Domingo 14 do Tpo Ordinario B
14º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO -
CICLO B
Primeira Lectura Ez 2, 2-5
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Son casa rebelde e han saber de
certo que hai un profeta no medio deles.
Naqueles
días, mentres me estaba a falar, entrou en min un espírito que me puxo de pé, e
escoitei o que estaba a falar.
Díxome:
‑
Fillo de Adán, eu voute mandar onda os fillos de Israel, onda un pobo de
rebeldes que se reviraron contra min ‑eles e mailos seus pais ‑, que pecaron
contra min ata o mesmo día de hoxe.
Estes
fillos, que duros son de cara! Que obstinados de corazón! Voute mandar onda
eles, e vaslles dicir: "Así fala o Señor".
Deste
xeito, eles ‑escóitente ou rexéitente, pois son casa rebelde ‑ han saber de
certo que hai un profeta no medio deles.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 122, 1-2a. 2bcd. 3-4
R/. (2cd):
Os nosos ollos están postos no Señor ata que El se apiade de nós.
Cara a ti alzo os meus ollos,
cara a ti que moras no ceo.
Coma os ollos do servo
fitan as mans do seu señor.
Coma os ollos da serva
fitan as mans da súa señora,
así os nosos ollos están postos
no Señor noso Deus,
ata que El se apiade de nós.
Apiádate de nós, Señor, apiádate
de nós,
pois estamos fartos de desprezo;
farta está a nosa alma
das burlas dos satisfeitos,
do desprezo dos poderosos.
Segunda Lectura 2 Cor 12, 7-10
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Gloriareime na miña febleza para
que habite en min a forza de Cristo
Irmáns:
Debido
á grandeza das revelacións, por iso, para que non teña soberbia, espetóuseme un
aguillón na carne: un emisario de Satán, para que me pegue lapotes, e así non
teña orgullo.
Por
tres veces pedinlle ao Señor que o arredase de min, pero respondeume:
"Chégache coa miña graza; a forza vese cumprida na fraqueza".
Daquela
presumirei con gusto das miñas debilidades, para que así resida sobre min a
forza de Cristo.
E
por iso gózome nas fraquezas, nas afrontas, nas necesidades, persecucións e
angustias que sufro por Cristo; porque, cando estou débil, entón é cando son
poderoso.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Lc 4, 18
Se non se canta,
pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
O Espírito do Señor está sobre
min:
mandoume evanxelizar os pobres.
Aleluia.
Evanxeo Mc 6, 1-6
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Non hai profeta máis desprezado
que na súa terra
Naquel
tempo, saíndo Xesús de alí, foise para a súa vila acompañado polos seus
discípulos.
Cando
chegou o sábado, empezou a ensinalos na sinagoga. E moita da xente que o
escoitaba dicía abraiada:
‑
De onde lle veñen a este todas esas cousas? Que sabedoría é esa que lle
ensinaron, e como pode facer tantos milagres pola súa man? Non é este o
carpinteiro, fillo de María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e mais Simón, e as
súas irmás non viven aquí connosco?
Estaban
realmente escandalizados. Pero Xesús díxolles:
‑
Non hai profeta máis desprezado que na súa terra, na súa casa, ou entre os seus
parentes.
E
non puido realizar alí ningún milagre, fóra dalgunhas curacións que fixo
impoñendo as mans. Estaba sorprendido por aquela incredulidade.
E
dedicouse a andar polas aldeas dos arredores, ensinando.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
Superar a tentación de ser gregarios
e vulgares: “porque o fan todos”.
Un desafío para a Igrexa que conformamos os
cristiáns hoxe
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
POWER POINTS
OLLOS ABERTOS
O mundo móvese. Non é unha realidade
estática, senón que cambia cada vez máis rápido. As cousas, inda que pase pouco
tempo, van quedando vellas. Seguro que o percibimos cando falamos de roupa,
cancións, mobles...Isto fainos estar moi atentos a canto ocorre ao noso redor
para non quedar atrás, para ser capaces de percibir estes cambios e poder
comprendelos e ver de que xeito son ou non bos para nós. Conclusión: a vida
convértese nun permanente estar atentos para que as cousas non nos atopen co pé
cambiado.
Todo isto supón ter claro que, nunca
tanto coma hoxe, é necesario buscar tempo para a reflexión. Unha reflexión que
evite deixarnos levar nin do primeiro que vemos nin do que fan todos, para,
tendo pensado ben as cousas, evitar caer na vulgaridade de repetir o que vemos
que fan moitos... que non porque sexan moitos, ha ser o mellor ou o máis
conveniente. A este tempo é ao que nos invita hoxe Xesús. Só quen pensa ben as
cousas é capaz de superar comentarios, críticas ou descualificación, veñan de
onde veñan.
Poñámonos logo na xeira que nos propón o
Evanxeo de hoxe de non ter medo ao que dirán, para poder estar nun mundo que
vai moi de présa con actitudes que saben pensar, valorar e distinguir o
importante do secundario.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û Porque cando facemos as cousas con présa equivocámonos
máis que acertamos, SEÑOR, QUE PENSEMOS ANTES DE ACTUAR.
û Porque somos débiles e deixámonos influír polo que fan
moitos, sen que iso sexa facer o mellor,CRISTO, QUE PENSEMOS ANTES DE
ACTUAR.
û Porque a presión por facer o que fai a maioría lévanos
a ter actitudes que non valoran nin defenden o traballo dos que teñen máis e
mellor experiencia ca nós, SEÑOR,
QUE PENSEMOS ANTES DE ACTUAR.
PALABRA
ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
· A obstinación é unha actitude que nos
converte en persoas con moi pouca capacidade para escoitar e aprender o que
outros, pola súa experiencia ou formación, poden ensinarnos. E nós estamos a
vivir neste momento un período de obstinación, no que todos cremos ter as
solucións e respostas, polo que se converte nun verdadeiro problema parar e
atender ao que outros nos poidan dicir; a ver e aprender de outros xeitos e
maneiras de facer e entender as cousas distintas ás nosas. E a obstinación nunca
vén soa, senón que chega acompañada de individualismo, soberbia, orgullo e
falta de empatía para cos demais. Deste xeito acabamos converténdonos nuns ”sábeo
todo” incapaces de escoitar e atender o que os demais nos poidan dicir e
ensinar. É propia esta actitude de nenos pequenos, pero parece que, cada vez
máis, se estende tamén cara os maiores, o que fai que sexamos, e de xeito cada
vez máis rápido, duros de corazón e incapaces de sentar, escoitar e dialogar
para chegar a acordos. E isto ocórrenos en todos os ámbitos da vida. Na lectura
de Ezequiel, Deus aparece enviando ao profeta onda ao pobo para facerlle ver
que o seu comportamento obstinado faino insatisfeito e infeliz. Non
necesitariamos tamén nós hoxe prestar un pouquiño máis de atención a outras voces,
e non solo ás que pensan e ven a vida como eu a vexo? Non necesitariamos romper
eses comportamentos obstinados que tantas dificultade e desencontros nos teñen
traído? Deus segue a falar hoxe a través da voz e dos comportamentos de moita
xente, os profetas do noso mundo. Seremos capaces de descubrilos e prestarlles
atención? Ou seguimos na nosa obstinación?
· Superar esta actitude obstinada supón
que poñamos os ollos, non en nós mesmos –caeriamos no círculo vicioso do
“primeiro eu, logo eu e despois... eu”-, senón naquel que nos ofrece un camiño
e nos invita a percorrelo na súa compaña. Se somos capaces de descubrir e
entender que temos que deixar de mirarnos a nós mesmos –Narciso acabou
afogándose por non distinguir a realidade da imaxe que vira proxectada sobre a
auga do río– para comezar a ter outras miras que saian de nós para atoparse coa
posibilidade de ser felices e mellores compartindo, colaborando, dando do noso,
seremos capaces de entender que máis alá de nós mesmos hai vida, hai persoas, hai
proxectos, hai... capacidade de crecer e madurar, de ser verdadeiramente
humanos e de estarmos a gusto co que facemos e como o facemos. Vencer a
obstinación humanízanos, pero tamén nos descubre que a realización persoal non
está no eu, senón no nós. Recoñecéndonos débiles, aprendemos que non somos
únicos, e que nos necesitamos uns aos outros para ir superando esa debilidade.
