Domingo 14 de Ordinario - ciclo A
DOMINGO XIV
ORDINARIO - CICLO A
Primeira Lectura Zac 9, 9-10
LECTURA DO LIBRO DE ZACARÍAS
Velaí vén o teu rei a ti coma
pobre
Así
fala o Señor:
Relouca,
filla de Sión,
grita de ledicia, filla de
Xerusalén.
Velaí
chega o teu rei,
é xusto e protexido do Señor,
humilde e montado nun burro,
si, nun burriño fillo dunha
burra.
Eu
acabarei cos carros de Efraim
e cos cabalos de Xerusalén,
acabarase o arco de guerra
e El anunciará a paz ás nacións,
reinará desde un mar a outro mar,
desde o Éufrates aos confíns da
terra.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 144, 1-2. 8-9. 10-11. 13cd-14
R/. (1): Meu
Deus e meu rei, hei bendicir o teu nome por sempre.
Ou: Aleluia.
Meu Deus e meu rei, quero
enxalzarte
e bendicir o teu nome por sempre.
Hei bendicirte cada día,
hei loar o teu nome por sempre.
O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en
misericordia.
O Señor é bo para todos,
agarimoso con todas as súas
obras.
Que te loen, Señor, as túas
obras,
e te bendigan os teus amigos.
Que pregoen a gloria do teu
reino,
e falen do teu poder.
O teu reino é reino eterno,
o teu goberno dura por todas as
xeracións.
O Señor sostén a todos os que
caen
e endereita os que se dobran.
Segunda Lectura Rm 8, 9. 11-13
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Se coa forza do Espírito
mortificades as obras do corpo, viviredes
Irmáns:
Vivide
conforme o Espírito, posto que o Espírito de Deus habita en vós: se algún non
ten o Espírito de Cristo, ese non é de Cristo.
Se
o Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que
resucitou a Cristo Xesús dos mortos, vivificará os vosos corpos mortais polo
seu Espírito que habita en vós.
Polo
tanto, irmáns, somos de certo debedores, pero non da condición carnal, para
vivirmos segundo ela.
Porque,
se vivides segundo a condición carnal, habedes morrer; pero, se coa axuda do Espírito mortificades
as obras do corpo, viviredes.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Mt 11, 25
Se non se canta,
pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Bendito es ti, Pai, Señor dos
ceos e mais da terra,
porque revelaches aos humildes os
misterios do Reino.
Aleluia.
Evanxeo Mt 11, 25-30
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Son bo e humilde de corazón
Naquel
tempo, tomou Xesús a palabra e exclamou:
‑
Eu bendígote, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles escondiches estas
cousas aos sabios e aos prudentes e llelas revelaches aos pequenos. Así é, Pai,
porque iso foi do teu agrado.
Todas
as cousas mas confiou meu Pai; e ninguén coñece ao Fillo agás o Pai, nin coñece
ao Pai ninguén agás o Fillo, e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.
Achegádevos
a min todos os que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei. Cargade co
meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón, e atoparedes
acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é livián e a miña carga lixeira.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
Unha bendición sen auga bendita que non busca votos, senón
acoller co corazón e vivir coas actitudes o día a día da súa presenza
Pórtico
Acostumados a ver nas bendicións das cousas, non a decisión
de facer presente a Deus na vida, senón o culto á imaxe da autoridade de
"turno", a palabra de Deus invítanos hoxe a cambiar esta falsa imaxe
que temos do que significa querer ser bendicidos pola presenza de Deus na nosa
vida. Aquel que é a nosa bendición preséntasenos de xeito modesto, sinxelo e
sen facer apenas barullo, como sen que se note; pero si que está, e faino para
converter a nosa vida nunha treboada de disposición e esforzo por levar sorriso
de dignidade e xustiza alí onde a violencia, o abuso e a utilización das
persoas para fins interesados acabaron impóndose. Si, a bendición da que Deus
nos fala non sae nos xornais nin tampouco abre os programas de información,
pero si que alenta e enche a nosa vida de valores, actitudes e opcións nas que
a igualdade e a dignidade humanas son berce de presenza de Deus.
Perdón
Porque cando pedimos a túa bendición non queremos crer que
ela inunda e invita a cambiar actitudes e comportamentos, SEÑOR, QUE TE
BENDIGAMOS COS FEITOS.
Porque non acabamos de crernos que morrer a nós mesmos non é
unha morte física, senón un renunciar á soberbia, ao autoritarismo, á
imposición e ao dominio dos demais, CRISTO, QUE TE BENDIGAMOS COS FEITOS.
Porque a mansedume e a humildade non son as actitudes que
encamiñan a nosa vida, SEÑOR, QUE TE BENDIGAMOS COS FEITOS.
