9 ago. 2014

Domingo 19 de Ordinario A

DOMINGO XIX ORDINARIO  - CICLO A



Primeira Lectura     1 Re 19, 9a. 11-13a
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Mantente no monte diante do Señor

             En chegando Elías ao monte de Deus, o Horeb, abrigouse nunha cova.
            Díxolle o Señor:
            - "Sae de aí e fica de pé no monte, diante do Señor. Porque o Señor vai pasar".
            Nisto veu un rexo furacán, que fendía os montes e cuarteaba os penedos diante do Señor. Mais non estaba o Señor no furacán.
            Despois do furacán houbo un tremor de terra; mais tampouco no tremor de terra estaba o Señor.
            Despois do tremor de terra veu un gran lume; mais non estaba no lume o Señor.
            Despois do lume oíuse o murmurio dunha airexiña suave. En canto Elías o sentiu, tapou a cara co manto, saíu fóra e ficou en pé, na entrada da cova.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 84, 9ab-10. 11-12. 13-14
R/.  (8):  Amósanos, Señor, a túa misericordia e dános a túa salvación.

Escoitarei o que di o noso Deus:
certamente o Señor fala de paz
para o seu pobo e os seus amigos.
A salvación está xa preto dos que o temen,
a gloria habitará na nosa terra.

A misericordia e a fidelidade atoparanse,
abrazaranse a xustiza e mais a paz.
Na terra xermolará a fidelidade,
a xustiza ollará desde o ceo.

O Señor ha dar o seus bens,
e a nosa terra vai dar os seus froitos.
A xustiza camiñará diante del,
e a salvación seguirá as súas pegadas.


Segunda Lectura     Rm 9, 1-5
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO aos ROMANOS
Optaría por ser anatema polos meus irmáns
  
            Irmáns:
            Como discípulo de Cristo digo a verdade, non minto, e dáme disto testemuño a miña propia conciencia, alumada polo Espírito Santo: que teño moi grande dor e o meu corazón sofre seguido.
            Quixera ser eu mesmo maldito, apartado de Cristo, por mor dos meus irmáns, os meus parentes de estirpe.
            Eles son israelitas e a eles pertencen a adopción filial, a gloria e as alianzas, a lexislación, o culto e as promesas; a eles pertencen os patriarcas; e deles vén Cristo como home, que está por riba de todo, e que é Deus bendito polos séculos. Amén.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Sal 129, 5
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, Aleluia.
Espero no Señor,
espero na súa palabra.
Aleluia.


Evanxeo    Mt 14, 22-33
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga
  
            Despois de que a multitude comera a fartar, de seguida mandou Xesús aos seus discípulos que embarcasen e que fosen diante para a outra banda do mar, mentres el despedía a xente. Así que a despediu, subiu ao monte para orar el só, e alí colleuno a anoite­cida.
            Entrementres, a barca xa se arredara da ribeira moitos estadios e, como tiña o vento en contra, as ondas sacudíana.
            Ao riscar o día, Xesús foi cara a eles camiñando polo mar.
            Cando os discípulos o viron camiñar polo mar, dicían asusta­dos: "é unha pantasma"; e, cheos de medo, empezaron a berrar.
            De seguida faloulles Xesús dicindo:
            Tranquilos, que son eu. Non teñades medo.
            Respondeulle Pedro:
            ‑ Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga.
            El díxolle:
            ‑ Ven.
            Baixou Pedro da barca, e púxose a camiñar pola auga, di­rixíndose a Xesús. Pero, ao sentir o vento forte, colleu medo, e cando empezou a afundirse, púxose a berrar:
            ‑ Señor, sálvame!
            Axiña Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle:
            ‑ Home de pouca fe, por que dubidaches?
            Ao subiren eles á barca, quedouse o vento. Os que estaban na  barca, prostráronse perante el dicindo:
            ‑ Realmente ti es Fillo de Deus.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo




POR QUE NOS EMPEÑAMOS EN DICIR DEUS CANDO O QUE QUEREMOS DICIR É VINGANZA E VIOLENCIA?
DEUS ESTÁ NO RECANTO DA BRISA 
FONTE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/

