Ficha e Lectio - Domingo 21 de Ordinario A





LECTIO :

QUE DICIMOS NÓS?

Tamén hoxe Xesús nos dirixe aos cristiáns a mesma pregunta que fixo un día aos seus discípulos: “E vós, quen dicides que son eu?” Non nos pregunta só para que nos pronunciemos sobre a súa identidade misteriosa, senón tamén para que revisemos a nosa relación con el. Que lle podemos responder desde as nosas comunidades?

Coñecemos cada vez mellor a Xesús, ou témolo “encerrado nos nosos vellos esquemas aburridos” de sempre? Somos comunidades vivas, interesadas en poñer a Xesús no centro da nosa vida e das nosas actividades, ou vivimos estancados na rutina e a mediocridade?

Amamos a Xesús con paixón ou converteuse para nós nunha personaxe gastada  á  que seguimos invocando mentres no noso corazón vai crecendo a indiferenza e o esquecemento? Quen se achegan ás nosas comunidades poden sentir a forza e o atractivo que ten para nós?

Sentímonos discípulos e discípulas de Xesús? Estamos aprendendo a vivirmos co seu estilo de vida no medio da sociedade actual, ou deixámonos arrastrar por calquera reclamo máis apetecíbel para os nosos intereses? Dános igual vivirmos de calquera xeito, ou fixemos da nosa comunidade unha escola para aprendermos a vivir como Xesús?

Estamos aprendendo a mirarmo-la vida como a miraba Xesús? Miramos desde as nosas comunidades aos necesitados e excluídos con compaixón e responsabilidade, ou encerrámonos  nas nosas celebracións, indiferentes ao sufrimento dos máis desvalidos e esquecidos: os que foron sempre os predilectos de Xesús?
Seguimos a Xesús colaborando con el no proxecto humanizador do Pai, ou seguimos pensando que o máis importante do cristianismo é preocupármonos exclusivamente da nosa salvación? Estamos convencidos de que o modo de seguirmos a Xesús é vivirmos cada día facendo a vida máis humana e máis ditosa para todos?

Vivimos o domingo cristián celebrando a resurrección de Xesús, ou organizamos o noso fin de semana baleiro de todo sentido cristián? Aprendemos a atopar a Xesús no silencio do corazón, ou sentimos que a nosa fe vaise apagando afogada polo ruído e o baleiro que hai dentro de nós?

Creemos en Xesús resucitado que camiña connosco cheo de vida? Vivimos acollendo nas nosas comunidades a paz que nos deixou en herdanza aos seus seguidores? Cremos que Xesús nos ama cun amor que nunca acabará? Cremos na súa forza renovadora? Sabemos ser testemuñas do misterio de esperanza que levamos dentro de nós?

José Antonio Pagola
Traduciu: Xaquín Campo Freire

Comentarios

Publicacións populares