Ficha e Lectio - Domingo 3 de Ordinario C
ADAPTADO DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO III T. O.
(Ano C: 24. I. 2016)
Os
textos a comentar hoxe son, aínda que como case sempre, algo especiais e
sorprendentes. Sobre a segunda Lectura, da primeira carta de Paulo ós
Corintios, non vou dicir ren. Os comentarios de Paulo sobre o corpo místico de
Cristo, no que este é cabeza ou corazón e sobre que os demais somos membros moi
diversos que formamos con el unha unidade son tan doados de entender que non
precisan aclaracións. Xa comentamos ademais abondo en domingos pasados da
necesidade de que respectemos e queiramos conxuntamente sempre a unidade e
maila diferenza, do mesmo modo que Deus é un e diferente. Por iso vou facer só
algúns moi curtos comentarios sobre a primeira Lectura e o Evanxeo, por
presentaren escenas que teñen unha certa semellanza co que adoitamos facer os
que presidimos a eucaristía os domingos. Refírome ás homilías.
Na
primeira Lectura ofrécesenos algo así como unha “homilía” do sacerdote Esdras,
subido sobre unha tarima de madeira á vista de todo o pobo. Algo emocionante. “Todo
o pobo –dísenos alí- estaba atento á lectura do libro da lei”. Homes, mulleres
e mais, qué fermoso, “todos aqueles que eran capaces de pensar”. E este pobo
oínte non estaba alí esperando paciente e cortesmente a que Esdras rematase por
fin o seu discurso. Todo o contrario. Participaba, coa súa atención e cos
choros e laios da súa emoción, no que alí se explicaba sobre o libro da lei.
“Todo o pobo choraba”, dísenos alí. Tanto que os que dirixían a asemblea
tiveron que convidalos e case forzalos a que deixasen de chorar, porque –tal
como argumentaban- “o gozo do Señor é a vosa forza”. De modo que xa no Antigo
Testamento os encargados nesta ocasión de dirixírense ó pobo anuncian dalgún
modo un pequeno “evanxeo”, unha pequena boa nova. A nova de que o seu Deus
quere ser tamén un Deus ó que lle gusta que o pobo viva. E que viva ben, con
plenitude e alegría: “alegrándose no Señor”.
Este
tipo de homilía da Primeira Lectura vén sendo algo así como preparación ou
contexto da incomparablemente máis emocionante homilía que vai facer Xesús en
Nazaret, segundo se nos conta no Evanxeo. Xesús “criárase” alí. A xente coñéceo
ben. É de alí. É un máis dos veciños do pobo. Oficialmente, non ten categoría
ningunha, nin civil nin relixiosa. Non é sacerdote, nin escriba nin cousa
semellante. Mais iso si: a xente, dinos Lucas, falaba moi ben del. Seguramente
porque era alguén que estaba verdadeiramente comprometido cos problemas e as
necesidades dos seus conveciños e compañeiros. Sabían tamén que mantiña ó mesmo
tempo unha relación especial de confianza con Deus, ó que trataba e do que
falaba con fondo agarimo como pai seu e pai de todos. Xesús tiña o costume de
ir os sábados cos demais á sinagoga. Algo así como vimos nós os domingos á
igrexa. Mais esta vez, na sinagoga, síntese el impulsado, “coa forza do
Espírito Santo” (dinos Lucas) a dirixirse ós demais veciños e coñecidos para
lles comunicar algo moi importante sobre as súas fondas e agarimosas
experiencias de Deus. Un Deus, como dicía, que se lle manifesta como Pai-Nai
del e tamén de todos. Xesús non vai falar coa autoridade que lle podería
conferir ser un letrado ou mestre da lei. Porque el non tiña ningunha
autoridade deste tipo. El falará desde a súa misteriosa e íntima experiencia
persoal.
Sempre
me emociona tamén a min (como ós que escoitaban ó sacerdote Esdras) esta escena
de Xesús dirixíndose, pausada e sosegadamente, ó seus oíntes na sinagoga. Dado
o preciso e concreto relato dos feitos, a Lucas -que non chegou a coñecer
persoalmente a Xesús- seguramente llo debeu de comunicar alguén que presenciara
directamente ou polo menos oíra atentamente falar do alí acontecido. A escena
recórdame a min un pouco, e quizais tamén a vós, esas películas de “suspense”,
que nos fan conter a respiración. Lucas di explicitamente que a xente toda da
sinagoga tiña os ollos “fixos nel”. Intentei eu tamén reflectir dalgunha
maneira ese “suspense” ó lervos hoxe, como vos teredes decatado, algo máis
amodo o evanxeo.
Xesús
é moi estimado pola xente polo seu sorprendente modo de se comportar. Mais o
que alí, nesa especie de curta homilía, vai el dicir superará todo o previsíbel
tanto desde un punto de vista relixioso como político ou civil. El, unha persoa
pobre e sinxela coma os demais, vaise manifestar ante os demais como a mensaxe
e ó tempo como a presenza viva, concreta e histórica, dun Deus que non é nin
quere ser castigador nin opresor, senón liberador. E iso de maneira moi
concreta e social ou civil, porque Lucas non ten na súa visión da mensaxe de
Xesús ningún recendo espiritualista ou descarnado. Pois ben, o texto que Xesús
le alí pertence ó profeta Isaías. Lembrémolo de novo, porque non ten
desperdicio: “O Espírito do Señor está sobre min porque El foi quen me unxiu
para proclamarlles a Boa Nova ós pobres. Mandoume para lles anunciar a liberación
ós secuestrados e a vista ós cegos, para lles dar liberdade ós asoballados e
proclamar o ano de graza do Señor”.
O
comentario ou homilía que constrúe Xesús sobre este texto sagrado non pode ser
nin máis curto nin máis plástico: “Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da
Escritura”. É dicir, alí está en persoa diante dos seus abraiados oíntes, na
persoa ben concreta e presente de Xesús, a realización e o cumprimento do texto
de Isaías. Un texto absolutamente alegre (“Boa Nova”), liberador e perdoador
para cantos se senten ameazados ou asoballados por calquera tipo de
discriminación ou inxustiza. Sabemos polo que nos conta Lucas a continuación
(aínda que non está recollido hoxe no texto do evanxeo) que a xente non acabou
de comprender, estrañada, esta mensaxe fondamente liberadora de Xesús,
acostumada como estaba á imaxe dun Deus xusticeiro e castigador, que impuña
mandatos e preceptos. Ademais, non casaba moi ben tampouco esta imaxe que tiñan
dun Deus grandioso e omnipotente coa feble e humilde presenza dun Xesús, a quen
todos coñecían como moi bo veciño e compañeiro, mais que estaba sometido, igual
ca eles, á pobreza e á discriminación social e política. Lucas vén resumir todo
isto cando nos refire que a xente non facía máis que comentar despois do que
acababan de escoitar na sinagoga: “¿Pero non é este o fillo de Xosé?”.
Remato
xa cun par de palabras máis. Teremos, toda a nosa curta ou longa vida, que
loitar contra as falsas concepcións que nos agachan a verdadeira face de Deus.
A face dun Deus que en Xesús se nos manifestou como un máis de entre nós, como
compañeiro, como irmán. Unha auténtica revolución na concepción de Deus que nos
segue a custar moito aceptar, como lles custou tamén ós contemporáneos de
Xesús.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Preguémoslle a Deus Pai que nos faga sentirnos sempre
unidos como irmáns entre nós e coa nosa cabeza, Cristo, formando todos así conxuntamente
o seu corpo místico, dicindo: ESCÓITANOS, Pai.
Todos: ESCÓITANOS, Pai.
- Dános, Pai, unha fe fonda na nosa unión con Xesús e por
medio del contigo.
Todos: ESCÓITANOS, Pai.
- Concédenos, Pai, a túa graza para sabermos crer na
mensaxe liberadora de Xesús que se nos anuncia no evanxeo.
Todos: ESCÓITANOS,
Pai.
- Fai, Pai, que medre en nós o espírito de alegría e
agradecemento por sabérmonos queridos por ti en Xesús, fillo teu e irmán noso.
Todos: ESCÓITANOS, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, noso Señor.
AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario