Ficha e Lectio - Domingo 22 Ord A





LECTIO:


APRENDER A PERDER

O dito está recollido en todos os evanxeos e repítese ata seis veces: “Se un quere salvar a súa vida, perderaa, pero o que a perde por min, atoparaa”. Xesús non está falando dun tema relixioso. Está suscitando nos seus discípulos cal é o verdadeiro valor da vida.

O dito está expresado de xeito paradoxal e provocativo. Hai dous xeitos moi diferentes de orientar a vida: unha conduce á salvación, a outra á perdición. Xesús invita a todos a seguiren o camiño que parece máis duro e menos atractivo, pois conduce ao ser humano á salvación definitiva.

O primeiro camiño consiste en aferrarse á vida vivindo exclusivamente para un mesmo: facer do propio “eu” a razón última e o obxectivo supremo da existencia. Este modo de vivir, buscando sempre a propia ganancia ou vantaxe, conduce ao ser humano á perdición.

O segundo camiño consiste en saber perder, vivindo como Xesús, abertos ao obxectivo último do proxecto humanizador do Pai: saber renunciar á propia seguridade ou ganancia, buscando non só o propio ben senón tamén o ben dos demais. Este modo xeneroso de vivir conduce ao ser humano á súa salvación.

Xesús está falando desde a súa fe nun Deus Salvador, pero as súas palabras son unha grave advertencia para todos. Que futuro lle espera a unha Humanidade dividida e fragmentada, onde os poderes económicos buscan o seu propio beneficio; os países, o seu propio benestar; os individuos, o seu propio interese?
A lóxica que dirixe nestes momentos a marcha do mundo é irracional. Os pobos e os individuos estamos caendo aos poucos na escravitude do “ter sempre máis”. Todo é pouco para sentírmonos satisfeitos. Para vivirmos ben, necesitamos sempre máis produtividade, máis consumo, máis benestar material, máis poder sobre os demais.

Buscamos insaciabelmente benestar, pero non nos estamos deshumanizando sempre un pouco máis? Queremos “progresar” cada vez máis, pero, que progreso é este que nos leva a abandonarmos millóns de seres humano na miseria, na fame e na desnutrición? Cantos anos poderemos gozar do noso benestar, pechando as nosas fronteiras aos famentos?

Se os países privilexiados só buscamos “salvarmos” o noso nivel de benestar, se non queremos perdermos o noso potencial económico, xamais daremos pasos cara a unha solidariedade a nível mundial. Pero non nos enganemos. O mundo será cada vez máis inseguro e máis inhabitábel para todos, tamén para nós. Para salvar a vida humana no mundo, temos de aprendermos a perder.


José Antonio Pagola

Comentarios

Publicacións populares