Domingo 21 de Ordinario - ciclo A

DOMINGO XXI ORDINARIO   -  CICLO A


Primeira Lectura     Is 22, 19-23
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Porei a chave da casa de David sobre o seu ombreiro

     Así fala o Señor a Sobne, responsable do templo:
            Chimpareite do teu posto empoleirado,
botareite abaixo do teu pedestal.
            Sucederá no día aquel, que chamarei polo meu servo, Eliaquim, fillo de Hilquías. Farei que vista a túa túnica, e fortalecereino co teu cinguideiro
e porei na súa man o teu posto de mando:
será un pai para os habitantes de Xerusalén e para a casa de Xudá.
            Porei a chave da casa de David sobre o seu ombreiro:
abrirá, e non haberá quen feche; e fechará, e non haberá quen abra.
            Cravarei a caravilla da súa tenda nun lugar seguro,
e será trono de gloria para a casa de seu pai.
           
                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 137, 1-2a. 2bc-3. 6 e 8bc
R/.  (8bc):        A túa misericordia, Señor, é para sempre;
                        non abandones a obra das túas mans.

Douche grazas, Señor, de todo corazón,
hei cantar para ti diante dos anxos.
Hei prostrarme cara ao teu santo templo.
Dou grazas ao teu nome
pola túa misericordia e a túa fidelidade,

Porque a túa promesa
é máis grande cá túa sona.
Cando te chamo, respóndesme
e acrecentas as miñas forzas.
O Señor é excelso,
e pon os seus ollos no humilde,
e coñece de lonxe o soberbio.
A túa misericordia, Señor, é para sempre,
non abandones a obra das túas mans.


Segunda Lectura     Rm 11, 33-36
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Del, por el e para el se fan todas as cousas

             Que fondura é a da riqueza, da sabedoría e do coñecemento de Deus! Que inescrutables son os seus xuízos e inexplorables os seus camiños!
            Pois, quen coñeceu a mente do Señor? Ou quen foi o seu conselleiro? Quen lle emprestou algo, para que El llo teña que devolver?
            Todas as cousas saíron del e existen por El e para El. A El a gloria polos séculos. Amén.
           
                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Mt 16, 18
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, Aleluia.
Ti es Pedro,
e sobre esta pedra edificarei a miña Igrexa,
e as forzas do Inferno non prevalecerán en contra dela.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 16, 13-20
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Ti es Pedro, e a ti hei dar as chaves do Reino dos Ceos
  
            Naquel tempo, chegou Xesús á comarca de Cesarea de Filipo e facíalles esta pregunta aos seus discípulos:
            ‑ Quen di a xente que é o Fillo do Home?
            Eles responderon:
            ‑ Uns din que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
            El insistiu:
            ‑ E vós, quen dicides que son eu?
            Respondeu Simón Pedro:
            ‑ Ti es o Mesías, o Fillo de Deus vivo.
            E Xesús contestoulle:
            ‑ Ditoso ti, Simón, Fillo de Xonás, porque non cho revelou nin a carne nin o sangue, senón meu Pai, que está nos ceos. E eu dígoche: "Ti es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa, e as portas do inferno non prevalecerán en contra dela. Dareiche as chaves do Reino dos Ceos; todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos; e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.
           
                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo




FRONTE AO AUTORITARISMO DE QUEN DOMINA, XESÚS ENTRÉGALLE A PEDRO UNHA MISIÓN CONSTRUÍDA SOBRE O SERVIZO, NON SOBRE O DOMINIO NIN A IMPOSICIÓN

ESCOITA ACTIVA
            Cada mañá ao levantarnos móstrasenos como unha porta que temos que abrir para poder entrar por ela. A chave desa porta dánola Deus en forma de disposición para poñer no día que comeza ilusión, gañas, esperanza, capacidade para superar dificultades ou esforzo por non deixarnos levar da incomprensión de uns para cos outros. Si, a chave dánola Deus, e nós acollémola ou non, segundo a implicación de cadaquén á hora de acoller este gran agasallo que se nos fai e de darlle sentido e contido ao noso abrir os ollos. El ábrenos a porta porque é quen ten as chaves e nos invita a entrar.


Que saibamos ser agradecidos cara Aquel que non abandona a obra das súas mans, senón que a pon ao noso dispor para que sintamos que, desde a nosa liberdade e o noso compromiso, é posible ir construíndo camiños de humanización e encontro co noso actuar. E que mellor momento ca este no que xuntos nos sentimos comunidade que se reúne agradecida para dar grazas e compartir risos e bágoas.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
      Para que fagamos da nosa vida portas abertas de misericordia, SEÑOR, NON ABANDONES A OBRA DAS TÚAS MANS.
  Para que non esquezamos nunca a chave que nos abre a porta do perdón ofrecido e concedido, CRISTO, NON ABANDONES A OBRA DAS TÚAS MANS.
   Para que no noso corazón non agromen actitudes mesquiñas e autoritarias,SEÑOR, NON ABANDONES A OBRA DAS TÚAS MANS.

PALABRA ENRAIZADA
   Contra o que a primeira vista puidera parecer, mandar, dirixir, organizar aos demais non é nada fácil. E non o é porque mandar non é impoñer, someter, berrar ou torturar. Iso sábeno facer moitos; pero en absoluto se identifica coas dotes e actitudes de mando das que nos fala Isaías na primeira lectura. Quen actúa así nunca está tranquilo, pois sabe que aqueles sobre os que exerce o mando están á espreita para poder botalo fóra. Isto é o que lle pasa a moitos dos dirixentes dos países, democráticos ou non. Porén, mandar é buscar canles de escoita, diálogo, respecto cos demais; valorando o que se fai ben, alentando... e corrixindo, sen necesidade de infravalorar ou facer de menos aos demais naquilo que non se fai como se debera. Podemos dicir que mandar é unha arte para a que non todas as persoas están preparadas. Por iso o profeta Isaías denuncia a aqueles que no nome do autoritarismo impoñen e esmagan aos que terían que servir, sexa no ámbito que sexa: relixioso, político, económico, social... porque ninguén debe arrogarse a capacidade de decidir sobre as vidas e a liberdade dos demais  nunca. Nin no nome de Deus nin no nome dos homes. Que lonxe están as nosas practicas desta proposta que nos fai Deus tamén a cada un de nós para que alí onde esteamos, sen necesidade de ser “grandes dirixentes” saibamos exercer o mandato como servizo e colaboración!. Só así poderemos acadar a chave que El nos ofrece, abrir a porta e entrar sen medo a ser nin represaliados nin sometidos, porque se Deus é liberdade, tamén temos que favorecer esa liberdade cos que temos ao noso redor.

    Paulo volve dar mostra de esperanza diante do aparente fracaso co que vemos as persoas na realidade. En Cristo e con Cristo, guía e mestre, somos chamados a avanzar sen deixarnos levar nin da tristura nin da sensación de ser perdedores. Un cristián que loita e busca facer do evanxeo un estilo de vida ten sempre a Xesús como referencia, como guía, como meta. Como podemos logo falar de fracaso, desesperanza ou frustración?. É verdade que ninguén nos vai quitar a nosa limitación, a capacidade de equivocarnos, de sentir dor ou sufrimento, pero tampouco ninguén nos poderá ofrecer, nesas situacións, o que El nos pode ofrecer: a chave da súa comprensión e do seu acompañamento. E unha vez quitada a pechadura, a porta ábrese para que pasemos, non para recuar cheos de medo e angustia. Paulo, que o vivira e entendera, trataba de explicárllelo aos romanos. Pasaron anos, e moitos, hoxe tentan mesmo que nós non o entendamos.

    De novo as chaves volven saír no evanxeo. Xesús, como sinal de servizo delegado, entrégallas a Pedro. Non para que el faga delas pequenos cotos pechados onde só poden entrar os elixidos, senón para que abran pechaduras que posibiliten que as portas que estean pechadas se abran dunha vez e para sempre. Son estas as portas que fan da Igrexa non unha institución poderosa, manipuladora, aliada co poder e cos que mandan, unha Igrexa de cartos e nada transparente, que manipula conciencias e impide que as persoas crezan e se desenvolvan como seres libres, creados e queridos por Deus. Deus creounos libres e con autonomía, con capacidade de tomar decisións; mesmo equivocándonos!. En Pedro estamos todos nós. Non so os que mandan ou toman decisións namentres os demais calamos e obedecemos. Non. O que quere Xesús con este xesto é dicirnos que somos comunidade que vai camiñando e abrindo pechaduras que nos permiten achegarnos e invitar aos que xa están ou aínda non chegaron, non para berrarlles ou condenalos, senón para ofrecerlles a alegría do Evanxeo. Unha alegría que supón acoller, escoitar e poñer en practica a misericordia. E iso temos que facelo todos e todas; papa, bispos, curas, segrares… e as veces que faga falta. Porque esas son as chaves que en Pedro nos entregou Xesús a todos nós, á Igrexa.


FRATERNIDADE ORANTE
Poñámonos en actitude de compartir e de sentírmonos comunidade en oración, dicindo xuntos:
SEÑOR, GRAZAS POR CAMIÑAR CON NÓS
     *        Para que nunca cansemos de ser unha Igrexa activa, alegre e disposta a dar testemuño do Evanxeo alí de onde todos marchan porque xa non lles é rendible nin lles outorga prestixio, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR CAMIÑAR CON NÓS
     *        Para que non deixemos que as nosas comunidades se enchan de rutinas e tradicións, esquecendo o fundamental que ti nos ofreces: un testemuño de entrega xenerosa e de acompañamento das persoas que senten como a vida lle trunca camiños e proxectos que noutro tempo os ilusionaron, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR CAMIÑAR CON NÓS
     *        Para que coas túas chaves, saibamos estar sempre dispostos a abrir a porta a quen busca en nós tempo para compartir e construír actitudes solidarias que levan sorriso alí onde so hai tristura, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR CAMIÑAR CON NÓS
Sentíndonos sempre acompañados pola túa presenza, celebramos, Señor, que nos fagas aledarnos de ser comunidade disposta a non deixar a ninguén nas beiras no difícil camiño da vida. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
Illado, cada ser humano busca a súa propia noite.
As tebras pecharon os corazóns ao amor.
Pero, ti, Señor, acendes unha luz nova para guiar a todos os pobos.
Guíanos, Señor.
Abre os nosos ollos
para que todos os teus fillos e fillas
poidamos camiñar ao mesmo paso,
o paso das túas chaves
Chaves que abren as pechaduras do noso corazón,
que tantas veces temos pechado e cheo de óxido!

CANTO GOZOSO
      ENTRADA: 
        Camiñando pola vida
      LECTURAS: 
        Señor Xesús
      OFERTORIO: 
      COMUÑÓN:
        No colo da miña nai

POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares