Ficha e Lectio - Domingo 19 Ord. A




LECTIO:


NO MEDIO DA CRISE

Non é difícil vermos na barca dos discípulos de Xesús, sacudida polas ondas e desbordada polo forte vento en contra, a figura da Igrexa actual, ameazada desde fóra por toda clase de forzas adversas e tentada desde dentro polo medo e a pouca fe. Como ler este relato evanxélico desde a crise na que a Igrexa parece hoxe naufragar?

Segundo o evanxelista, “Xesús achégase á barca camiñando sobre da auga”. Os discípulos non son capaces de recoñecelo no medio da tormenta e a escuridade da noite. Parécelles unha “pantasma”. O medo tenos aterrorizados. O único real é aquela forte tempestade.

Este é o noso primeiro problema. Estamos a vivir a crise da Igrexa contaxiándonos uns aos outros desalento, medo e falta de fe. Non somos capaces de vermos que Xesús se nos  está achegando precisamente desde esta forte crise. Sentímonos máis sós e indefensos do que nunca.

Xesús dilles tres palabras: “Ánimo. Son eu. Non temades”. Só Xesús lles pode falar así. Pero os oídos deles só ouven o estrondo das ondas e a forza do vento. Este é tamén o noso erro. Se non escoitamos a invitación de Xesús a pórmos nel a nosa confianza incondicional, a quen acudiremos?

Pedro sente un impulso interior e sostido pola chamada de Xesús, salta da barca e “diríxese cara a Xesús andando sobre das augas”. Así temos de aprender hoxe a camiñar cara a Xesús no medio da crise: apoiándonos, non no poder, o prestixio e as seguridades do pasado, senón no desexo de atopármonos con Xesús no medio da escuridade e das incertezas destes tempos.

Non é doado. Tamén nós podemos vacilar e afundírmonos coma Pedro. Pero o mesmo ca el, podemos experimentar que Xesús estende a súa man e nos salva mentres nos di: “Homes de pouca fe, por que dubidades?”.

Por que dubidamos tanto? Por que non estamos a aprender case nada novo da crise? Por que seguimos buscando falsas seguridades para “sobrevivirmos” dentro das nosas comunidades, sen aprendermos a camiñar con fe renovada cara a Xesús no interior mesmo da sociedade secularizada dos nosos días?
Esta crise non é o final da fe cristiá. É a purificación que necesitamos para liberármonos de intereses mundanos, triunfalismos enganosos e deformacións que nos han ir afastando de Xesús ao longo dos séculos. El está a actuar nesta crise. El estanos conducindo cara a unha Igrexa máis evanxélica. Reavivemos a nosa confianza en Xesús. Non teñamos medo.


José Antonio Pagola

Comentarios

Publicacións populares