Ficha e Lectio - Domingo 17 ORD B
FICHA ADAPTADA DE:
LECTIO:
DOMINGO
XVII T. O.
(26 xullo 2015)
Neste domingo e nos seis seguintes
os evanxeos van falarnos de Xesús como “pan de vida”. Inícianse hoxe estes
pensamentos, esta mensaxe de Xesús, co ben coñecido relato da multiplicación
dos pans e dos peixes. Hai que ter en conta que este relato é narrado por
tódolos evanxelistas. Isto quere dicir en principio que ó relato habería que
supoñerlle un transfondo histórico importante. Aínda que aquí, de todos modos,
o que máis interesa, como sosteñen eséxetas e entendidos bíblicos, é o seu
carácter simbólico.
Este carácter vénnos dado sobre todo
pola súa relación coa Eucaristía. Pero, claro, unha relación coa celebración
eucarística que non esquece o seu orixinario e fundamental carácter. É dicir,
sabemos que para os primeiros cristiáns a celebración eucarística se
caracterizaba por compartir amizade, bens e alimentos ó tempo que os
participantes nesa celebración lembraban o acontecemento fundamental da vida e
morte de Xesús, o Fillo de Deus, que se entregara a si mesmo en comida e bebida
para todos. Deste modo, a dimensión que poderiamos chamar espiritual e a
material ou corporal estaban, entón polo menos, ben xuntas.
Moito diso segue presente aínda hoxe
na nosa celebración comunitaria, concretamente na colecta por medio da cal
queremos axudar ós que están en calquera necesidade, nos xestos de dármonos
mutuamente a paz, etc. Pero é posíbel que os primeiros cristiáns vivisen e
practicasen isto de maneira máis espontánea e natural.
En calquera caso, o que teriamos que
poñer hoxe de relevo é que a fe cristiá non pode ser unha fe aérea, abstracta,
puramente espiritual ou mística, senón ben atenta ó feito de que Xesús tiña un
corpo coma o noso, sentía fame coma calquera persoa e, polo tanto, sabía das
necesidades e dos problemas da xente coa que estaba en contacto. Como algunha
vez temos xa comentado, os seres humanos precisamos dos bens materiais e dos
chamados espirituais. Ámbolos dous tipos de bens quere Xesús proporcionarnos,
pois el sabe ben que o Deus que el nos anuncia e manifesta é un Deus de vivos e
non de mortos, un Deus que quere para todos unha vida plena tanto nesta vida
mortal coma na vindeira.
Agora ben, no relato de hoxe da
multiplicación dos pans e dos peixes hai algo que non se debería desatender. Dísenos
nel que a xente que alí estaba chegou a resolver máis que satisfactoriamente a
súa necesidade de comer poñendo á disposición dos demais o que tiñan. É dicir,
os que tiñan algo de pan ou algún peixe non o gardaron para si mesmos, senón
que o puxeron á disposición dos que alí estaban, aínda que puidesen sospeitar
que ese xesto non chegaría a resolver o problema de tódolos que alí estaban.
Temos que supoñer que aquel rapaz do
que se nos di que tiña “cinco bolos de pan de cebada e dous peixes” quedaría
abraiado ó ver que a súa renuncia a gardalos para si chegase a producir uns
efectos tan inesperados. Mais temos tamén que aprender a ver que o “compartir”
cos demais o moito ou pouco que teñamos produce verdadeiros milagres.
A verdade é que é moi certo aquilo
que tantas veces se di de que ten máis alegría o que dá có que recibe. A razón
disto é que quen recibe, aínda que pareza que non fai máis que recibir, en
realidade está dando tamén: dá ou ofrece o seu agradecemento, a súa amizade, o
seu apoio a aquel que lle dá sen esperar pola súa parte nada a cambio.
