Día 25 de xullo - Solemnidade
SANTIAGO,
APÓSTOLO,
PATRÓN DE GALICIA E DE ESPAÑA
Primeira
Lectura Feit 4, 33. 5, 12. 27b-33; 12, 1b.
LECTURA
DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
O rei
Herodes fixo decapitar a Santiago
Naqueles días, os apóstolos, con
gran poder, daban testemuño da resurrección do Señor Xesús, e facían moitos
sinais e prodixios entre o pobo.
Levados á presenza do Sanedrín, o
xefe dos sacerdotes interrogounos:
- Expresamente vos mandamos que non
ensinásedes nese nome, e vós enchestes Xerusalén coa súa doutrina. Vós queredes
botar sobre nosoutros o sangue dese home.
E Pedro e os apóstolos responderon:
- Cómpre obedecer a Deus antes que
aos homes. O Deus de nosos pais resucitou a Xesús, a quen vós matastes
colgándoo dun madeiro; pois a este enxalzouno Deus coa súa dereita, facéndoo
Xefe e Salvador, a fin de lle outorgar a Israel a conversión e o perdón dos
pecados. E nós somos testemuñas destas cousas e tamén o Espírito Santo, que
Deus dá aos que o obedecen.
Ó sentiren isto rabiaban de carraxe
e queríanos matar, e o rei Herodes mandou decapitar a Santiago, o irmán de
Xoán.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 66, 2-3. 5. 7-8
R/. (4): Lóente os pobos, oh Deus, lóente todos
os pobos.
Deus
teña piedade de nós e nos bendiga,
faga
brillar o seu rostro sobre nós;
Que se
coñeza na terra o teu camiño,
en todas
as nacións a túa salvación.
Alégrense
e canten as nacións,
porque
xulgas os pobos rectamente
e na
terra gobernas as nacións.
A terra
deu o seu froito;
que nos
bendiga Deus, o noso Deus;
que nos
bendiga Deus e que o teman
os
confíns todos do mundo.
Segunda
Lectura 2 Cor 4, 7-15
LECTURA
DA 2ª CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Sempre
levamos no noso corpo a paixón de Cristo
Irmáns:
Levamos ese tesouro en vasos de
barro, para que tal prodixio de forza apareza como cousa de Deus, e non nosa.
Aflíxennos por todas partes, pero
non nos abaten; andamos en apuros mais non desesperados; perseguidos pero non
abandonados; derrúbannos pero non nos rematan.
Por todas partes levamos no noso
corpo a morte de Xesús, para que a vida de Xesús se manifeste tamén no noso
corpo.
Pois a nós, que estamos con vida,
entrégannos decote á morte por causa de Xesús, para que tamén a vida de Xesús
se manifeste na nosa carne mortal. E así a morte actúa en nós, e a vida en vós.
Mantendo, sen embargo, o mesmo
espírito de fe, segundo o que está escrito "creo e por iso falo",
tamén nós cremos e por iso falamos, sabedores de que Aquel que resucitou a
Xesús hanos resucitar tamén a nós con Xesús e hanos colocar convosco onda El.
Todo isto acontece por causa vosa,
de modo que, ao estenderse a graza, se multiplique o número dos que dean grazas
para gloria de Deus.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA
Se non se
canta, pódese omitir
Aleluia,
aleluia.
Astro
brillante de España, Apóstolo Santiago,
o teu
corpo descansa na paz;
a túa
gloria pervive entre nós.
Aleluia.
Evanxeo Mt 20, 20-28
LECTURA
DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
O meu
cáliz beberédelo
Naquel tempo, a nai dos fillos do
Zebedeo acercouse cos seus fillos a Xesús, e prostrouse para pedirlle algo.
El preguntoulle:
‑ Que queres?
Ela respondeulle:
‑ Manda que estes dous fillos meus
senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.
Replicou Xesús:
‑ Non sabedes o que pedides.
Podedes beber o cáliz que eu teño que beber?
Respondéronlle:
‑ Podemos.
Replicoulles Xesús:
‑ O meu cáliz beberédelo; pero o
sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo; é
para quen o meu Pai o ten preparado.
Os outros dez, que estaban oíndo,
anoxáronse cos dous irmáns. Entón Xesús chamounos a todos onda el e díxolles:
‑ Sabedes que os xefes das nacións
as tiranizan, e que os grandes as dominan. Non ha ser así entre vós; ao
contrario, quen queira entre vós chegar a ser grande, ha de ser voso criado; e
quen queira entre vós ser o primeiro, ha de ser voso servo; porque o Fillo do
home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate
por todos.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
É FESTA NA NOSA TERRA!. QUE MELLOR MOMENTO PARA COMPARTIR E AGRADECER
A NOSA IDENTIDADE, A NOSA FE, A NOSA XENTE?
ESCOITA ACTIVA
Agradecid@s. Si, este pode ser hoxe o
adxectivo que nos axude a centrar a celebración que imos comezar. Agradecid@s
porque formamos parte dunha comunidade que reza de xeito solidario polos
demais, sexan de aquí ou vivan a milleiros de quilómetros. A fe é universal.
Non pode pecharse nun curral para que non saia, e sexa só para nós. Agradecid@s
tamén porque esa fe podemos vivila cos pés na terra, facendo nosos “os gozos e
as esperanzas, as tristuras e angustias“ dos homes e mulleres que viven ao noso
lado, co realismo e a tenrura coas que tamén Xesús soubo vivir coa xente do seu
tempo os seus problemas e as súas ilusións.
Neste
día do Apóstolo; neste día de Galicia, poñamos os pés no chan, abramos ben os
ollos e fagamos unha oración sinxela e sincera fitando cara ao ceo.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
- Por non poñer o noso tempo ao servizo de quen
o necesita, SEÑOR, AFÁSTANOS DA
TENTACIÓN INDIVIDUALISTA.
- Por non saber escoitar a voz de Deus, que nos
fala cada día a través das pequenas cousas, CRISTO, AFÁSTANOS DA TENTACIÓN INDIVIDUALISTA.
- Por non aprender a ser sinxelos con quen está
ao noso lado, SEÑOR, AFÁSTANOS DA
TENTACIÓN INDIVIDUALISTA.
PALABRA
ENRAIZADA
A diferenza de Herodes, nós
non necesitamos pasar a coitelo a ninguén. Para un seguidor de Xesús, as
opinións distintas e discrepantes non se suprimen nin se acalan pola forza da
violencia, do sometemento ou da morte. Ao contrario, para un cristián saber que
hai discrepancia é todo un estímulo para poder ofrecer razóns que expliquen o
porqué do noso actuar e das nosas conviccións. E isto que formulado parece
doado, se miramos ao noso redor, está a resultar cada día máis difícil. As
persoas non nos escoitamos, e antes de que o outro acabe de falar, xa temos a
resposta feita sen esperar a dar razóns. Esta lóxica, cada día máis presente na
nosa sociedade, temos que ila superando para poderes entrar na lóxica do
Evanxeo, na lóxica de Xesús. A lóxica que logo foron capaces de ir
desenvolvendo aqueles primeiros seguidores. Así, diante do recurso fácil á
violencia, e á tentación de facer desaparecer a quen discrepaba, os discípulos
non tiveron medo a anunciar o evanxeo, a actuar con sinceridade con sinxeleza,
mesmo expoñendo a súa propia vida. A palabra, don e tesouro, converteuse para
eles no medio a través do cal facían posible a invitación de Xesús:”ide e
anunciade”.
· A reflexión anterior ben nos podería
valer para estes tempos tan convulsos que estamos a vivir, e nos que se
pretende enganar, someter ou dominar ao outro/a a través da mentira, as
confusións ou as medias verdades. Políticos, banqueiros, relixiosos,
empresarios, traballadores… ninguén queda libre desta tentación de rexeitar a
verdade para adaptala os seus intereses. Que mellor que un día coma hoxe para
lembralo!. Un día no que moitos buscan saír no telexornal das tres para que
todos vexan o bos e xenerosos que son, e o ben que fan preocupándose pola xente
desta terra, cando logo as súas decisións ou o seu xeito de actuar e facer as
cousas no resto do ano está moi lonxe disto. Uns e outros afirman ser os
mellores. Por iso o salmo (no que lle diciamos ao Señor a importancia de que
saibamos loalo non só con palabras, senón con feitos) pode valernos para que
non esquezamos onde e en quen debemos poñer nós a nosa esperanza, para que
ninguén nola quite nin a utilice para os seus intereses, que unha vez
conseguidos, volven as costas a esas persoas ás que antes tanto querían e das
que tanto dicían preocuparse. Loar a Deus desde a terra, desde esta terra,
supón facer dos seres humanos verdadeira e auténtica dignidade no día a día, e
non só no día da terra, a patria ou a comunidade que se queira celebrar. As
persoas non só somos para un día, senón para todo ano, para sempre.
· A este compromiso e a esta tarefa é a
que nos chama o evanxeo que acabamos de proclamar. Como Santiago, tamén nós
moitas veces dicimos que nada se nos vai atravesar entre nós e o seguimento de
Xesús –o cáliz–; pero despois esquecemos este compromiso e somos violentos,
prestamos pouca atención a quen nos fala, caemos na tentación de renunciar a
ser honestos –porque tamén nas cousas pequenas un se corrompe–, a ser xustos, a
ser solidarios… e reducimos todo a dicir que nin roubamos nin matamos. Pero sen
que teñamos que facer estas dúas cousas para apartarnos da fidelidade ao
evanxeo, si que facemos moitas outras que nos van poñendo lonxe do que quería e
ao que nos invita Xesús. Un bo día hoxe, polo tanto, para reflexionar como está
sendo a nosa resposta a beber do cáliz do seu seguimento.
FRATERNIDADE
ORANTE
Neste día de festa en
Galicia, e sen perder a perspectiva da universalidade de Igrexa, rezamos xunt@s
dicindo:
QUE
DESDE ESTA TERRA SAIBAMOS VIVIR A UNIVERSALIDADE DA FE
* Para
que sexamos unha Igrexa que sabe incorporar á súa tarefa e á súa oración, as
esperanzas e dificultades das persoas ás que serve, OREMOS.
QUE
DESDE ESTA TERRA SAIBAMOS VIVIR A UNIVERSALIDADE DA FE
* Para
que, seguindo a Santiago, tamén aprendamos a recoñecer que os demais, inda que
non pensen coma nós, nos enriquecen co seu pensamento e co seu actuar, OREMOS.
QUE
DESDE ESTA TERRA SAIBAMOS VIVIR A UNIVERSALIDADE DA FE
* Para
que aprendamos a facer das nosas parroquias lugares onde poñamos en práctica a
colaboración entre os veciños, desterrando o individualismo e o enfrontamento,
OREMOS.
QUE
DESDE ESTA TERRA SAIBAMOS VIVIR A UNIVERSALIDADE DA FE
* Para
que cant@s hoxe celebramos a nosa festa nos sintamos querid@s, agarimad@s e
valorad@s no seu traballo ao longo de todo o ano, e non só hoxe, OREMOS.
QUE
DESDE ESTA TERRA SAIBAMOS VIVIR A UNIVERSALIDADE DA FE
Grazas,
Señor, por este día no que nos invitas a non perder a visión universal da fe
servindo a quen temos máis preto. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Señor, grazas por nacermos galeg@s,
neste recanto precioso do mundo,
que nos deu forma humana e identidade,
para barallarnos con asento
no concerto das
xentes e dos pobos.
Grazas pola fala galega,
coa que nos expresamos de forma sinxela,
espontánea e verdadeira,
a fala que fomos construíndo durante séculos,
e que é un regalo da vida e da cultura,
un precioso regalo teu tamén.
Manolo Regal,
A graza daquel verán, páx. 216
CANTO GOZOSO
ENTRADA:
Pedras vivas
LECTURAS:
LECTURAS:
Benaventurados
OFERTORIO:
OFERTORIO:
Na nosa terra
COMUÑÓN:
COMUÑÓN:
POWER POINTS
LECTIO:
Comentarios
Publicar un comentario