Ficha e Lectio - Domingo 18 de Ord. A
ADAPTADO DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
FONTE: http://iglesiadesopelana3m.blogspot.com.es/2014/07/08032014-18th-sunday-in-ordinary-time-a.html
DÁDELLES VÓS DE COMER
Xesús está ocupado en curar aquelas xentes doentes e
desnutridas que lle traen de todas partes. Faino, segundo o evanxelista, porque
o conmove o seu sufrimento.
Mentres tanto, os seus discípulos ven que xa se vai facendo
moi tarde. O seu diálogo con Xesús permítenos penetrar no significado profundo
do episodio chamado erroneamente “a multiplicación dos pans”.
Os discípulos fanlle a Xesús unha formulación realista e
razoábel: “Despide á multitude para que vaian ás aldeas e merquen para comer”.
Xa recibiron de Xesús a atención que necesitaban. Agora, que
cadaquen volva á súa aldea e compre algo para comer segundo os seus recursos e
posibilidades.
A reacción de Xesús é sorprendente: “Non fai falta que se
vaian. Dádelles vós para comer”. A fame é un problema demasiado grave para
desentendérmonos uns doutros e deixarmos que cada un o resolva no seu propio
pobo como poida. Non é o momento de separarse, senón de unirse máis do que
nunca para compartirmos entre todos o que haxa, sen excluírmos a ninguén.
Os discípulos fanlle ver que só hai cinco pans e dous
peixes. Non importa. O pouco abonda cando se comparte con xenerosidade. Xesús
manda que senten todos no prado para celebraren unha gran comida. De súpeto
todo cambia. Os que estaban a piques de separárense para saciaren a súa fame na
súa propia aldea, séntanse xuntos na contorna de Xesús para compartiren o pouco
que teñen. Así quere ver Xesús á comunidade humana.
Que sucede cos pans e os peixes nas mans de Xesús? Non os
“multiplica”. Primeiro bendí a Deus e dálle grazas: aqueles alimentos veñen de
Deus: son de todos. Logo vainos partindo e váillelos dando aos discípulos.
Estes, na súa vez, vánllelos dando á xente. Os pans e os peixes teñen de ir
pasando duns a outros. Así puideron todos saciaren a súa fame.
O arcebispo de Tánxer levantou máis unha vez a súa voz para
recordarnos “o sufrimento de miles de homes, mulleres e nenos que, deixados á
súa sorte ou perseguidos polos gobernos, e entregados ao poder usureiro e
escravizante das mafias, mendigan, sobreviven, sofren e morren no camiño da
emigración”.
No canto de unirmos as nosas forzas para erradicarmos na súa
raíz a fame no mundo, só se nos ocorre encerrármonos no noso “benestar egoísta”
levantando barreiras cada vez máis degradantes e asasinas.
En nome de que Deus os despedimos para que se afundan na súa
miseria? Onde están os seguidores de Xesús? Cando se oe nas nosas eucaristías o grito de Xesús,
“Dádelles vós de comer?"
José Antonio Pagola
Traduciu: Xaquín Campo Freire.
VER TAMÉN:
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2014/07/3-de-agosto-domingo-18-do-tempo.html
Comentarios
Publicar un comentario