Ficha e Lectio - Domingo 15 de Ord.A
LECTIO:
SEMENTAR
Ao terminar o relato da parábola do sembrador, Xesús fai
esta chamada: “O que teña oídos para oír, que oia”. Pídesenos que prestemos moita atención á
parábola. Pero, en que temos de reflexionar? No sementador”? Na semente? Nos
diferentes terreos?
Tradicionalmente, os cristiáns fixámonos case exclusivamente
nos terreos en que cae a semente, para revisar cal é a nosa actitude ao
escoitar o Evanxeo. Con todo é importante prestar atención ao sementeiro e ao
seu modo de sementar.
É o primeiro que di o relato: “Saíu o sementador sementar”.
Faino cunha confianza sorprendente. Sementa de xeito abundante. A semente cae e
cae por todas partes, ata onde parece difícil que a semente poida xerminar. Así
o facían os campesiños de Galilea, que sementaban ata ao bordo dos camiños e en
terreos pedregosos.
Á xente non lle é difícil identificar ao sementeiro. Así
sementa Xesús a súa mensaxe. Veno saír todas as mañás a anunciar a Boa Noticia
de Deus. Sementa a súa Palabra entre a xente sinxela que o acolle, e tamén
entre escribas e fariseos que o rexeitan. Nunca se desalenta. A súa semente non
será estéril.
Desbordados por unha forte crise relixiosa, podemos pensar
que o Evanxeo perdeu a súa forza orixinal e que a mensaxe de Xesús xa non ten
garra para atraer a atención do home ou da muller de hoxe.
Certamente, non é o momento de recollermos éxitos
rechamantes, senón de aprendermos a sementar sen desalentarnos, con máis
humildade e verdade.
Non é o Evanxeo o que perdeu forza humanizadora, somos nós
os que o estamos anunciando cunha fe débil e vacilante. Non é Xesús quen perdeu
poder de atracción. Somos nós os que o desvirtuamos coas nosas incoherencias e
contradicións.
O Papa Francisco di que, cando un cristián non vive unha
adhesión forte a Xesús, “ben axiña perde o entusiasmo e deixa de estar seguro
do que transmite, fáltalle forza e paixón. E unha persoa que non está
convencida, entusiasmada, segura, namorada, non convence a ninguén”.
Evanxelizar non é propagar unha doutrina, senón facer
presente no medio da sociedade e no corazón das persoas a forza humanizadora e
salvadora de Xesús. E isto non se pode facer de calquera xeito. O máis decisivo
non é o número de predicadores, catequistas e ensinantes de relixión, senón a
calidade evanxélica que poidamos irradiar os cristiáns. Que contaxiamos?
Indiferenza ou fe convencida? Mediocridade ou paixón por unha vida máis humana?
José Antonio Pagola
Traduciu: Xaquín Campo Freire
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario