Ficha e Lectio _ Domingo 16 de Ordinario B
FICHA ADAPTADA DE:
LECTIO:
DOMINGO XVI T. O.
(Ano B: 19 de xullo 2015)
Algúns dos vosos
coñecidos ou amigos están quizais de vacacións. Ó mellor tamén algúns de vós,
aínda que non vos teñades desprazado de Vigo. O descanso tras o traballo e as
diversas ocupacións é sempre bo. Por algo se di tamén, aínda que habería que
ver a maneira de entendelo de maneira axeitada, que Deus mesmo no sétimo día
descansou, é dicir, que acougou da obra ben feita da súa creación do mundo.
Dese mundo ó que pertencemos todos nós.
Aínda que a min en particular non me
gusta estar man sobre man, sen deixar de facer sempre algunha cousa, recoñezo
que a todos nos fai falla ter tempos de acougo, de tranquilidade, de reflexión,
de vérmonos cos demais, de atendelos e escoitalos aínda que poidamos ser da
opinión de que pouco ou nada iriamos nós aprender deles ou mesmo eles de nós.
Non nos esquezamos de que o mesmo noso Deus cristián non é un solitario,
pechado na súa unicidade esencial, senón a plenitude dunha relación trina que
chamamos a Santísima Trindade. A Trindade misteriosa e marabillosa da unidade
entre Pai, Fillo e Espírito.
Todo isto vén a conto de que no
Evanxeo de hoxe se nos fala tamén do “descanso”. Xesús enviara os seus
apóstolos e discípulos a anunciar a súa boa nova. Fixérono o mellor que puideron
ou souberon, procurando anunciar a Xesús con liberdade e humildade, apoiándose
non en ningún poder ou prestixio social ou económico, senón unicamente na
sinxeleza e grandeza dunha mensaxe incribelmente alegre e ilusionante, a
“alegre nova” de Xesús. Pois ben, para Xesús calquera que anuncie o evanxeo
exerce un traballo. Coma os demais, é tamén polo tanto un traballador que
realiza unha obra, unha boa obra. Merece en consecuencia tamén o seu descanso.
“Vinde vós sós –dilles Xesús- a un lugar arredado, e descansade un pouco”.
A intención desde logo era boa, mais
as proxectadas “vacacións”, que de por si serían xa ben curtas, acabáronselles
axiña a Xesús e mais ós apóstolos, porque ó desembarcaren con este fin (coma se
fixesen o traxecto pola ría desde aquí a Cangas) alá estaban xa as multitudes
esperándoos. Multitudes, das que se nos di que eran “como ovellas sen pastor”.
Precisadas polo tanto do anuncio e da paz do bo pastor. Non se podía deixalas
sen apoio e protección.
Mais se os apóstolos non acadan atopar
a conveniente paz e tranquilidade, é dicir, o acougo do que non lles viría mal
poder gozar un chisco, polo menos teñen o consolo de anunciaren algo que dá
ilusión e alegría ás multitudes e polo tanto tamén a eles. Unha mensaxe de paz,
dunha paz fonda e vivificadora, que é a condición de toda obra ben feita e a
base fundamental de toda a boa nova de Xesús. Esa paz que anunciaran tamén os
anxos no nacemento de Xesús: “Gloria a Deus no ceo, e PAZ a tódalas persoas de
boa vontade”. Esa “paz” á que se nos convida liturxicamente en tódalas
eucaristías dos domingos tras invocarmos o Señor dicindo: “Señor Xesús Cristo,
Ti dixécheslles ós teus Apóstolos: déixovolo miña paz, dóuvolo a miña
paz”.
É isto mesmo o que nos vén dicir
Paulo na súa carta de hoxe ós Efesios: Cristo Xesús -dinos Paulo- “é a nosa
paz.... El veu e anunciou a paz, paz para os de lonxe e para os de cerca”...
Por que “paz”? Porque Xesús é quen
nos descubre o misterio dun Deus Pai de todos, que no seu Fillo Xesús,
convertido en irmán noso, e na forza do Espírito Santo quere facernos
partícipes a todos da paz e do amor que habitan no interior de Deus mesmo.
Tamén a Primeira Lectura nos axuda a
darlle á nosa Eucaristía de hoxe este aire de paz e de tranquilidade, que é,
como vedes, algo moi importante para un seguidor de Xesús. Nesta primeira
Lectura o profeta Xeremías critica os pastores que espantan as ovellas ou lles
fan, dunha ou doutra maneira, perder os ánimos. Efectivamente, Xeremías denunciaba a aqueles pastores
que, en vez de coidaren agarimosamente das ovellas, “escorrentábanas” e
“espantábanas”: “Vós espantades as miñas ovellas, escorrentádelas e non
coidades delas: ollade que eu vos pedirei contas da maldade dos vosos feitos”.
Xeremías anuncia neste sentido que o Señor “constituirá pastores que as
apacenten, de xeito que xa non volvan ter medo, nin se espanten, nin se perda
ningunha das ovellas”. O
futuro Xesús sería, como ben sabemos, ese “bo Pastor”. Así o afirma el de si
mesmo. Un pastor que exerce a súa función, como nolo recorda Paulo na súa carta
ós Efesios, non baseándose na antiga lei “de mandamentos e normas”, senón na
lei viva e interior do amor que el nos anuncia e ofrece e que está dirixida á
construción dunha “nova humanidade”.
Mais semella que iso de “espantar as
ovellas” continúa aínda a ser unha tentación á que ás veces se sucumbe, cando o
Novo Testamento leva, teoricamente alomenos, bastantes séculos de
funcionamento. Unha pequena anécdota. Hai xa ben de anos que me contou un
parente meu, xa defunto, que cando era mozo traballara bastante na construción
desas antigas e cativas estradas galegas nosas que teñen moitas curvas, porque
daquela non había aínda as máquinas de agora. Pois ben, como era ano santo
foise confesar alá polos anos trinta do século pasado á cidade do Apóstolo.
Mais ó lle comentar ó confesor que el era un obreiro, quen o escoitaba no
confesionario aproveitou a ocasión para lle dicir que os obreiros eran os
culpábeis dos males do país. Era un xeito de espantar as ovellas...
Naturalmente, non o pasou nada ben neste seu encontro penitencial.
Algo de razón terá neste sentido o
papa Francisco cando hai pouco, no seu importante documento eclesial “A alegría
do Evanxeo”, nos dicía o seguinte: “Lémbrolles ós sacerdotes que o
confesionario non debe ser unha sala de torturas, senón o lugar da misericordia
do Señor”. Tema este, o da “misericordia” de Deus, moi querido para o papa
actual, entre outras motivos porque precisamente hai algúns meses anunciou el
que dedicará a este tema (o da “misericordia”) todo un “ano santo”, o próximo
ano 2016.
Aproveitemos, pois, este tempo xa
máis quente e tranquilo do verán para medrarmos neste espírito de paz, de
comprensión, de amor , de “misericordia” ó que nos chama a boa e alegre nova do
Evanxeo.
CREDO
ORACIÓN
DOS FIEIS
Invocámoste,
Pai, na nosa oración comunitaria, dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Dános, Pai, alegría no noso
traballo cotián e paz tamén no noso acougo, tal como ti queres de nós.
Todos:
ESCÓITANOS, PAI.
- Concédenos, Pai, o espírito acolledor
e misericordioso do teu fillo Xesús no noso comportamento con tódalas persoas.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Fai, Pai, que entre tódolos pobos,
relixións e culturas reine a paz, a mutua comprensión, rexeitando calquera
actitude dogmática ou violenta.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho,
Pai, pos Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario