Ficha e Lectio - Domingo 18 Ordinario B
FICHA ADAPTADA DE:
LECTIO:
DOMINGO XVIII T. O.
(2 agosto 2015)
Tal
como xa comentei no último domingo ó explicarvos algo do sentido da escena da
multiplicación dos pans e dos peixes, era en certo modo presumíbel que a xente
quixese utilizar a Xesús coma o que lles ía solucionar os seus problemas
materiais, á maneira dun político, dun gran empresario ou dun mago realizador
de supostos milagres.
Xesús
realizou, si, feitos extraordinarios, tal como nolos transmitiron en diversas
ocasións os evanxeos. Pero non era ese o seu modo normal e ordinario de se
comportar. Eran só manifestacións exteriores puntuais da súa bondade e do seu
poder, para que non perdésemos de vista a súa íntima e fonda relación co poder
e a bondade de seu Pai Deus. Pois o que verdadeiramente chamaba nel a atención era
o seu modo de ser, as cousas que dicía e cómo as dicía. Xesús era unha persoa
sinxela, pobre, falaba con humildade e ó tempo con íntimo convencemento e autoridade,
creaba e promovía a cotío irmandade e fraternidade, anunciaba un Deus Pai común
de toda a humanidade, do que todos somos fillos empezando por el mesmo, irmán
maior noso e fillo primoxénito e especialmente benquerido de Deus.
Toda
a vida de Xesús estaba en consonancia con esta incribelmente complexa
personalidade súa: coa súa misteriosa orixe divina e coa súa característica identificación
humana cos pobres e necesitados. A multiplicación dos pans e dos peixes hai que
vela así como unha manifestación máis do poder e da bondade do Fillo de Deus
que se preocupa tamén polas necesidades materiais dos seus irmáns.
Mais
Xesús é sempre algo máis que iso. O Xesús multiplicador de pans e de peixes é o
mesmo que, segundo nos refire Mateo, lle respondía a Satán, ó ser tentado por
este no deserto para que convertese as pedras en pan, deste modo: “non só de
pan vive o home, senón de toda palabra que sae da boca de Deus” (Mt 4, 4). É o
mesmo do que Mateo nos transmite tamén este outro dito: “Non amoreedes tesouros
aquí na terra, onde a traza e o caruncho os roen, onde os ladróns abren buratos
e os rouban. Amoreade tesouros no ceo” (Mt. 6, 19-20). É tamén o mesmo Xesús
que, unha vez máis segundo o evanxelista Mateo, nos advertía: “Non andedes
agoniados pola vosa vida (o que ides comer, o que ides beber), nin polo voso
corpo (o que ides vestir)... Por todas esas cousas andan angustiados os pagáns;
e ben sabe o voso Pai celestial que as precisades. Procurade primeiro o Reino
de Deus e maila súa xustiza, e todas esas cousas hánsevos dar de máis a máis”
(Mt. 6, 25-33).
De
modo que se trata, en definitiva, dunha cuestión de prioridades. Pois Xesús
anúncianos que a fraternidade ou irmandade que el nos ofrece e nos dá, ó se
facer en canto Fillo de Deus irmán de todos, é o verdadeiro alicerce da xustiza
e do benestar universal. Se todos nos unimos a esta fraternidade, o reino de
Deus establecerase na terra, converténdose así, como se di tamén na mesma
liturxia, nun “reino de xustiza, de amor e de paz”.
Todos
estamos chamados a traballar por esta fraternidade. Un traballo que debería ser
cousa doada, porque se basea nun “don” grandioso de Deus ó mundo, o galano do propio
Xesús. Este Xesús dinos hoxe no Evanxeo que “traballemos non polo pan que se
acaba, senón polo que dura deica a vida eterna”. E resulta que o mesmo Xesús
nos di que el é ese pan: “Eu son o pan da vida: quen vén onda min non pasará
fame e quen cre en min endexamais terá sede”. Desde logo, a xente debería
quedar engaiolada e abraiada con estas palabras súas, porque en calquera caso
non eran palabras normais e ordinarias. El preséntase a si mesmo como o pan que
vén de arriba, do Deus Pai que olla polo ben do mundo, e que saciará a fame e
dará vida ó mundo: “Meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo: pois o pan
de Deus é o que baixa do ceo e dá vida ó mundo”.
Como
cristiáns, deberiamos aprender a poñérmonos na perspectiva de Xesús nun mundo
onde tantas veces se pensa que o que hai que facer na vida e acadar como sexa
un prestixioso posto social e económico para termos así asegurado un porvir
libre de problemas. Xesús dinos, polo contrario, que o primeiro que deberiamos
meter e empaquetar ben nas nosas propias alforxas de viaxe é ese pan, que non
balorece nin se estraga co tempo. Un pan que leva a marca “Xesús”. Un pan que
non ten outros aditivos nin mesturas que lle cambien o seu auténtico sabor nin
lle rebaixen a súa capacidade de fortalecer as nosas vidas para a
transformación do mundo nun reino de xustiza, de amor e de paz.
Un
pan, ademais, gratuíto, polo que non hai que pagar nada. Non igual, polo tanto,
ó pan que mercamos na tenda, porque así, de maneira totalmente gratuíta, nolo dá en Xesús para a vida do mundo seu Pai
Deus.
A
relación que todo isto ten coa Eucaristía e de maneira especial coa recepción
sacramental do corpo de Cristo na comuñón é, como é doado ver, moi estreita. No
pan eucarístico recibimos en realidade ese pan, tan gratuíto como inmensamente fortalecedor,
que é Xesús mesmo en forma dun anaco de pan. É un claro símbolo de sermos
alimentados realmente por Deus mesmo para a realización cristiá das nosas
tarefas diarias onde queira que nos atopemos. Con esta que poderiamos chamar
carga divina recibida no interior de nós mesmos irémonos transformando pouco a
pouco neses “homes novos, creados a imaxe de Deus” dos que o apóstolo Paulo nos
fala na súa carta de hoxe ós Efesios.
Claro
que para todo isto precisamos desa fe da que nos fala Xesús hoxe ó pedirnos que
“creamos naquel que Deus Pai mandou”, o propio Xesús “mandado” a nós polo Pai.
Deberiamos
hoxe, pois, recitar con especial fe a oración do “Noso Pai que estás no ceo”,
cando nela lle pedimos ó noso Pai Deus aquilo que nos aprendeu Xesús a dicir: “Dános
hoxe o noso pan de cada día”.
Pan
para o noso alimento corporal e pan para o noso fortalecemento espiritual.
CREDO
ORACION DOS FIEIS:
En comuñón fraternal entre todos, invocamos a Deus
Pai, pedíndolle que nos faga oír e aceptar
en nós a palabra súa que é Xesús, convertido para sempre en irmán noso, dicindo: ESCÓITANOS, PAI. Todos:
ESCÓITANOS, PAI.
- Dános, Pai, unha fe fonda e concreta en Xesús
como palabra túa que nos ofrece gratuitamente
alimento para os nosos corpos e para as nosas almas.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Concédenos, Pai, o teu espírito para sabermos
proporcionar a tódalas persoas o alimento
material e espiritual que precisan.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos, Pai, a vermos na comuñón sacramental
o lugar bendito no que ti nos dás a
graza de asemellármonos ó teu fillo Xesús.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso
Señor. Amén.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario