Vendeu todo canto tiña e comprou o agro aquel - Mt 13, 44-52
Domingo 17 de Ordinario - ciclo A
BUSCADORES DE TESOUROS
Hai máis tesouros
cós que se fan con xoias.
Hai máis riquezas
cás que se miden con euros.
Hai máis bens
cós que se compoñen de terras.
Hai o ben da honradez,
hai a riqueza da unión,
hai o tesouro de irmandade.
Hai o ben da palabra,
limpa e alentadora.
Hai a riqueza da loita
polos dereitos dos labregos,
polos dereitos dos obreiros,
polos dereitos das clases traballadoras.
Hai o tesouro da humildade.
Todos estes tesouros,
e moitos máis coma eles,
son os tesouros de Deus.
Agochados
no medio dunha sociedade
que non os aprecia moito.
Pero vivos na vida de moitas persoas
que dan a vida por eles.
Deus ofrécechos a ti, gratis.
Pero hai que buscalos,
pedilos, traballalos.
O resto vén polo seu pé.
E sen perder o humor.
Que é sinal máis claro
de que Deus anda polo medio.
Comentarios
Publicar un comentario