ESCOITA ACTIVA
Un dos dez mandamentos di que non debemos tomar o nome de Deus en van. Cantos provimos dunha educación católica, sabemos o que iso significa. Porén, cantas non teñen sido as veces nas que temos ignorado este mandamento?. Moitas: todas aquelas nas que fomos violentos, vingativos, soberbios, egoístas, duros e esixentes cos demais ata a extenuación,....e pensabamos que o faciamos para agradar a Deus. Este recurso pola vía negativa tan utilizada, acaba por facernos crer que podemos facer un Deus a nosa maneira e xeito, esquecendo que, por moito que o intentemos, El non é manipulable, aínda que nós así o pensemos.
Comecemos, xa que logo a celebración, tomando conciencia de que se queremos atopar a Deus -El sempre está-, teremos que achegarnos a canto fai posible que as persoas sintan a súa dignidade e posibilita que sexan felices. Todo o que fagamos en sentido contrario, poderemos pensar que si, pero debemos estar seguros de que alí nunca atoparemos a Deus. El só pode estar na “airexadiña suave”.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
 Por intentar moitas veces manipularte ao noso antollo,SEÑOR,QUE A TÚA FIDELIDADE E MISERICORDIA NOS ATOPEN.
 Por facer moitas veces da nosa vida unha mentira,CRISTO, QUE A TÚA FIDELIDADE E MISERICORDIA NOS ATOPEN.
  Por dubidar de Ti, e confiar só nas nosas forzas, SEÑOR,QUE A TÚA FIDELIDADE E MISERICORDIA NOS ATOPEN.

PALABRA ENRAIZADA
·         O medo a quedarnos fóra desta nosa sociedade post-materialista e de usar e tirar, fainos moitas veces renunciar a conviccións que teñen dado sentido e horizonte á nosa vida. A pretensión de aparentar diante dos demais para non pasar pola situación de dar razón do que é importante para nós, lévanos moitas veces a aceptar e permitir que entren na nosa vida xustificacións de comportamentos que sabemos claramente que son unha aberración, un abuso ou un verdadeiro atentado contra a dignidade das persoas. Os silencios cómplices, as xustificacións nerviosas, as miradas desconfiadas... non son máis que mostras de canto estamos a dicir. Elías, no texto que lemos como primeira lectura, afánase por atopar a Deus onde non está. É o que nos ocorre a nós moitas veces ao renunciar a ter a Deus como sentido e referente da vida: unha vez afastados del, coidamos que podemos crear os nosos propios deuses ao noso xeito, para deste modo manipulalos segundo o noso propio interese. Cremos así que El pode estar no balbordo dunha vida sen límites, no renunciar a tomar decisións en conciencia, no poñer en practica a lei do funil –o ancho para min e o estreito para os demais– e noutros moitos xeitos de actuar e xustificar esa actuación. Porén, Deus non está aí, polo que acaba producindo en nós baleiro, angustia e desesperanza. E Deus non está aí porque a El só o poderemos atopar no “murmurio da airexiña”; é dicir, en todo e canto faga que a persoa sexa sempre fin e non medio para ser utilizado como unha cousa. A “airexiña” de Deus é o actuar buscando o ben común, o colaborar uníndose na participación en proxectos para todos, a busca do que une e non do que separa e enfronta, no saberse aceptar a un mesmo coas súas limitación, pero tamén coas súas calidades. Si, nesta airexiña é onde podemos atopar a Deus. Por iso no canto de estar laiándonos constantemente... por que non facemos un esforzo por deixar que a vida pare de xirar ao noso redor e comece a xirar tamén desde a relación sa e sandadora cos demais?.É verdade que non é tarefa doada; pero se non o intentamos, nunca saberemos se o poderemos conseguir e nunca seremos tampouco capaces de romper o círculo vicioso no que nos movemos.

·         Paulo tiña isto claro, por iso apela á súa conciencia -ámbito de decisión e responsabilidade desde onde as persoas non nos deixamos levar das presións, as modas ou as comenencias- para non degradar nin rexeitar a aqueles cos que ata facía ben pouco compartira raíces e credo. Non os rexeita porque sabe que proveñen da mesma raíz; aínda que se estanquen por non ser capaces de superar os muros que os separan para poder así comezar a construír pontes de diálogo e unión con aqueles primeiros cristiáns. Tamén a nós nos pasa que a dogmatización das ideas e o inmobilismo conservador no que adoitamos movernos –por medo a perder seguridade, non por convencemento– impídennos moitas veces deixar de mirar atrás para comezar a abrir camiños de futuro, camiños de renovación e diálogo con aqueles que, coma nós, posúen tamén a mesma dignidade. Gústanos facer muros, cústanos derrubalos e tender pontes. Pero xa é hora de cambiar. Se queremos ser fieis ao evanxeo; se queremos volver a el, non nos queda outra que mudar o noso xeito de facer e percibir as cousas. Xesús non ten medo, mira cara adiante, non se atrincheira no pasado. Porén, nós somos duros de oído para escoitar a voz de Deus na airexiña do mundo do que formamos parte.

·         Xesús, que disto sabía moito, non se deixa levar só polas primeiras impresións, senón que busca asentar as súas propostas e os seus feitos na conversa tranquila e sinxela en que converte a súa relación con Deus Pai. Non actúa ás carreiras, senón que pensa e reza. É dicir, pon no seu diálogo con Deus as súas decisións. Busca momentos onde, sen présa, reflexiona as cousas, analiza as situacións e toma decisións, non movido polo medo ou o que dirán, senón polo convencemento de que iso é o que Deus Pai lle está a pedir. Os seus momentos de oración e diálogo fraterno e sinxelo con Deus vanlle axudando a clarificar pensamentos e a actuar co convencemento de que o seu comportamento non é froito dun “arrouto” senón da reflexión. E ben o vemos no texto do evanxeo. A contraposición atopámola en Pedro, home bo pero arroutado que, sendo todo corazón, non pensa nin os pasos que dá nin as consecuencias que supoñen. Fáltalle fe. E nós, con quen nos identificamos, con Pedro ou con Xesús?. Pensémolo con tranquilidade e busquemos dar respostas, porque, ao mellor, a pesar de levar moitos anos con misas, funerais, novenas, promesas... somos arroutados coma Pedro. E o arrouto non nos dá seguridade, senón que nos afunde.


FRATERNIDADE ORANTE

Recemos desde a confianza e a sinceridade de quen sabe poñerse nas mans de Deus para sentir o seu agarimo e a súa confianza, e digamos xuntos:

QUE NON NOS DEIXEMOS AFUNDIR POLA TEBRA DA DESESPERANZA
*        Para que as comunidades cristiás que conformamos a Igrexa non deixemos que os medos e as inseguridades nos afasten da urxencia de loitar e defender a dignidade de quen non é tratado con respecto, OREMOS.
QUE NON NOS DEIXEMOS AFUNDIR POLA TEBRA DA DESESPERANZA
*        Para que nas nosas parroquias nos caiamos na tentación de crear clans que defenden, inda que non teñan razón, a quen actúa desde o abuso, a violencia e a falta de respecto aos demais, e non se compadecen dos que son vítimas desta situación, OREMOS.
QUE NON NOS DEIXEMOS AFUNDIR POLA TEBRA DA DESESPERANZA
*        Para que non deixemos que os nosos medos e as nosas desconfianzas nos vaian afastando de Xesús e da súa mensaxe, para caer nunha existencia baleira e falta de esperanza, OREMOS.
QUE NON NOS DEIXEMOS AFUNDIR POLA TEBRA DA DESESPERANZA
Señor, compartimos contigo esta oración comunitaria, sabendo que a pesar de que moitas veces as nosas decisións nos afunden, Ti non deixas que nos vaiamos ao fondo, rescatándonos a través das mans amigas que imos atopando no noso camiño. P.X.N.S. Amén.



MIRADA DE ESPERANZA
Porque xa non tes pés que percorran os camiños,
avanza hoxe, Señor, se queres cos meus.
Porque os teus ollos non poden acariciar o mundo,
contempla, observa e ama tomando a miña mirada.
Porque hoxe non tes beizos que griten a túa palabra,
aquí tes os meus, a túa boca prolongada.
Porque non viven as túas mans para deixar a terra transformada,
traballa coas miñas e déixaas gastadas.
Con todo o que son, como instrumento,
contempla hoxe, Señor,
fala, traballa, acaricia, camiña e ama...
a través de min.
(Do libro, Peregrino, coñeces a túa ruta?)


CANTO GOZOSO
ENTRADA: 
LECTURAS:
OFERTORIO: 
COMUÑÓN: 



POWER POINTS

No hay comentarios:

Publicar un comentario