Ficha e Lectio - Bautismo do Señor
ADAPTADO DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
BAUTISMO DO SEÑOR
(10 xaneiro 2016)
A
meirande parte de nós recibimos o bautismo cando eramos pequerrechos. Un dos
nosos pais ou dos nosos padriños leváronnos no colo á fonte bautismal e as
augas do sacramento do bautismo, sen que puidésemos sermos conscientes do que
ocorría, transformáronnos ritualmente en cristiáns e uníronnos ó corpo místico
de Cristo, á súa igrexa.
Unha
maneira moi distinta de bautismo foi a do bautismo de Xesús. Se nós eramos
daquela infantes e cativos, el era xa unha persoa adulta, que se estaba abrindo
paso na vida. No seu caso foi un acto moi consciente. Xesús sentíase atraído,
como tantos outros, pola figura, polo comportamento, polas palabras do Bautista
que chamaba á conversión e a se ocupar de facer o ben. Moito do atractivo do
Bautista proviña de que aquilo que el predicaba ou proclamaba o levaba tamén á
práctica na súa vida. O Bautista era unha persoa consecuente e sentía no seu
interior o ardor da experiencia de Deus.
Pola
súa parte, Xesús percibía en si mesmo unha experiencia incomparábel, fonda e
misteriosa, de saberse e sentirse como fillo benquerido de Deus, de Deus Pai.
Unha experiencia moi especial, única, da que polo tanto pouco ou nada podemos
nós dicir desde a nosa propia cativeza. Mais, ó mesmo tempo, Xesús era fillo do seu pobo, un máis daqueles
que se achegaban a escoitar o Bautista para se deixar interpelar por el.
Podemos dicir que Xesús estaba tan unido ó seu Pai Deus coma ó seu pobo, á súa
relixión, á súa cultura, á súa lingua, ós seus costumes. Pero dentro del ardía
un lume devorador, un lume humano-divino que el quería estender a todos, para
que a todos lles proporcionase luz e calor. Era ese lume interior de se sentir
fillo especialísimo de Deus e irmán de tódolos humanos. Era a luz e a calor que
el quería estender entre tódalas persoas e que vén sendo a cerna mesma de todo
sentimento cristián: o de sentírmonos irmáns de todos en canto fillos dun mesmo
Pai.
Esta
unión de Xesús con Deus Pai e con toda a humanidade foi a que fixo que o seu
achegamento ó Bautista non fose máis có comezo da súa propia actividade, que se
vai distinguir claramente da do Bautista. Xesús cumpre, ó ser bautizado polo
Bautista, cun rito relixioso, pero non para se quedar pegado a el, petrificado
coma quen di, inmóbil e satisfeito xa consigo mesmo. Non. Xesús, a través deste
rito, vaise converter nunha persoa definitivamente libre para se deixar levar,
polo Espírito e polo Pai, a onde queiran levalo durante o resto da súa vida.
O
propio Bautista apunta a este contraste entre o que el era ou facía e o que era
ou ía facer Xesús, cando, antes de bautizar a Xesús, anuncia ós alí presentes
que el, o Bautista, “bautiza con auga”, pero que, en cambio, Xesús, “bautizará
no Espírito Santo”.
¡Pobre
Espírito Santo, poderiamos aquí engadir, do que tan poucas veces oímos falar e
que é non obstante aquel no que Xesús nos bautizou e nos bautiza a cotío para
nos facer mellores cristiáns, se é que lle deixamos facer en nós tal cousa!
Dentro
do misterio que é e seguirá sendo sempre a Santísima Trindade, din os teólogos
que o Espírito Santo é o “amor” co que se aman Pai e Fillo. Un amor tan grande,
tan infinito, que é el mesmo igual ó Pai e ó Fillo, e que é tan persoa coma o
son o Pai e o Fillo. Palabras e conceptos misteriosos, que para máis dun poderían
carecer de calquera sentido, pero que para un cristián consciente da súa fe
deberían rebordar de oculta grandeza e provocarlle auténtica felicidade. Aquela
felicidade de se saber mergullado, é dicir, bautizado, no Espírito mesmo de
Deus.
Un
Espírito que, coma o vento ou o aire que respiramos (pois diso vén o nome de
“espírito”), está cheo de liberdade, de versatilidade. Coma aquel vento forte
do día de Pentecoste, cando os discípulos de Xesús comezaron a falar, coma se
estivesen borrachos, en linguas estrañas
mais intelixíbeis para os que as escoitaban.
Ou coma as aves do ceo que voan libremente por onde lles peta, sen
atender a estradas polas que tivesen que viaxar ou a camiños sabidos ou
acostumados polos que tivesen que continuar circulando.
¿Non
será quizais por iso polo que se adoita representar o Espírito Santo como unha
pomba? Esas criaturas de Deus que contemplamos a cotío e que semellan reflectir
liberdade e bondade... En calquera caso,
o evanxeo de Marcos de hoxe, dinos que, nada máis ser bautizado Xesús polo
Bautista, “baixou sobre el, coma unha pomba, o Espírito Santo”.
Pois
ben, se o Bautista lles di ós seus oíntes (e neles estamos tamén nós
representados) que Xesús, á diferenza do que fai o Bautista, nos bautizará “no
Espírito Santo”, iso quere dicir que, por medio de Xesús e grazas a El, estamos
todos chamados á liberdade, á alegría, ó amor, á bondade e a tantas outras boas
e fermosas realidades que adoitamos designar co nome de “dons” do Espírito
Santo. Pois será este mesmo Xesús, que empezou a súa andaina no día de Nadal, o
que ó final da súa estancia connosco nos vai mandar este Espírito e estes
chamados “dons” seus.
Por
iso Paulo podía dicir na súa carta ós Gálatas: “Ti xa non es escravo, senón
fillo”. O Espírito de Deus é quen nos libera de toda “escravitude” ou angustia
e nos fai libres coma pombas. Exactamente como ocorreu no acontecemento do
bautismo de Xesús. Dinos, efectivamente, o evanxelista Marcos que, ó tempo que
o Espírito Santo descendía coma unha pomba sobre Xesús, se deixou oír unha voz
que dicía: “Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto”. É dicir, a
conciencia que adquire Xesús de ser fillo de Deus Pai (e non “escravo” del) é o
don fundamental dese Espírito Santo que baixou sobre el e que está a baixar en
todo intre sobre cada un de nós para crear en nós conciencia e sentimentos
filiais en relación co noso Pai Deus.
É
así precisamente como o Bautismo de Xesús afecta fondamente non só a el senón
tamén a todos nós, irmáns seus e fillos adoptivos, mais verdadeiros, de Deus
Pai. Esta é a grande ledicia que nos trae a todos a agarimosa pomba, símbolo da
liberdade e verdade do Espírito de Deus, que descende sobre Xesús.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Pidámoslle
a Deus Pai que faga descender sobre nós e sobre tódalas persoas do mundo a
experiencia de sentírmonos todos irmáns e fillos dun mesmo Pai, dicindo:
ESCÓITANOS, Pai.
-
Dános, Pai, unha fe fonda na divindade e humanidade do teu fillo Xesús.
Todos:
ESCÓITANOS, Pai.
-Concédenos,
Pai, sentirmos a presenza en nós do teu Espírito Santo, no que fomos
mergullados no noso bautismo.
Todos: ESCÓITANOS, Pai.
-
Fai, Pai, que medre en nós a fe en ti, como dador de todo ben, de todo
sentimento filial e de toda liberdade.
Todos: ESCÓITANOS, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Señor e irmán
noso, e en unión co Espírito Santo. AMÉN.
Todos: AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario