Domingo 3 de ordinario C

DOMINGO III ORDINARIO  -  CICLO C


Primeira Lectura     Neh 8, 2-4a. 5-6. 8-10
LECTURA DO LIBRO  DE NEHEMÍAS
Os levitas lían no libro da Lei e explicaban o que lían
  
     Naqueles días, o sacerdote Esdras trouxo o libro da Lei diante da asemblea de homes e mulleres e de todos os que eran capaces de pensar. Era o primeiro día do sétimo mes.
     Na praza que está diante da porta das Augas, el leu no libro en voz alta, desde o amencer ata o mediodía, en presenza dos homes e das mulleres e de todos aqueles que eran capaces de pensar, e todo o pobo estaba atento á lectura do libro da Lei.
     O escriba Esdras púxose en pé sobre unha tarima de madeira, preparada con esta ocasión. Esdras abriu o libro á vista de todo o pobo, pois sobresaía entre todos na asemblea, e cando o abriu, o pobo púxose en pé.
     Entón Esdras bendiciu o Señor, o gran Deus, e todo o pobo, levantando as mans, respondeu: "Amén, amén". Despois inclináronse e, prostrados no chan, adoraron ao Señor.
     Os levitas lían no libro da Lei de Deus, pronunciando claro, e interpretaban o sentido, explicando o que lían.
     Entón o gobernador Nehemías, o sacerdote e escriba Esdras, e os levitas que explicaban a Lei ao pobo, dixeron a toda a asem­blea:
     ‑ Este día está consagrado ao Señor, voso Deus; cesade no voso pranto, non choredes máis (pois todo o pobo choraba ao oír as palabras da Lei).
     E engadiron:
     ‑ Ídevos, comede boas talladas, bebede viños doces e leváde­lles tamén aos que non teñen nada preparado, pois este día está consagrado ao noso Señor; non andedes aflixidos, porque o gozo do Señor é a vosa forza.

   Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 18, 8. 9. 10. 15
R/.  (Xn 6, 63c):  As túas palabras, Señor, son Espírito e vida.

A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ao inxenuo.

Os mandatos do Señor son rectos:
aledan o corazón;
o precepto do Señor é limpo:
ilumina os ollos.

A vontade do Señor é pura:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.

Dígnate aceptar a palabra da miña boca
e o sentir do meu corazón:
Señor, ti es a miña rocha, o meu redentor!


Segunda Lectura    1 Cor 12, 12-30 (máis longa)
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte
  
            Irmáns:
            Igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo, así tamén Cristo. Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.
            Pois ben, xa que o corpo non está formado por un único membro senón por moitos, se o pé dixer: "como non son man, eu non son do corpo", non por iso deixaba de ser do corpo. E se o oído dixer: "como non son ollo, eu non son do corpo", non por iso deixaba de ser do corpo. Se todo o corpo fose ollo, onde estaría o oído? Se fose todo oído, onde estaría o ulido?
            Ora, foi Deus quen puxo os membros, colocando cada un deles no corpo como El quixo. Se todo fose un único membro, onde estaría o corpo? En realidade, hai moitos membros, pero un corpo só. O ollo non lle pode dicir á man: "Non preciso de ti", nin a cabeza aos pés: "non preciso de vós".         Todo o contrario: os membros do corpo que parecen máis débiles son os máis necesarios; e os que temos por menos decorosos, cubrímolos con máis decoro; e os menos honestos tratámolos con máis recato; cousa que non precisan os honestos.
            Deus dispuxo o corpo dándolle máis honor ao máis privado del, para que non haxa discordia no corpo; senón que, ao revés, os membros se preocupen por igual uns dos outros. E así, cando padece un membro, todos padecen con el; cando a un membro o tratan ben, todos se alegran con el.
            Ben, pois vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte. Na Igrexa dispuxo Deus primeiro apóstolos, logo profetas, en terceiro lugar mestres. Despois os que teñen poder de facer milagres; finalmente os que teñen don de curacións, de asistencia, de goberno, de falar distintas linguas.
            Ou é que todos son apóstolos? Todos son profetas? Todos son mestres? Todos fan milagres? Todos teñen o don de curar? Todos falan en moitas linguas? Todos saben interpretar?

  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

______________________________________________________________________

Ou máis breve: 12-14. 27
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS

            Irmáns:
            Igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo, así tamén Cristo.
            Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.
            Pois ben, xa que o corpo non está formado por un único membro senón por moitos, vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte.

   Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Lc 4, 18
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Mandoume o Señor evanxelizar os pobres;
a predicarlles a liberación aos cativos.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 1, 1-4; 4, 14-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Hoxe cumpriuse esta Escritura
  
            Ilustre Teófilo:
            Posto que moitos emprenderon a tarefa de narrar axeitadamente os feitos ocorridos entre nós, tal como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas oculares e mais os predicadores da palabra, decidín eu tamén, despois de me informar con tino desde as orixes, escribirchos ordenadamente para ti, a fin de que coñezas ben a firmeza das ensinanzas nas que te instruíron.
            Naquel tempo, coa forza do Espírito Santo, Xesús volveu a Galilea, e a súa sona estendeuse por toda a redonda.
            Ensinaba nas sinagogas, e todo o mundo dicía moito ben del.
            Chegou a Nazaré, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na sinagoga. Ergueuse para facer a lectura, e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
            O Espírito do Señor está sobre min
porque El foi quen me unxiu
para proclamarlles a Boa Nova aos pobres.
            Mandoume para lles anunciar a liberación aos secuestrados
e a vista aos cegos,
para lles dar liberdade aos asoballados,
e proclamar o ano de graza do Señor.
            Pechando o libro, devolveullo ao encargado e sentou. Todos os ollos da sinagoga enteira estaban fixos nel. Logo empezoulles a dicir:
-          Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.

   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo



O PRESENTE TAMÉN É TEMPO DE SALVACIÓN.... HOXE CÚMPRESE EN NÓS ESTA ESCRITURA
        3º TOC - 2016

POWER POINTS

CANTO GOZOSO
·         ENTRADA: Camiñando pola vida
·         LECTURAS: As túas palabras
·         OFERTORIO: Eu soñei
·         COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas


ESCOITA ACTIVA
Escoitamos e mesmo dicimos moitas veces que co Papa Francisco a Igrexa está a vivir unha nova primavera eclesial despois dunha longa noite de pedra. Unha primavera na que recupera o diálogo co mundo que inaugurara o Concilio Vaticano II desde dúas categorías: compromiso e solidariedade, atent@s aos sinais dos tempos.
Na liña marcada por Francisco, a celebración de hoxe quere ser unha invitación a que abramos portas de renovación, sen medo nin desconfianza; portas de diálogo e entendemento; portas de búsquea do ben da persoa; portas de traballo compartido por canto libera, axuda, dialoga e expresa o amor de Deus; portas, en definitiva, de misericordia que poñan á persoa, e non a lei ou os ritos no centro. Só así seremos quen de converter os gozos e esperanzas da xente nos gozos e esperanzas dunha Igrexa crible que se descubre como hospital de campaña e balón de osíxeno para quen se sente desesperanzado. Só así poderemos dicir que hoxe tamén se cumpre esta Palabra, Palabra de vida, de esperanza, de alento, de compromiso, de compaña... de amor.


CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Polas veces nas que en lugar de buscar a unión somos motivo de división, sementando discordia e buscando enfrontamentos dentro das nosas familias, cos nosos veciños, no noso traballo, na nosa parroquia, SEÑOR, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.

·         Porque nos refuxiamos na comodidade e na autocompaixón fácil do “non sei” ou “non vallo” para evitar comprometer a nosa vida, CRISTO, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.

·         Porque a novidade que es Ti non chega ao noso corazón, que segue sendo de pedra, SEÑOR, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.


OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
O pobo de Israel quere reconstruír a súa esperanza despois da amarga experiencia do desterro en Babilonia, pero esta reconstrución só será posible dende a unidade, tendo en conta, ou mellor dito, poñendo en primeiro lugar aos máis febles, aos pequenos. Pasaron os anos, os séculos e tanto tempo despois do profeta, seguimos, máis que nunca, necesitados desta curación, dentro dun mundo dividido entre ricos e pobres, dentro dunha sociedade dividida entre dominadores e dominados, dentro dunhas comunidades divididas por vellas e rancias xenreiras, por estúpidas discusións ou por inútiles partidismos e protagonismos. A crúa verdade é que non damos entendido que a liberación que propón Cristo é unha liberación total, que abrangue todas as dimensións da persoa. Deus non pode, e nós tampouco, ser neutral diante dun mundo dividido e desgarrado pola inxustiza. El trae a liberdade a un mundo no que tanto se fala dela, pero no que paradoxalmente cada vez son máis os deuses que nos encadean e tiranizan: o poder, a riqueza, o prestixio... Trae a luz para unhas persoas que pode que saibamos e teñamos moito; pero que non sabemos vivir e valorar as cousas cotiás, sinxelas e pequenas. En definitiva, El trae VIDA, pero vida en abundancia. Porque cómpre non esquecer que Xesús, para demostrar que El era o Mesías non quixo, cando menos neste momento, cegar os seus paisanos co brillo das súas milagres. Non. A súa afirmación clara baséase en que evanxelizaba aos pobres, pregoaba a remisión e a vista, enviaba con liberdade aos oprimidos e pregoaba un ano de graza. Cada vez que unha persoa traballa para que os homes coñezan de verdade o Evanxeo, para que saiban que son fillos/as de Deus e irmáns.... cúmprese esta escritura. Cada vez que unha persoa se esforza por acadar unha orde social máis xusta na que as persoas sexan persoas e non cousas.... estase cumprindo esta escritura. Cada vez que unha persoa tenta que miremos por riba da miopía dos cartos, do poder, da comodidade, da preguiza.... estase cumprindo a escritura. Cada vez que unha persoa pregoa aos catro ventos un ano de graza do Señor, un ano interminable no que deixemos de ser lobos para os irmáns, en que acabemos de ver no outro un inimigo ao que hai que perseguir.... cúmprese esta escritura. Cada vez que unha persoa berra que quere a paz e non a guerra, dándonos de verdade a man, sen rancores e poñendo o diálogo como punto de partida... cúmprese esta escritura. Cada vez que unha persoa pregoa que cómpre achegarse sen medo nin reservas aos demais, sentar con eles e compartir mesa e mesmo bolsa... estase cumprindo esa escritura. É responsabilidade nosa o feito de que HOXE, HOXE mesmo, poida ou non cumprirse esta escritura.

E nós, a que esperamos?. Cómpre ir dando pasos firmes que xeren vida ao noso redor, que dean boas noticias, capaces de reconstruír e facer xermolar de novo a esperanza de que outro mundo é posible. O Espírito do Señor está sobre cada un e cada unha de nós, e fai que sexamos portadores desta Boa Nova: Deus quérenos, ocúpase e preocúpase por nós. E se é un o Espírito que anima a nosa vida, estamos chamados a traballar pola unidade dentro das nosas familias, das nosas comunidades, da nosa Igrexa. Cantas divisións, desencontros e enfrontamentos por mor dos nosos egoísmos e do noso afán de protagonismo!. Cando nos decataremos, como nos lembra Paulo, de que todos nós somos membros do corpo de Cristo, iguais en importancia e que polo tanto non podemos atribuírnos a exclusividade?. Comecemos xa. Non perdamos máis tempo: tamén hoxe, coma nos tempos de Nehemías, é hora de reconstruír a comunidade na unidade e na liberdade.


FRATERNIDADE ORANTE
Abramos o corazón a Deus, e confiémoslle a nosa vida, para que a acompañe coa súa presenza e o seu alento e digámoslle:
QUE SE CUMPRA EN NÓS A TÚA PALABRA

Para que a Igrexa, en fidelidade á mensaxe de Xesús, nunca canse de acompañar a quen o necesita, escoitar a quen pete na súa porta e alentar a quen vive na desesperanza, OREMOS.
QUE SE CUMPRA EN NÓS A TÚA PALABRA
Polas nosas comunidades, para que de verdade tomemos conciencia de que somos parte dun mesmo corpo, e para o seu bo funcionamento todos somos necesarios, OREMOS.
QUE SE CUMPRA EN NÓS A TÚA PALABRA
Por cada un e cada unha de nós, para que non cansemos de anunciar o ano de graza do Señor no medio dun mundo marcado pola desesperanza, o egoísmo, a inxustiza, a vinganza e a opresión, OREMOS.
QUE SE CUMPRA EN NÓS A TÚA PALABRA
Grazas, Señor, por invitarnos a ter unha fe activa e comprometida con todo canto supoña e signifique o traballo comunitario de facer a vida máis agradable e alegre aos demais. P.X.N.S. Amén.

 

PARA A REFLEXIÓN
Que non se me afaga o corazón, Señor,
a ver persoas sufrindo en situacións inxustas.
Que non vexa normal tropezar todos os días
con homes e mulleres desprazados, sen casa, sen teito.
Que me sorprenda cada día deste mundo que montamos
no que uns temos de todo e a outros fáltalles todo.
Que non se me afaga o corazón
á mirada triste e perdida,
ao xesto caído e desanimado,
á palabra soez ou burlona,
ás poucas ganas de vivir,
a calquera deterioro do irmán,
que é o seu berro desde a beirarrúa da vida.
Que non se me afaga o corazón, Señor,
a ver como normal ao refuxiado
que cruza o mar para buscar un futuro,
ao que quedou sen familia, sen traballo, sen teito
e mañá non atopará saída para o seu problema.
Pon tenrura, Señor, no meu mirar;
pon agarimo na miña man que saúda;
pon misericordia na miña mente que fai xuízos;
pon sabedoría na miña linguaxe;
pon escoita nos meus oídos abertos.

Comentarios

Publicacións populares