Remuíño
Cando falamos de Deus utilizamos habitualmente expresións
que nos van mostrando unha imaxe del bastante afastada das realidades máis
cotiás que os seres humanos temos. Así, dicimos que Deus é omnipotente,
todopoderoso, eterno…, facéndonos unha imaxe de alguén que está moi por riba de
nós e de canto nos preocupa. E esta imaxe desde a que tantas veces temos
manifestado e asentado a fe, vai facendo que para moitas persoas Deus non só se
afaste do que lles pasa, preocupa ou viven, senón que non signifique nada na
súa vida, polo que a fe resúltalles indiferenza na medida na que non supón nada
do que lles importa, aflixe ou preocupa. Porén, o profeta Zacarías busca
presentarnos un xeito moito máis humano de comprender e vivir, de percibir a
vida desde Deus. Fálanos da súa modestia, da súa sinxeleza, da súa humildade…
Isto debe levarnos a que caiamos na conta de que temos que repensar a imaxe de
Deus desde a que afirmamos crer e vivir valores e actitudes que o teñen a El
como centro, forza e sentido. O que nos ha levar a que non busquemos a Deus nin
nos pazos, as grandes catedrais, o diñeiro, o poder, as celebracións fastosas
que, aínda que esteticamente lle poidan parecer fermosas a moitos, nada ou
pouco teñen que ver co que nos pasa, o que sufrimos, canto nos preocupa ou nos
fai estar desacougados. Volvamos entón os ollos á Palabra de Deus e deixémonos
alimentar por ela, para ver si podemos descubrir, na media en que a lemos,
coñecemos e rezamos, razóns para percibir a Deus como Aquel que quere e sabe estar
con nós tanto cando somos capaces de rir e aledarnos, como cando as situacións
da vida nos van pondo dificultades que temos que ir afrontando e superando. Só
así entenderemos o que queremos dicir cando manifestamos que Deus é amor e
amigo. Tomemos en serio, e apliquemos tamén, que Deus non é fasto, senón
modestia.
Así poderemos bendicilo coas nosas obras, dando morte a
canto nos leva a por camiños de soberbia, superioridade, suficiencia ou
desapego das persoas necesitadas de nós. Se o que queremos é vivir a vida
sabendo e aprendendo a integrar nela a fe, non é necesario facer cousas raras e
estrañas, senón coller o rumbo que nos orienta cara un Deus que se implica no
que nos pasa, no noso sufrimento e na nosa ledicia; na nosa tristura e na nosa
esperanza, para poder logo afastar a tentación ben de crernos superiores aos
demais, ben de sentírmonos incapaces e medorentos .O Deus de Xesús é o Deus da
vida e de canto fai que o mundo no que vivimos non sexa o mundo no que triúnfan
os corruptos, os delincuentes de salón e burocracia, os que aproveitándose da
boa fe dos sinxelos e humildes fan negocios que simplemente os benefician a
eles empobrecendo aos demais. O Deus no que cremos que nos reúne nesta
celebración non é polo tanto o Deus da demagoxia e o engano, senón o do amor .E
o amor, como ben di Paulo, só se pode mostrar nas boas obras, que non son de
ladrillo e miles de euros, senón do que facemos, non para nós e o noso
proveito, senón por e para o ben dos demais.
Só deste xeito entenderemos por que Xesús nos invita a
achegarnos a El. Porque nos temos cansado e gastado a favor dos demais, non de
buscarnos a nós mesmos, senón de buscalo a El no traballo a favor dun mundo
máis xusto e igualitario, no que Deus está presente e nos chama a atopalo na
mansedume, que non servilismo, e na humildade do noso facer, dando lugar a un
corazón entregado á solidariedade e á causa da paz. Xesús nin nos trae nin nos
invita a ter poder, senón que nos mostra o camiño: a sinxeleza e a honestidade
do traballo que non deixa que ninguén se aproveite da boa fe dos sinxelos.
Oración da comunidade
Queremos, Señor, que a túa bendición enchoupe a nosa vida
para facer dela transparencia do teu amor e da túa xustiza, por iso dicimos:
QUE A MANSEDUME E HUMILDADE ENCHOUPEN A NOSA VIDA
Que na Igrexa aprendamos a camiñar no recoñecemento da
diferenza, a pluralidade e a discrepancia, sen intentar impoñer o que cada un
pensa como se fose o único, OREMOS.
QUE A MANSEDUME E HUMILDADE ENCHOUPEN A NOSA VIDA
Polas nosas comunidades, para que sexan berce de persoas
maduras, comprometidas coa súa realidade e que en vez de restar sexan quen de
sumar, tanto no pobo, coma na familia e o traballo, OREMOS.
QUE A MANSEDUME E HUMILDADE ENCHOUPEN A NOSA VIDA
No día a día, moitas veces esquecemos que bendicirte non é
ter boas palabras, senón estar convencidos de que a nosa vida ha ser o Evanxeo
que mostre o importante que Ti es para nós, OREMOS.
QUE A MANSEDUME E HUMILDADE ENCHOUPEN A NOSA VIDA
Señor: que non botemos en saco roto canto temos rezado
xuntos na nosa oración da comunidade. P.X.N.S. Amén.
Reflexión
Grazas, Pai,
por tódalas cousas pequenas
que compoñen a miña vida
e a vida dos meus veciños todos.
Grazas pola xente pequena,
pola xente pobre,
pola xente que parece de pouco proveito,
pola xente que vive pobremente,
sen ningunha chulería.
Grazas pola beleza agochada
en tódalas cousas humildes,
en tódolos corazóns humildes.
Grazas,Pai,
porque, sendo rico, faste pobre
para que todos nós poidamos enriquecer en ti
polo camiño do pobre.
Grazas porque segues escollendo o pequeno
coma cando escolliches á pobre María de Nazaré.
Grazas pola nova oportunidade que nos dás
de aprender dos pobres
a facer comunidade cristiá.
(Manolo Regal, Benqueridos amigos, 348)
Cantos
ENTRADA:
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
POWER
POINTS
Comentarios
Publicar un comentario