13 jul. 2014

O sementador saíu a sementar - Mt 13, 1-23

Domingo 15 de ordinario  - ciclo A


SEMENTEIRA

Saíu sementar o labrego
a boa semente da vida;
semente en camiño caída;
levouna un paxaro do ceo.

Saíu sementa-lo labrego
granciños de esperanza que medra;
semente caída entre pedras:
queimouna o sol polo cedo.

Saíu sementar o labrego
gromiños de paz en xustiza;
semente entre silvas caída
murchouna do triunfo o devezo.

Saíu sementar o labrego
semente de pobo e de terra;
medrou a semente sen herbas:
viñeron os froitos a tempo.

Saíu sementar o labrego
a boa semente da vida,
granciños de esperanza que medra,
gromiños de paz en xustiza,
semente de pobo e de terra.

Non sexas camiño,
non sexas pedreira,
non sexas espiño.

Sé a terra boa,
lugar onde prenda,
produza e soleza
a boa semente,
que Deus che sementa
polo teu proveito,
polo ben da Terra
na que ti naciches,
da que ti ben deitas.



No hay comentarios:

Publicar un comentario