A21. A túa misericordia, Señor, é para sempre; non abandones a obra das túas mans - Salmo 137

Domingo 21 de Ordinario - ciclo A


CREO EN XESÚS DE NAZARÉ

Pai, que estás no Ceo,
que a túa luz alume as nosas dúbidas,
e ensínanos gratis a ver en Xesús,
o rostro do teu Fillo.
Que o teu don sexa máis forte
que a carne e o sangue que nos envolven.

Axúdanos a proclamar
que en Xesús de Nazaré,
pobre, obreiro, loitador, rezador,
cumpridor exquisito da túa vontade,
masacrado polos poderes políticos e relixiosos,
está a túa presenza viva no medio de nosoutros.

Xesús, mestre querido,
fonte primeira da que xurdiu a Igrexa, 
coida o noso Papa,
coida os crentes todos,
axúdanos a facer Igrexa con humildade,
sen seguridades soberbias no noso futuro,
co convencemento de que nunca o teu Espírito morrerá
no seo da comunidade que te invoque.

Espírito Santo amigo,
ilumina os que teñen as chaves do ceo
- e pode algún home ter as chaves do ceo? -
que abran e pechen soamente,
onde ti abres e pechas
coa túa misericordia máis forte có xuízo.




Comentarios

Publicacións populares