Ficha e Lectio - Domingo 20 Ord A




LECTIO:

XESÚS É DE TODOS

Unha muller pagá toma a iniciativa de acudir a Xesús aínda que non pertence ao pobo xudeu. É unha nai angustiada que vive sufrindo cunha filla “atormentada por un demo”. Sae ao encontro de Xesús dando berros: “Ten compaixón de min, Señor, Fillo de David”.

A primeira reacción de Xesús é inesperada. Nin sequera  se detén para escoitala. Aínda non chegou a hora de levar a Boa Noticia de Deus aos pagáns. Como a muller insiste, Xesús xustifica a súa actuación: “Só fun enviado ás ovellas escarriadas da casa de Israel”.

A muller non arreda. Superará todas as dificultades e resistencias. Nun xesto audaz próstrase ante Xesús, detén a súa marcha e de xeonllos, cun corazón humilde pero firme, diríxelle un só grito: “Señor, socórreme”.

A resposta de Xesús é insólita. Aínda que nesa época os xudeus chamaban con toda naturalidade “cans” aos pagáns, as súas palabras resultan ofensivas aos nosos oídos: “Non está ben botar aos cans o pan dos fillos”. Retomando a súa imaxe de xeito intelixente, a muller atrévese desde o chan a corrixir a Xesús: “Tes razón, Señor, pero tamén os cans comen as migallas que caen da mesa dos señores”.

A súa fe é admirábel. Seguro que na mesa do Pai pódense alimentar todos: os fillos de Israel e tamén os cans pagáns. Xesús parece pensar só nas “ovellas perdidas” de Israel, pero tamén ela é unha “ovella perdida”. O Enviado de Deus non pode ser só dos xudeus. Ha ser de todos e para todos.

Xesús réndese ante a fe da muller. A súa resposta revélanos a súa humildade e a súa grandeza: “Muller, ¡que grande é a túa fe! que se cumpra como desexas”. Esta muller estalle descubrindo que a misericordia de Deus non exclúe a ninguén. O Pai Bo está por encima das barreiras étnicas e relixiosas que trazamos os humanos.

Xesús recoñece á muller como crente aínda que vive nunha relixión pagá. Ata atopa nela unha “fe grande”, non a fe pequena dos seus discípulos aos que recrimina máis dunha vez como “homes de pouca fe”. Calquera ser humano pode acudir a Xesús con confianza. El sabe recoñecer a súa fe aínda que viva fóra da Igrexa. Sempre atoparán nel un Amigo e un Mestre de vida.

Os cristiáns temos de alegrármonos de que Xesús siga atraendo hoxe a tantas persoas que viven fóra da Igrexa. Xesús é máis grande do que todas as nosas institucións. El segue facendo moito ben, ata a aqueles que se afastaron das nosas comunidades cristiás.

José Antonio Pagola

Comentarios

Publicacións populares