Por iso Deus é bo, ou como dicía
Xesús, “só Deus é bo”, porque só el dá de maneira absolutamente xenerosa,
porque non ten necesidade algunha de nada noso, nin sequera do noso
agradecemento, porque el se basta desde sempre a si mesmo.
Unha vez máis, vexamos o que ocorre
con Deus. Porque o que aquí realiza Xesús coa multiplicación dos pans e dos
peixes é o que ocorre no interior mesmo de Deus. Xesús apréndenos a compartir
os nosos bens, aínda que sexan cativos e limitados, cos demais, e iso vai
producir o milagre de sentirse a xente
satisfeita polos bens físicos e morais recibidos. Pero Xesús fai iso porque
Deus mesmo é “compartir”.
Con isto volvo aludir ó misterio
grandioso da Trindade de Deus. Non é que queiramos ou nos atrevamos a desvelar
este gran misterio. Pero podemos sospeitar que algo grande hai nel, que é
importante para entendermos dalgunha maneira a Xesús e as ensinanzas
fundamentais da nosa vida cristiá.
Por que Deus é “tres” e non só “un”?
Pois porque se Deus fose só un, non podería compartir con ninguén a súa
infinita e grandiosa realidade. Para dicilo dalgunha maneira, Deus (Deus Pai)
ten necesidade de compartir, porque isto é algo grandioso. E para compartir,
Deus non o pode facer dentro de si mesmo de maneira limitada, porque iso non
sería propio de Deus. Por iso o seu Fillo (que se vai encarnar en Xesús) é
igual en grandeza e infinitude ó seu Pai, Deus coma o Pai. E o mesmo poderiamos
dicir do Espírito Santo, porque o amor que se teñen o Pai e o Fillo é tan
grande que este amor se constitúe no que chamamos a terceira persoa da
Santísima Trindade, Deus polo tanto tamén coma o Pai e o Fillo. Pero é un
compartir tan marabilloso que aínda sendo os tres diferentes non son máis ca un
único Deus.
En fin, son profundidades misteriosas
da nosa fe, pero que poden axudarnos para ver a importancia e a grandeza da
mensaxe de Xesús. Porque Xesús non está aí por exemplo para resolvernos, de
maneira técnica e directa, os problemas sociais e económicos que ten o mundo no
noso século XXI, pero si está aí para darnos pautas éticas e morais de
comportamento para resolvelos. Dinos Xoán, ó final do Evanxeo de hoxe, que a
xente, despois de ver o milagre de Xesús, quería facelo rei, pero que el se
retirou ó monte só. Para falar alí a soas co seu Pai. A mensaxe e a misión de
Xesús era moito máis fonda e eficaz cá que podería realizar converténdose en
rei ou presidente de goberno dun determinado país.
No fondo, o que nos vén dicir Xesús
sería, pois, que así como Deus non existe sen compartir no interior de si
mesmo, así tampouco pode haber vida humana, creada por Deus mesmo, sen que lle
deamos amplo espazo ó compartirmos cos demais o pouco ou moito que poidamos ser
ou ter.
Que a comuñón de hoxe, na que Xesús
comparte con nós en forma de pan e de viño todo canto el é, nos dea luz e forzas
para facermos o mesmo con cantos precisen da nosa axuda.
CREDO
ORACIÓN
DOS FIEIS
Dirixímoslle
a nosa oración a Deus Pai, por medio de Xesús, fillo seu e irmán noso, en unión
con Espírito Santo, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
-
Dános Pai, corazón amigo e fraternal con tódalas persoas, para estarmos así atentos
ás súas necesidades.
TODOS: ESCÓITANOS,
PAI.
-
Apréndenos, Pai, a imitarmos na nosa vida a túa mesma divina, na que compartes canto ti es co Fillo e co Espírito
Santo.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
-
Fai, Pai, que vexamos na comuñón eucarística o modelo da nosa entrega total ós demais, imitando así a entrega persoal
de Xesús a todos nós.
TODOS: ESCÓITANOS,
PAI.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario