APÓSTOLO SANTIAGO - 25 de xullo
SANTIAGO, APÓSTOLO, PATRÓN DE
GALICIA E DE ESPAÑA
Solemnidade Día 25 de xullo
Primeira Lectura Feit 4,
33. 5, 12. 27b-33; 12, 1b.
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
O rei Herodes fixo decapitar a Santiago
Naqueles días, os
apóstolos, con gran poder, daban testemuño da resurrección do Señor Xesús, e
facían moitos sinais e prodixios entre o pobo.
Levados á presenza do
Sanedrín, o xefe dos sacerdotes interrogounos:
- Expresamente vos
mandamos que non ensinásedes nese nome, e vós enchestes Xerusalén coa súa
doutrina. Vós queredes botar sobre nosoutros o sangue dese home.
E Pedro e os apóstolos
responderon:
- Cómpre obedecer a
Deus antes que aos homes. O Deus de nosos pais resucitou a Xesús, a quen vós
matastes colgándoo dun madeiro; pois a este enxalzouno Deus coa súa dereita,
facéndoo Xefe e Salvador, a fin de lle outorgar a Israel a conversión e o
perdón dos pecados. E nós somos testemuñas destas cousas e tamén o Espírito
Santo, que Deus dá aos que o obedecen.
Ó sentiren isto
rabiaban de carraxe e queríanos matar, e o rei Herodes mandou decapitar a
Santiago, o irmán de Xoán.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 66, 2-3.
5. 7-8
R/. (4): Lóente os pobos, oh
Deus, lóente todos os pobos.
Deus teña piedade de nós e nos bendiga,
faga brillar o seu rostro sobre nós;
Que se coñeza na terra o teu camiño,
en todas as nacións a túa salvación.
Alégrense e canten as nacións,
porque xulgas os pobos rectamente
e na terra gobernas as nacións.
A terra deu o seu froito;
que nos bendiga Deus, o noso Deus;
que nos bendiga Deus e que o teman
os confíns todos do mundo.
Segunda Lectura 2 Cor 4,
7-15
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Sempre levamos no noso corpo a paixón de Cristo
Irmáns:
Levamos ese tesouro en
vasos de barro, para que tal prodixio de forza apareza como cousa de Deus, e
non nosa.
Aflíxennos por todas
partes, pero non nos abaten; andamos en apuros mais non desesperados;
perseguidos pero non abandonados; derrúbannos pero non nos rematan.
Por todas partes
levamos no noso corpo a morte de Xesús, para que a vida de Xesús se manifeste
tamén no noso corpo.
Pois a nós, que
estamos con vida, entrégannos decote á morte por causa de Xesús, para que tamén
a vida de Xesús se manifeste na nosa carne mortal. E así a morte actúa en nós,
e a vida en vós.
Mantendo, sen embargo,
o mesmo espírito de fe, segundo o que está escrito "creo e por iso
falo", tamén nós cremos e por iso falamos, sabedores de que Aquel que
resucitou a Xesús hanos resucitar tamén a nós con Xesús e hanos colocar
convosco onda El.
Todo isto acontece por
causa vosa, de modo que, ao estenderse a graza, se multiplique o número dos que
dean grazas para gloria de Deus.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Astro brillante de España, Apóstolo Santiago,
o teu corpo descansa na paz;
a túa gloria pervive entre nós.
Aleluia.
Evanxeo Mt 20, 20-28
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
O meu cáliz beberédelo
Naquel tempo, a nai
dos fillos do Zebedeo acercouse cos seus fillos a Xesús, e prostrouse para
pedirlle algo.
El preguntoulle:
‑ Que queres?
Ela respondeulle:
‑ Manda que estes dous
fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.
‑ Non sabedes o que
pedides. Podedes beber o cáliz que eu teño que beber?
Respondéronlle:
‑ Podemos.
Replicoulles Xesús:
‑ O meu cáliz
beberédelo; pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de
min concedelo; é para quen o meu Pai o ten preparado.
Os outros dez, que
estaban oíndo, anoxáronse cos dous irmáns. Entón Xesús chamounos a todos onda
el e díxolles:
‑ Sabedes que os xefes
das nacións as tiranizan, e que os grandes as dominan. Non ha ser así entre
vós; ao contrario, quen queira entre vós chegar a ser grande, ha de ser voso
criado; e quen queira entre vós ser o primeiro, ha de ser voso servo; porque o
Fillo do home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en
rescate por todos.
Palabra
do Señor R/
Loámoste, Cristo
SERMOS FIEIS
Á NOSA FE PASA POR SERMOS FIEIS Á NOSA TERRA
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
POWER POINTS
Santiago Apóstolo: Testemuña e Mártir I
Santiago Apóstolo: Testemuña e Mártir II
Santiago Apóstolo
CANTO GOZOSO
Santiago Apóstolo: Testemuña e Mártir I
Santiago Apóstolo: Testemuña e Mártir II
Santiago Apóstolo
CANTO GOZOSO
·
ENTRADA: Vinde axiña
·
LECTURAS: O amor é o meirande
·
OFERTORIO: Na nosa terra
·
COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas
ESCOITA ACTIVA
A festa de hoxe, a festa de todos/todas
os/as galegos/as, lémbranos que o único camiño para ser grande é renunciar ao
desexo de poder e aprender a servir desde o amor. As persoas que viven desde a
xenerosidade, o servizo e a solidariedade son persoas que irradian unha
autoridade única. Non precisan dar gabanza, adular ou ameazar: a súa vida é
grande, precisamente, porque saben dala.