· Superado o complexo de soberbia e
superioridade, e situados na tarefa común, desde o traballo por facer do mundo
a casa de todos, a “casa común”, descubrimos que desde a desconfianza coa que
ás veces actuamos, é moi difícil entender e vivir ao estilo que nos pide Xesús.
Para El o camiño é a humildade e a sinxeleza á hora de facer e dicir as cousas.
O evanxeo vén marcado non polas imposicións, senón polas actitudes que poñendo
á persoa no centro, buscan responder á invitación de Xesús de recoñecernos
iguais, e de vencer a tentación de crernos superiores e mellores ós outros. El
viviuno na súa propia carne: “non é fillo de... o seu pai non é carpinteiro
...de onde lle veñen a este estas cousas?. No fondo o que buscaban os seus
veciños era prolongar o clasismo e manter a imposibilidade da superación de
clases .Outros moitos tamén o pensan hoxe, e non queren mesturarse cos que consideran
que son menos ou, para eles, non teñen nivel. Por iso os cristiáns temos que
ser creativos e xeradores de ilusión nunha realidade social lastrada polo
desencanto e o pesimismo. Aí, para superalo temos que estar, e a isto nos
invita Xesús hoxe desde o evanxeo. Non desprezar, senón prezar. Este é o verbo
que temos, constantemente, que conxugar.
FRATERNIDADE
ORANTE
Neste
momento de silencio, poñemos na man de Deus todas as nosas inquedanzas.
Facémolo dicindo:
QUE NON FAGAMOS DO DESPREZO ACTITUDE DA NOSA VIDA
* Para que entre todos os que nos chamamos
seguidores de Xesús, formemos unha Igrexa que sexa verdadeiramente fraterna e
solidaria, no medio dun mundo lastrado pola dor e a incomprensión dos máis
débiles, OREMOS.
QUE NON FAGAMOS DO DESPREZO ACTITUDE DA NOSA VIDA
* Para que nos esforcemos por facer das
nosas parroquias berces de escoita, acollida e colaboración, OREMOS.
QUE NON FAGAMOS DO DESPREZO ACTITUDE DA NOSA VIDA
* Para que as nosas actitudes non se
enroquen no pesimismo e o desánimo de que nada pode cambiar, e nos deixemos
guiar pola invitación de Xesús a ser humildes, xenerosos e sempre solidarios,
OREMOS.
QUE NON FAGAMOS DO DESPREZO ACTITUDE DA NOSA VIDA
Na
túa man poñemos, Señor, canto temos rezado xuntos na nosa oración comunitaria.
P.X.N.S. Amén.
OÍDOS
ATENTOS
"Coa súa oración, Xesús quere
levarnos á fe, á confianza total en Deus e á súa vontade, e quere demostrar que
ese Deus que amou ao home enviou ao mundo o seu único Fillo; El é o Deus da
vida, o Deus que trae esperanza e é capaz de transformar unha situación
humanamente imposible. Tamén a oración confiada dun crente é, así, un testemuño
vivo da presenza de Deus no mundo ".
"En Xesús, verdadeiro Deus e
verdadeiro home, a atención ao outro, especialmente se sofre ou pasa necesidade
(...) lévao a ir ao Pai. (...) Pero tamén, por outra banda, á comuñón co Pai,
ao diálogo constante con El.
Do mesmo xeito, a profunda conexión entre o amor a
Deus e ao próximo, tamén debe estar presentes na nosa oración, que "abre a
porta a Deus que nos ensina constantemente a saír de nós mesmos para poder
chegar aos outros, especialmente en tempos de proba, para así levarlles
conforto, esperanza e luz a quen poida necesitalas”. (Bieito XVI)
Comentarios
Publicar un comentario