Ficha e Lectio - A Transfiguración do Señor
Festa da Transfiguración do Señor - 6 de agosto
ADAPTADO DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es
LECTIO:
http://iglesiadesopelana3.blogspot.com.es/2014/08/06082014-la-transfiguracion-del-senor-a.html
MEDO A XESÚS
A escena coñecida como "a transfiguración de Xesús" conclúe dunha maneira inesperada. Unha voz vinda do alto sobrecoge aos discípulos: «Este é o meu Fillo amado»: o que ten o rostro transfigurado. «Escoitádello». Non a Moisés, o lexislador. Non a Elías, o profeta. Escoitade a Xesús. Só a El.
«Ao escoitar isto, os discípulos caen de bruzos, cheos de espanto». Atérralles a presenza próxima do misterio de Deus, pero tamén o medo a vivir en diante escoitando só a Xesús. A escena é insólita: os discípulos preferidos de Xesús caídos por terra, cheos de medo, sen atreverse a reaccionar ante a voz de Deus.
A actuación de Xesús é conmovedora: «Achégase» para que sintan a súa presenza amigable. «Tócaos» para infundirles forza e confianza. E dilles unhas palabras inesquecibles: «Levantádevos. Non temades». Póndevos de pé e seguídeme. Non teñades medo a vivir escoitándome a min.
É difícil xa ocultalo. Na Igrexa temos medo a escoitar a Xesús. Un medo soterrado que nos está paralizando até impedirnos vivir hoxe con paz, confianza e audacia tras os pasos de Xesús, o noso único Señor.
Temos medo á innovación, pero non ao inmobilismo que nos está afastando cada vez máis dos homes e mulleres de hoxe. Diríase que o único que habemos de facer nestes tempos de profundos cambios é conservar e repetir o pasado. Que hai detrás deste medo? Fidelidade a Xesús ou medo a pór en "odres novos" o "viño novo" do Evanxeo?
Temos medo a unhas celebracións máis vivas, creativas e expresivas da fe dos crentes de hoxe, pero preocúpanos menos o aburrimento xeneralizado de tantos cristiáns bos que non poden sintonizar nin vibrar co que alí se está celebrando. Somos máis fieis a Xesús urxindo minuciosamente as normas litúrxicas, ou nos dá medo "facer memoria" del celebrando a nosa fe con máis verdade e creatividade?
Temos medo á liberdade dos crentes. Inquiétanos que o pobo de Deus recupere a palabra e diga en voz alta as súas aspiracións, ou que os laicos asuman a súa responsabilidade escoitando a voz da súa conciencia. Nalgúns crece o receo ante relixiosos e relixiosas que buscan ser fieis ao carisma profético que recibiron de Deus. Temos medo a escoitar o que o Espírito pode estar a dicir ás nosas igrexas? Non tememos apagar o Espírito no pobo de Deus?
No medio da súa Igrexa Xesús segue vivo, pero necesitamos sentir con máis fe a súa presenza e escoitar con menos medo as súas palabras: «Erguédevos. Non teñades medo».
José Antonio Pagola
Comentarios
Publicar un comentario