Que a festa de Santiago Apóstolo, que
non tivo medo nin vergoña de confesar ao Señor, neste noso día de Galicia, sexa
un estímulo para nós crentes, na tarefa de facer do noso país un lugar
fraterno, solidario, xusto e acolledor sempre desde o servizo e o amor.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·
Porque son moitas as ocasións nas que
sentimos vergoña á hora de rezar ou expresarnos na nosa lingua, SEÑOR, QUE
TEÑAMOS OS PÉS NA TERRA.
·
Porque a nosa autosuficiencia e a nosa
soberbia fan que nos creamos superiores aos demais, CRISTO, QUE TEÑAMOS OS PÉS
NA TERRA.
·
Polas veces nas que a nosa actitude non
comprometida nos fai despreocuparnos dos problemas e dificultades que levan a
moitas das persoas do noso contorno á tristura e ao abandono, SEÑOR, QUE
TEÑAMOS OS PÉS NA TERRA.
PALABRA ENRAIZADA
Na lectura do Feitos dos Apóstolos lemos
que os primeiros cristiáns eran ben considerados. Hoxe en día, dicir que unha
persoa ou unha institución é ou mellor dito está ben considerada, fai
referencia na meirande parte dos casos a ter unha boa profesión, un prestixio
social, ou unha boa situación económica. Porén, por ningún destes motivos
estaban ben considerados os cristiáns, senón que a boa consideración de seguro
que tería máis que ver co feito da coherencia entre o que crían e como o
vivían; de xeito que aparecían coma unha testemuña crible ante o resto da
sociedade, pois estaban dispostos mesmo a morrer pola súa fe. Quizás nos viría
ben volver a redescubrir nas nosas vidas, nas nosas comunidades, na nosa
Igrexa, a frescura, a sinxeleza e a vivencia verdadeira do Evanxeo presente nas
primeiras comunidades. Hoxe é un bo día para cuestionarnos se, verdadeiramente,
levamos este tesouro en vasos de barro ou se pola contra consideramos máis ben
a fe coma un baúl no que gardamos as cousas vellas, que só sacamos a airear na
festa do patrón ou co gallo dalgún acontecemento social.
·
E é que para ser apóstolos da Boa Nova
cómpre, como nos di o Señor no Evanxeo, seguir o camiño do servizo; pero canto
nos custa! Gústanos mandar, impoñer, ocuparmos os primeiros postos, que nos
gaben, dicíndonos o ben que facemos as cousas ou o moito que valemos. Miremos
cara dentro e convenzámonos dunha vez de que a felicidade está en entregar a
nosa vida ós demais.
·
Os santos, porén, souberon manifestarse
con liberdade e inculturar a súa fe, dando testemuño no seu día a día, non
renunciando ás súas conviccións. Por que a nós nos dá medo ou vergoña
mostrarnos como crentes e seguidores daquel que pasou polo mundo facendo o
ben?. Repensemos que é o que move e ilusiona a nosa vida, e actuemos con
sinceridade.
·
Neste saber estar no mundo con actitude
de participación e compromiso temos que situar a festa hoxe, coma galegos e
galegas. Celebramos o día da Galicia, o día da patria, o día da comunidade
autónoma. Comprometámonos, porque só deste xeito conseguiremos que a nosa
comunidade, a nosa xente, a nosa cultura, a nosa Igrexa, supere o complexo de
inferioridade, de atraso, de baixa autoestima, para, desde a implicación e a
responsabilidade, ir facendo que as cousas cambien, que ninguén se senta
desprezado, que os dereitos e as posibilidades sexan para todos, e non só para
uns poucos “listos” que saben moverse ou están ao “sol que máis quenta”.
FRATERNIDADE ORANTE
No día da nosa terra, da nosa lingua, da
nosa cultura, dicímosche agradecidos:
QUE NON RENEGUEMOS DA NOSA TERRA
• Pola Igrexa, sobre todo hoxe pola
Igrexa galega, para que nunca esqueza que a fe precisa ser inculturada desde
unha fidelidade á lingua, aos costumes, ao xeito de sermos galegos/as, OREMOS.
QUE NON RENEGUEMOS DA NOSA TERRA
• Polas nosas comunidades, para que todos
traballemos arreo e teñamos espazo no que mostrar as nosas ideas, vivencias e
convicións, OREMOS.
QUE NON RENEGUEMOS DA NOSA TERRA
• Por cada un e cada unha de nós, para
que nunca reneguemos nin do seguimento de Xesús nin do compromiso de traballar
por unha Galiza solidaria, xusta, libre e agradecida de posuír unha lingua e
unha cultura propias para expresar a súa vida, os seus sentimentos e a súa fe,
OREMOS.
QUE NON RENEGUEMOS DA NOSA TERRA
Grazas, Señor, porque nos invitas hoxe,
na festa do Apóstolo Santiago, a rezar desde a nosa terra e na nosa lingua
xunto con todas aquelas persoas que, coma nós, queren andar polo vieiro do
amor. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
A xente.
A xente é o que importa, o que máis
importa de todo.
E•a xente somos os homes e mulleres concretos
aos que cada un de nós lle podemos por
nome,
porque son os nosos veciños e veciñas,
porque se cruzan con nós nos camiños da
vida,
porque coñecemos de sobra as súas penas
e sufrimentos,
os seus méritos e as súas bondades.
A fe que non serve á xente non vale para
nada.
As oracións que non nos levan a coidar
ben de nós e da xente non valen para nada.
Os grupos, xuntanzas e reunións
que non nos fan doídos das persoas máis
débiles e servidores delas,
tampouco valen para nada.
Grazas, Xesús,
despois de Ti todo é máis simple e
verdadeiro,
e un aire de liberdade inunda con paz as
nosas vidas.
Grazas, Xesús.
Comentarios
Publicar un comentario