Domingo 18 de Ordinario A
DOMINGO
XVIII ORDINARIO CICLO A
Primeira
Lectura Is 55, 1-3
LECTURA
DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Comprade comida e comede
Así fala Señor:
¡Oh,
sedentos todos, vinde por auga!
Os que non tedes prata, vinde,
comprade comida e comede,
vinde e comprade comida;
sen prata e sen diñeiro comprade viño e leite.
Porque cambiades prata polo que non é pan
e o voso xornal polo que non farta.
Escoitádeme ben:
comede ben e que a vosa gorxa se alegre coa graxa.
Baixade o oído e vinde onda min,
facédeme caso e revivirán as vosas ilusións,
pois pactarei convosco unha alianza eterna,
os beneficios de David que se manteñen firmes.
Palabra
do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 144, 8-9. 15-16.
17-18
R/.
(cf. 16): Abres ti a túa man, Señor, e dásnos fartura.
O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en misericordia.
O Señor é bo para todos,
agarimoso con todas as súas obras.
Os ollos de todos están postos en ti,
e dáslles o sustento ao seu tempo.
Abres ti a túa man,
e dáslle fartura a todo ser vivo.
O Señor é xusto en todos os seus camiños,
e santo en todas as súas obras.
O Señor está cerca dos que o chaman,
dos que o chaman con sinceridade.
Segunda
Lectura Rm 8, 35. 37-39
LECTURA
DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Ningunha criatura nos poderá separar do amor de
Deus, que se dá en Cristo
Irmáns:
¿Quen nos pode arredar do amor de Cristo?: a tribulación, a angustia, a
persecución, a fame, a nudez, o perigo, ou a espada?
Pero en todas estas cousas vencemos coa axuda daquel que nos amou.
Porque estou seguro de que nin a morte nin a vida, nin os anxos nin os
principados, nin o presente nin o porvir, nin as potestades, nin a altura nin o
abismo, nin calquera outra criatura nos poderá afastar do amor que Deus nos ten
en Cristo Xesús, noso Señor.
Palabra
do Señor R/. Grazas
a Deus
ALELUIA Mt 4, 4b
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, Aleluia.
O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede da boca de Deus.
Aleluia.
Evanxeo Mt 14, 13-21
LECTURA
DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Comeron todos e saciáronse
Naquel tempo, cando soubo Xesús da morte do Bautista, retirouse de alí
nunha barca a un lugar deserto e arredado. En canto a xente o soubo, foino
seguindo por terra desde as vilas. Así, cando desembarcaron, atopouse cun gran
xentío. El, conmovido, curou a todos os enfermos. Chegada a tarde, os
discípulos foron onda el e dixéronlle:
‑ O lugar está moi
arredado e a hora moi avanzada: será mellor que despidas a xente para que vaian
ás aldeas e merquen comida.
Xesús díxolles:
‑ Non precisan marchar,
dádelles vós de comer.
Eles responderon:
‑ Aquí non temos máis ca
cinco bolos de pan e mais dous peixes.
Pero Xesús replicoulles:
‑ Pois traédemos aquí.
E mandando recostar á xente na herba, colleu
os cinco bolos e mailos dous peixes, ergueu a mirada ao ceo, dixo a bendición,
partiu os bolos e déullelos aos discípulos, que á súa vez llos pasaron á xente.
E
comeron todos ata se fartaren, enchendo coas sobras doce cestas. Os que comeron
eran uns cinco mil, sen contar mulleres nin nenos.
Palabra do
Señor R/. Loámoste, Cristo
DEUS NON FALLA: EN TEMPOS DE ESCASEZA SEGUE A OFRECERNOS A SÚA
COMPAÑA E O SEU XANTAR: “VINDE E COMEDE”
ESCOITA ACTIVA
Man aberta e comida son palabras que hoxe están bastante en
crise. Cando hai moito é fácil dar do que sobra a mans cheas; porén, cando as
cousas veñen dadas é de valorar que siga a haber xente que coa súa man aberta
ofrece do que ten. Esta podería ser a imaxe que nos axudara a entender e nos
motivara a participar na celebración de hoxe. Deus non só non retira a súa man,
senón que, se cabe, ábrea moito máis para a través dela ofrecernos a comida da
solidariedade e do amor. Porque.... que están a ser senón todas as mans abertas
das persoas que dedican os seus medios e o seu tempo a compartir o que teñen
para que outros poidan comer cada día, pagar os seus recibos de luz ou o seu
aluguer?. Daquela, que mellor que reunirnos para dar grazas a ese Deus que a
través da súa palabra vai conformando esa forma de ser que chamamos vida
cristiá, Evanxeo, para que o entendamos con máis claridade.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
- Polas veces nas que
non fomos capaces de achegarnos a quen nos precisaba, abríndolle a nosa man
para que puidese comer, SEÑOR, QUE NON NOS APARTEMOS DO TEU AMOR.
- Porque en momentos
de fartura estragabamos, e agora en momentos de crise botamos en falta, CRISTO,
QUE NON NOS APARTEMOS DO TEU AMOR.
- Pola pouca atención
que temos prestado ao valor de ser austeros e xenerosos, SEÑOR, QUE NON NOS
APARTEMOS DO TEU AMOR.
PALABRA ENRAIZADA
* Na cultura
xudía, a invitación a comer era sinal de acollida e confianza. Cando un
estranxeiro chegaba, o primeiro que se lle ofrecía era o pan e o sal como
mostra de que era acollido coma un deles. Este xesto tan expresivo e importante
naquela cultura, tamén o foi na nosa durante moito tempo. Porén, agora, estamos
a ver a desconfianza, o individualismo, a ruptura do sentido social e
comunitario como froitos do que o capitalismo (a base de insistir no ter e
posuír fronte ao ser e compartir, e de considerarnos efectos colaterais para
conseguir os seus obxectivos, pero non persoas posuidoras da mesma dignidade)
ten conseguido que creamos. E estes perniciosos efectos do capitalismo están xa
tan metidos no noso subconsciente que falar de compartir, posuír, e mesmo dar
vén sendo, para moitos, case coma un pecado que hai que evitar. As
consecuencias de todo isto estámolas a ver. Non fai falla ter unha vista moi
boa para darnos conta de que persoas que ata hai ben pouco nada botaban en
falta, hoxe non teñen moitas veces que levar á boca. Que os avós, aos que non
se lles facía moito caso, son agora, por mor da súa pensión, os que dan o que
teñen a fillos e netos de xeito agradecido...mesmo sabendo que se a situación
fose outra, volverían ser os primeiros esquecidos. A invitación da lectura de
Isaías a compartir o pan é valor que se fai hoxe realidade desde a fidelidade
aos valores que o Deus cristián vén invitando a poñer en práctica ao longo dos
tempos, en situacións sociais e económicas diversas. Porque ese Deus amor e
misericordia, unha e outra vez, ten insistido e tennos invitado a abrir a man
sen medo non para crear violencia, senón para achegar persoas e corazón, e
ofrecer ata saciar os favores do amor. Só un Deus que é amor pode ter uns
seguidores que saben facer desa palabra vida e solidariedade. Un amor
impregnado de xustiza e que non se conforma co discurso retórico dos que
mandan, senón que busca a fraternidade en quen o necesita. Por iso nunca, coma
o profeta, cansaremos de dicir: “vinde e comede”. Sen excluír, e sempre
agarimando.
* E se de
verdade tomamos esta palabra en serio e nos esforzamos por traducila á nosa
vida en forma de accións e
comportamentos, este amor vai asentándose sobre uns cimentos tan fortes que,
por moi forte que sexa o trebón, non os vai derrubar. Como senón entender o
esforzo de tantas persoas que arriscan vidas e poñen tempo e ledicia para
entregarse aos demais, sen esperar nada material como recompensa?. A resposta
atopámola nas palabras que Paulo lle escribía aos romanos: “o amor de Cristo”.
