.

No camiño das grandes decisións
o bautismo de Xesús foi o primeiro paso.
Desde aquel momento
acompañouno sempre unha certeza:
El era totalmente de Deus, e para Deus;
e Deus era totalmente del e para el.

O Espírito foi quen selou esta alianza
que nada nin ninguén
xamais poderá romper.




Comentarios

Publicacións populares