Domingo 15 do Tpo Ordinario B

15º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -   CICLO B


Primeira Lectura     Am 7, 12-15
LECTURA DO LIBRO DE AMÓS
Vaite como profeta ao meu pobo
  
            Naquel tempo, díxolle Amasías (sacerdote de Bethel) a Amós:
            - "Vidente, vaite, fuxe para a terra de Xudá;
come alí o teu pan, fai alí de profeta,
mais en Betel non volvas profetizar
pois é santuario real, é templo nacional".
            Respondeu Amós e díxolle a Amasías:
            - "Nin eu son profeta, nin da caste dos profetas,
xa que son gandeiro e coidador de sicómoros,
mais foi o Señor quen me colleu de trala grea
e foi o Señor quen me dixo: vai profetizar ao meu pobo Israel.

  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 84, 9ab-10. 11-12. 13-14
R/.  (8):  Amósanos, Señor, a túa misericordia e dános a túa salvación.

Escoitarei o que di o noso Deus:
certamente o Señor fala de paz
para o seu pobo e os seus amigos.
A salvación está xa preto dos que o temen,
a gloria habitará na nosa terra.

A misericordia e a fidelidade atoparanse,
abrazaranse a xustiza e mais a paz.
Na terra xermolará a fidelidade,
a xustiza ollará desde o ceo.

O Señor ha dar o seus bens,
e a nosa terra vai dar os seus froitos.
A xustiza camiñará diante del,
e a salvación seguirá as súas pegadas.



Segunda Lectura      Ef 1, 3-14 (longa)
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Nel elixiunos antes da constitución do mundo
  
            Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo, que nos bendiciu con toda bendición nos ceos, en Cristo.
            Nel escolleunos, antes da creación do mundo, para que fosemos santos e sen mancha na súa presenza polo amor.
            El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos, por medio de Xesús Cristo, conforme o designio da súa vontade, para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente derramou sobre nós, por medio do seu Fillo benquerido.
            Nel, no seu sangue, alcanzamos a redención, o perdón dos pecados, conforme á riqueza da súa graza, que el fixo rebordar sobre nós con toda sabedoría e intelixencia, dándonos a coñecer o misterio da súa vontade, o proxecto que el tiña para o realizar na plenitude dos tempos: unificar en Cristo todas as cousas, canto hai no ceo e canto hai na terra.
            Por El tamén nós tivemos a sorte de resultar preelixidos segundo o designio daquel que activa todo conforme o proxecto da súa vontade, para sermos imaxe da súa gloria os que xa antes tiñamos a esperanza en Cristo.
            Vós tamén, despois de escoitardes a mensaxe da verdade, o Evanxeo da vosa salvación, e crerdes nel, quedastes selados co Espírito Santo prometido, que é garantía da nosa herdanza, para redención dos que chegamos a ser propiedade del, para loanza da súa gloria.

  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus
______________________________________________________________________

Ou:  3-10 (máis breve)

LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS

            Bendito sexa Deus, o Pai do noso Señor Xesús Cristo, que nos bendiciu con toda bendición nos ceos, en Cristo.
            Nel escolleunos, antes da creación do mundo, para que fosemos santos e sen mancha na súa presenza polo amor.
            El predestinounos a sermos seus fillos adoptivos, por medio de Xesús Cristo, conforme o designio da súa vontade, para loanza da súa gloria e da súa graza, que xenerosamente derramou sobre nós, por medio do seu Fillo benquerido.
            Nel, no seu sangue, alcanzamos a redención, o perdón dos pecados, conforme á riqueza da súa graza, que el fixo rebordar sobre nós con toda sabedoría e intelixencia, dándonos a coñecer o misterio da súa vontade, o proxecto que el tiña para o realizar na plenitude dos tempos: unificar en Cristo todas as cousas, canto hai no ceo e canto hai na terra.

   Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



ALELUIA    Cf. Ef 1, 17-18
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Que o Pai do noso Señor Xesús Cristo
ilumine os ollos do noso corazón
para que saibamos cal é a esperanza da nosa vocación.
Aleluia.



Evanxeo     Mc 6, 7-13
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Empezou a mandalos

             Naquel tempo, chamou Xesús os Doce, e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre os espíritos malos.
            Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato: nin pan, nin alforxas, nin cartos na faixa. Que calzasen sandalias, pero que non levasen máis ca unha túnica. E avisounos:
            ‑ Cando entredes nunha casa, permanecede nela ata que marchedes. Se nalgún lugar non vos acolleren nin vos escoitaren, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso.
            Marcharon, e predicaron a conversión. Botaban fóra moitos demoños, e curaban os enfermos, unxíndoos con aceite.

  Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo





GRAZAS POR CHAMARNOS A SER POLITICAMENTE INCORRECTOS
15º Domingo do TOB - 2015



POWER POINTS


RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
·        ENTRADA:  Andarei na presenza do Señor
·         LECTURAS:  Non vou so
·        OFERTORIO:  Eu sei de quen me fiei
·         COMUÑÓN:  Ide e pregoade


OLLOS ABERTOS
Cantas veces na nosa vida temos calado diante de inxustizas notorias contra nós ou contra os nosos irmáns. Cantas veces temos “comulgado con rodas de muíño” para non ter problemas, para evitar represalias, por medo ao qué dirán ou qué pensarán. Cantas veces deixamos que pisen os nosos dereitos ou que non respecten a nosa dignidade por sentirnos inferiores, por vergoña, por non armar balbordo. E resulta que o Señor hoxe dinos que non quere que sexamos politicamente correctos, senón profeticamente correctos; que non quere que sexamos mudos, xordos ou cegos, senón que debemos ter os ollos, os oídos e os beizos ben abertos. Que esta celebración que agora comezamos nos dea folgos e alento.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Por ter calado ou mirado cara outro lado diante de tantas e tantas inxustizas, sen ter o valor de denuncialas profeticamente, SEÑOR, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.
·         Porque non valoramos nin agradecemos na nosa vida cotiá o feito de que nos escollas para sermos fillos e mensaxeiro/as do teu amor, CRISTO, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.
·         Porque na nosa vida de fe somos moito máis partidarios de impoñer que de espertar e invitar por medio do testemuño dunha vida coherente, SEÑOR, MÓSTRANOS A TÚA MISERICORDIA.


PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
As lecturas de hoxe chámannos a tomar conciencia da nosa tarefa de profetas do Señor no medio do mundo. Desde esta afirmación entendemos o que nos di Paulo de que fomos elixidos na persoa de Cristo, para ser mediadores da súa presenza, sendo a súa voz, o seu corazón e as súas mans. Esta mediación esíxenos honestidade no sentir e actuar de cada día, sendo capaces de ver a persoa de Cristo en todos aqueles que nos rodean, inda que isto, moitas veces non resulte doado, e pida de nós un esforzo de comprensión e verdadeira misericordia. Porque El nos elixiu, todos asumimos a responsabilidade de levar a Cristo no noso actuar e tamén no noso saber escoitar, acoller e traballar para ser fermento de esperanza diante de tantas tristuras e dificultades que a vida lle vai presentando ás persoas.
Conscientes de que esa é a nosa tarefa, Xesús envíanos, como enviou aos apóstolos, para que sexamos esa presenza súa alí onde nos atopemos. O envío non é simplemente un ide, senón que pide de nós unha resposta persoal: aquí estou. E aí onde se fai presente a nosa reposta de dispoñibilidade e participación en canto supoña que o chamado de Xesús non é unha teoría imposible de vivir. Foron moitas as persoas, homes e mulleres, que nos dous mil anos de historia, e o que é máis importante, tamén hoxe, responderon e están a responder a este envío. Por que somos tan cegos para non velo?. 
Pero, ollo!. Xesús non envía aos seus discípulos de calquera xeito. Para colaborar no seu proxecto e para prolongar a súa misión deberán coidar o seu xeito de vida. Velaí algunhas recomendacións que nos lembra Marcos:
·         non lles dá poder sobre as persoas que irán atopando no seu camiño, senón autoridade para liberalas do mal; é dicir, os seus discípulos humanizarán a vida, aliviarán o sufrimento e farán medrar a liberdade e a fraternidade.
·         só levarán caxato e sandalias, Xesús imaxínaos como camiñantes, nunca instalados, sempre en camiño, sen atarse a nada, só co imprescindible.
·         sen pan, sen alforxa, sen cartos, para que non vivamos agoniados pola nosa propia seguridade, non vaia ser que un día se esquezan dos pobres e vivan encerrados no seu propio benestar.
·         sen túnica de reposto, para vestir coa sinxeleza dos pobres, para que sexan profetas no medio da xente, para que a súa vida sexa sinal da proximidade de Deus a todas as persoas, sobre todo ás máis necesitadas.


Para os seguidores de Xesús non é malo perder o poder, a seguridade e o prestixio social que tivemos cando a Igrexa o dominaba todo. Pode ser un factor positivo se nos conduce a unha vida máis fiel a Xesús. O poder non transforma os corazóns; a seguridade do benestar afástanos das persoas pobres; o prestixio énchenos de nós mesmos. Xesús, pola contra, imaxina aos seus seguidores doutro xeito: liberados de ataduras, identificados cos últimos, coa confianza posta totalmente en Deus, curando a quen sofre, buscando para todas as persoas a paz. Só así seremos quen de introducir no mundo o seu proxecto.


FRATERNIDADE ORANTE
Con sinxeleza de corazón e co compromiso de traballar por ir cambiando o que nos afasta de ti, dicimos xuntos:
QUE A VERDADE NOS FAGA LIBRES
¨     Pola Igrexa, para que non viva nin do triunfalismo de que sempre o fai ben e de que a única e a mellor nin da nostalxia de que calquera tempo pasado foi mellor, OREMOS.
QUE A VERDADE NOS FAGA LIBRES
¨     Polas nosas comunidades, para que non nos deixemos levar da superficialidade de valorar máis ás persoas “máis importantes”, senón que saibamos poñer no centro do noso sentir e do noso actuar aos pequenos e marxinados, seguindo o proxecto de Xesús, OREMOS.
QUE A VERDADE NOS FAGA LIBRES
¨     Para que cada un e cada unha de nós, para que descubramos na nosa vida a ledicia de sabérmonos salvados e queridos por Deus, converténdonos así en testemuñas vivas do evanxeo, que nos leva a anunciar a súa boa nova e a transformar o noso mundo, OREMOS.
QUE A VERDADE NOS FAGA LIBRES
Grazas, Señor, por invitarnos a valorar e sentir o gozo de sermos fillos/as dun Deus que nos quere e nos invita a querer aos demais. PXNS.


OÍDOS ATENTOS
Para o camiño, Señor,
non levo ouro nin prata, nin cartos no peto;
fíome da túa palabra.
Non teño alforxa,
abonda coa túa compaña e co pan de cada día.
Para apoiarme, un caxato e máis nada,
que os irmáns e as irmás animan e dan a man
cando o camiño se fai duro,
cando sangro, tropezo e caio.
Túnica, chega coa posta,
pois non teño nada que agochar
e o frío e a calor son máis liviáns en familia,


E sandalias, unhas de quita e pon,
ben axustadiñas para que non fagan callo as cousas,
para andar lixeiro e non esquecer o chan que piso
cando o teu Espírito me ergue, me leva e me arrastra.
Case lixeiro de equipaxe...
Sígote!!!!. Iso bástame.

Comentarios

Publicacións populares