Domingo 22 de Ordinario - ciclo A

DOMINGO XXII ORDINARIO - CICLO A


Primeira Lectura     Xer 20, 7-9
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XEREMÍAS
A palabra do Señor volveuse escarnio para min

            Señor, seducíchesme e deixeime seducir;
 collíchesme e puideches comigo.

            Sirvo a cotío de burla;
a destrución é o meu pan.

            Sempre que falo, teño que proclamar: Desastre!;
teño que clamar: Destrución!

            A palabra do Señor volveuse para min un escarnio, unha burla continua.

            Se digo: "Non me vou acordar máis del,
non falarei máis no seu Nome",
entón a súa palabra vólvese coma un lume abrasador no meu corazón,
un lume prendido nos meus ósos;
fago forza por apagalo, pero non son capaz.



            Palabra do Señor                                          R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 62, 2. 3-4. 5-6. 8-9
 R/.  (2b):  De ti ten sede a miña alma, Señor, meu Deus.

Deus, o meu Deus es ti, por ti madrugo,
de ti ten sede a miña alma,
por ti devece o meu corpo,
coma terra reseca, sedenta, sen auga.

Miro cara a ti no santuario,
para ver o teu poder e a túa gloria.
A túa misericordia é preciosa máis cá vida,
lóante os meus labios.

Toda a miña vida hei bendicirte
levantando no teu nome as miñas mans.
Coma de graxa e manteiga, hei quedar satisfeito,
han loarte xubilosos os meus labios.

Ti es o meu auxilio,
á sombra das túas ás estou contento.
A miña alma está unida a ti,
abrigoume a túa destra.



Segunda Lectura           Rm 12, 1-2
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Ofrecede os vosos corpos como oblación vivente
  
            Rógovos, irmáns, pola misericordia de Deus, que ofrezades os vosos corpos como sacrificio vivo, santo, grato a Deus: coma o voso culto espiritual.

            E non vos axustedes ao mundo presente: máis ben, transformádevos, pola renovación da mente, para que poidades coñecer cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle agrada, o perfecto.

          
                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus




ALELUIA  Cf. Ef 1, 17-18
Se non se canta, pódese omitir.

 Aleluia, aleluia.

Que o Pai do noso Señor Xesús Cristo
ilumine os ollos do voso corazón
para que saibamos cal é a esperanza da nosa vocación.

Aleluia.




Evanxeo     Mt 16, 21-27
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Se alguén quere vir comigo, renegue de si mesmo

            Naquel tempo, comezou Xesús a aclararlles aos seus discípulos que tiña que ir a Xerusalén, e que alí o ían facer padecer moito os anciáns, os sumos sacerdotes e os letrados; que o ían executar e que ao terceiro día había resucitar.

            Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifar con el, dicindo:
              Deus te libre, Señor; a ti non che pasará nada diso de maneira ningunha.

            Pero el, volvéndose, díxolle a Pedro:
             Arreda de min, Satanás! Ti es un tentador para min, porque non te deixas guiar por Deus senón polos homes.

            Entón díxolles Xesús aos seus discípulos:
              Se alguén quere vir comigo, renegue de si mesmo, cargue coa súa cruz e sígame. Porque quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda por min, encontraraa.
             Pois de que lle serve ao home gañar o mundo enteiro se arruína a súa vida? E que pode dar un home en troco pola súa vida?
             Porque o Fillo do Home ha vir na gloria de seu Pai cos seus anxos; entón pagará a cadaquén conforme á súa conduta.