Nesta seguridade nada nos vai apartar dese corazón solidario e sempre disposto
a expresar a tenrura de Deus cos irmáns. Un amor farturento que non se deixa
vencer pola desesperanza; un amor que non xulga nin condena, senón que busca
tender mans en proxectos comúns e que benefician a todos; un amor sempre
disposto a non conformarse co sometemento e a submisión, senón que busca a
liberación das situacións sociais para que as persoas poidamos ser real e
autenticamente libres. Nunha palabra, un amor que non se esgota nin nun
contacto físico nin tampouco na elocuencia dun discurso ben construído, senón
que se expresa e mostra na coherencia dunha vida e na capacidade de mirar aos
ollos, sen a mala conciencia de estar xogando coas vidas e a dignidade de quen
non o deixan ser protagonista da súa propia vida. E ese amor só provén dunha
fonte: o manancial que nos ofrece Xesús.
* Desde hai
dous mil anos, nós coidamos que toda esta riqueza que nos ofrece o amor de
Xesús vaise mostrando na vida da Igrexa a través das súas comunidades, das
accións e compromisos dos que nos chamamos crentes. Unha Igrexa que sempre é
sinal de contradición, pois diante de moitas iniciativas e proxectos realizados
dese amor, aparecen tamén as antíteses producidas polo pecado dos que mesmo se
chaman e consideran seguidores do Deus amor, o que fai que a imaxe que deamos
como Igrexa sexa todo o contrario á do Evanxeo. Non estaría de máis que nos
preguntaramos cal está sendo a nosa actitude, e como imos respondendo, como
Igrexa que conformamos, á tarefa de sermos construtores do Reino de Deus alí
onde estamos. O “comeron ata fartar” do que nos fala o Evanxeo é tamén para nós
unha chamada a que nestes tempos difíciles non deixemos de lado a preocupación
polos demais; a que non esquezamos que a
fe cristiá non é unha fe que se reza, senón un seguimento que se vive coas
nosas actitudes e as nosas accións. Unhas actitudes que han verse desde os
nosos comportamentos. Ser alimento para os outros é ser pan compartido e
repartido. Pan físico e material; pero tamén pan de ter a capacidade de
escoitar a quen o necesite ou de acompañar a quen nolo pida. E non esquezamos
que neste momento non só hai escaseza de pan de trigo..., hai outras moitas
escasezas que nós podemos axudar a fartar.
FRATERNIDADE ORANTE
Deus hoxe ofrécesenos como pan que cura as fames que non se
van de nós: fame de paz, fame de sentírmonos queridos, fame de xustiza.
Pidámoslle ao Señor que nunca deixe de alimentarnos dicindo:
SEÑOR, CURA TI A NOSA FAME DE XUSTIZA
* Señor, que
saibamos ser unha Igrexa preocupada non por crear fames senón fartura: fartura
de amor, de xustiza e mais paz, OREMOS.
SEÑOR, CURA TI A NOSA FAME DE XUSTIZA
* Señor, que
sexamos unha comunidade sempre atenta a non deixar que ningún dos nosos veciños
sufra a falta de alimento, OREMOS.
SEÑOR, CURA TI A NOSA FAME DE XUSTIZA
* Señor, que
saibamos facer da nosa vida un recanto no que poidamos ofrecer e compartir as
actitudes do Evanxeo que nos chaman a vivilo con alegría e sempre buscando o
diálogo con quen pensa distinto a nós ou non nos comprende, OREMOS.
SEÑOR, CURA TI A NOSA FAME DE XUSTIZA
Grazas, Señor, por abrirnos os ollos nun mundo tan cheo de
fame, e tan escaso de amor solidario. P.X.N.S.Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Quen fará xustiza ao oprimido?
Quen resolverá con rectitude
a favor do pobo abandonado?.
Señor, ti es tenrura e suavidade,
e o teu corazón sabe comprender
as penas dos humildes.
Lémbrate do teu amor
e endereita aos que xa abanean polo camiño,
porque ti es o noso Salvador
por séculos de séculos.
ADAPTADO DE: http://www.diocesismalaga.es/
CANTO GOZOSO
ENTRADA:
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
Comentarios
Publicar un comentario