         
                        Palabra do Señor                        R/. Loámoste, Cristo




POR QUE, INDA QUE NOS DIGAMOS CRISTIÁNS, SEGUIMOS LAMENTÁNDONOS? BOTEMOS FÓRA CANTO NOS FAI DESCONFIAR DE DEUS E COMECEMOS A CONSTRUÍR A VIDA SEN CONVERTER A DEUS NA BANCA QUE NOS DÁ RENDIBILIDADE
ESCOITA ACTIVA
      Estamos tan afeitos a escoitar moitas veces as mesmas cousas que acabamos por crelas sen esforzarnos por discernir, reflexionar ou contrastar. E isto lévanos a facernos crédulos diante do que máis insistencia pon á hora de dicir as cousas. Porén, Deus ten outro xeito de ver a realidade e de invitarnos a seguila. Para El o importante non é canto podemos gañar co que facemos, senón como podemos ser mellores persoas e máis felices. Verdade que a diferenza é clara?. Pois nin Xeremías nin Pedro, dos que hoxe nos falan os textos que imos proclamar, o entenderon. Eles estaban noutras cousas, namentres o Deus Pai en Xesús buscaba abrir novos camiños cos que seguir cara adiante, sen ter que dar sempre voltas e máis voltas á vida convertida en redonda. Preguntémonos, tamén nós, con quen queremos estar.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Porque apostamos moito polo efémero, e esquecemos o que é importante: o que nos humaniza e outorga felicidade; SEÑOR, QUE NON CONVERTAMOS A VIDA EN CANSAZO.
û  Para que non nos deixemos engaiolar polos que só pretenden enganarnos e sacar de nós interese; CRISTO, QUE NON CONVERTAMOS A VIDA EN CANSAZO.
û  Porque nos sobra boa vontade, e nos faltan esforzo e constancia; SEÑOR, QUE NON CONVERTAMOS A VIDA EN CANSAZO.
PALABRA ENRAIZADA
ü  Os medos de Xeremías, xunto con todas as súas inseguridades aparecen na lectura que acabamos de escoitar. Non era capaz de entrar polo vieiro que Deus fora abrindo ao longo do tempo a través do testemuño dos que acolleran a súa Alianza –“serei o voso Deus, seredes o meu pobo”-. Por iso a palabra resultáballe dura e esixente, ata tal punto que fai o posible por rexeitala. A súa debilidade acaba por levalo a confundir o importante co efémero, co secundario, con aquilo que non debe incidir en nós para marcarnos e influírnos á hora de buscar horizontes e sentido a canto facemos. E do mesmo xeito que lle pasaba a Xeremías, tamén nos pasa a nós moitas veces: andamos desnortados. E ao perder o norte non é só que confundamos as cousas, senón que xa non temos claro que é o que paga a pena e cal é o camiño que debemos seguir para acadalo. E aquí temos, todos nós, o gran reto neste momento no que a sociedade avanza moi ás presas e sen ser consciente da necesidade de tempo para reflexionar, discernir, diferenciar e valorar o que é irrenunciable daquilo que non paga a pena porque nin nos aporta nada nin nos axuda a tomar conciencia da situación na que nos atopamos. Crer, abrirse á trascendencia, recoñecer que o materialismo é recorrente –cansiño- e volve unha e outra vez sobre o mesmo; pero que non avanza, é unha opción que temos que tomar nós. Ninguén o pode facer usurpando a nosa liberdade. E sen ter que botarlle as culpas a outro, de nós vai depender ser protagonistas da nosa vida ou simples “palmeiros” do que outros fan e deciden, de maneira paternalista ou autoritaria, por nós. Non deixemos logo que ninguén nos secuestre o don máis grande que temos: a liberdade. Porque a Palabra de Deus nunca pode ser oprobio, senón liberación.
ü   Nela é onde atopamos a mellor de todas as fontes: a fonte que nos aporta a auga que vai facendo que a nosa secura se vaia atenuando. E... de que temos secura, poderiamos preguntarnos. Con só pararnos a pensar un pouco en como vivimos e no mundo que entre todos imos construíndo, iremos atopando a resposta. Temos secura de todas esas cousas que nos fan persoas tristes, amargadas, violentas, envexosas, egoístas, insolidarias... e cantas cousas máis que poderiamos enumerar e das que nós somos moitas veces responsables directos; e outras moitas indirectos ao mirar para outro lado, ou non querer afrontalas. Pois ben , de todas esas cousas nos vai curando a sede a Palabra de Deus que quere ser auga, acougo, paz, aceptación de nós mesmos, encontro, perdón, misericordia... liberación. Co salmista, con Israel cando se reunía para rezar este salmo, con tantas persoas que queren que a súa sede sexa atendida, tamén nós estamos chamados a ser vaso que leve a auga a quen necesita calmar a súa sede; pero tamén sabemos moi ben que non é posible facelo se primeiro non somos capaces de curar a nosa sede. Fagamos, logo, este esforzo para poder ser vaso solidario para os irmáns.
ü  Facendo este esforzo, estaremos dando resposta á invitación que nos fai Xesús de seguilo. Só quen dedica tempo a preguntarse que busca e cales son os camiños a seguir para acadar iso que busca é capaz de entender a lóxica de Xesús, e de confrontala coa lóxica do efémero, do progreso sen límite ou do crecemento sen pensar na persoa, no ser humano de xeito integral. De que nos vale ter moito se iso é a custa de explotar aos demais, de sentírmonos solos, de deixar polo camiño sufrimento, morte ou violencia?. De que nos vale?. Se é para saír nos medios de comunicación, para que falen de nós, ou para que nos consideren importantes, non temos que pagar, por isto, un prezo demasiado alto?. Xesús achégase ao mundo con outros ollos, polo que a súa mirada é moi distinta. Chámanos a renunciar a nós mesmos –e todos sabemos que non é fácil...pero tampouco é retórica ou palabra recurso– para comezar a ver aos que están ao noso redor. Só así poderemos entendelo, e poñernos en camiño para seguilo. Queremos ser felices?.Velaí o camiño.
FRATERNIDADE ORANTE
Deus reúnenos neste día para calmar a nosa sede de tristura e desacougo coa auga da súa Palabra. Abramos o corazón para deixarnos enchoupar dela e digamos xunt@s:

QUE A TÚA AUGA REFRESQUE AS SECURAS DA NOSA VIDA
*        Para que entre tod@s conformemos unha Igrexa evanxélica e libre que nunca cale diante do que oprime e explota aos máis empobrecid@s, OREMOS.
QUE A TÚA AUGA REFRESQUE AS SECURAS DA NOSA VIDA
*        Para nunca cansemos nin nos desanimemos na tarefa de visitar aos enfermos, consolar aos tristes e compartir ou con quen non ten e necesita, OREMOS.
QUE A TÚA AUGA REFRESQUE AS SECURAS DA NOSA VIDA
*        Para que cando sintamos a secura da tristura, o desacougo, a preguiza ou a indiferenza busquemos sempre a fonte da túa auga que se fai presente nas persoas de corazón grande que nunca cansan, inda que ninguén valore o seu traballo, OREMOS.
QUE A TÚA AUGA REFRESQUE AS SECURAS DA NOSA VIDA

Señor, que esta oración que temos compartido esperte en nós o desexo de non deixar que a secura da nosa vida murche as nosas ilusións e proxectos. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
A Igrexa é unha comunidade difícil... é plural, heteroxénea, aberta, universal, ecuménica. Por iso é don do Señor: “pedímosche humildemente Pai, na mediación do teu Fillo, que o Espírito Santo nos congregue na unidade...”. E que nós non decaiamos na constante tarefa de orar, persoal e comunitariamente, para coller forzas que nos leven a comprometernos, ao lado de outras mans, outros corazóns, pero coas mesmas ilusións, que loitan e se entregan para poñer sorrisos nos ollos que están tristes e e paz nas vidas magoadas. Porque só así descubriremos a necesidade que temos de curar as chagas de tantos irmáns que se senten solos. Amén.
CANTO GOZOSO
ENTRADA:
Non vou so
LECTURAS:
Déixate querer
OFERTORIO:
Misioneiro
COMUÑÓN:
Acharte presente na vida***

POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares