Domingo 17 de Ordinario - ciclo A
DOMINGO XVII
ORDINARIO CICLO A
Primeira Lectura 1 Re 3, 5. 7-12
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Pediches sabedoría para ti
Naqueles
días, en Gabaón aparecéuselle Deus, no soño da noite, a Salomón e díxolle:
‑
"Pídeme o que queiras".
Salomón
respondeulle:
Señor,
meu Deus, que fixeches que o teu servo reinase despois de meu pai David, sendo
eu un rapaz pequeno, que non sabe nin conducirse. O teu servo atópase no medio
deste pobo escollido por ti, un pobo grande e numeroso, que non se pode contar
nin estimar.
Concédelle,
pois, ao teu servo un corazón sabio, que saiba gobernar ben o teu pobo e
distinguir o ben e o mal. Quen, se non, podería gobernar este pobo tan
grande?"
Ó
Señor pareceulle ben que Salomón pedise aquilo.
E
díxolle:
‑"Xa
que pediches isto e non pediches para ti mesmo vida longa, nin riquezas, nin a
vida dos teus inimigos, senón que pediches acerto para ben gobernar, vouche
conceder o que pediches: unha mente sabia e intelixente, como non a houbo antes
de ti nin a haberá tampouco despois.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 118, 57 e 72. 76-77. 127-128. 129-130
R/. (97a):
Canto amo, Señor, a túa Lei!
A miña sorte é o Señor:
eu propoño observar a túa
palabra.
A lei da túa boca é para min máis
prezada
cós milleiros en moedas de ouro e
prata.
Que a túa misericordia me
console,
conforme o prometiches ao teu
servo.
Que a túa compaixón veña a min e
vivirei;
a túa lei é a miña alegría.
Eu amo os teus mandamentos,
por riba do ouro máis puro.
Guíome polas túas normas
e aborrezo o camiño da mentira.
Admirable é a túa revelación,
por iso a observa a miña alma.
A túa palabra ao revelarse
ilumina,
fai sabios aos ignorantes.
Segunda Lectura Rm 8, 28-30
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Predestinounos a reproducirmos a
imaxe do seu Fillo
Irmáns:
Sabemos
que todo colabora para o ben dos que aman a Deus, dos que foron escollidos
segundo os seus designios.
Pois
aos que primeiro coñeceu, predestinounos a reproducir a imaxe do seu Fillo, de
tal maneira que el sexa o primoxénito entre moitos irmáns.
E
aos que predestinou, a eses chamou; e aos que chamou, a eses xustificou; e aos
que xustificou, a eses glorificou.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Mt 11, 25
Se non se canta,
pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Bendito es ti, Pai, Señor dos
ceos e mais da terra,
porque lles revelaches aos
humildes os misterios do Reino.
Aleluia.
Evanxeo Mt 13, 44-52 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Vendeu todo canto tiña e comprou
o agro aquel
Naquel
tempo, díxolle Xesús á multitude:
‑
O Reino dos Ceos é semellante a un tesouro agachado nunha leira; o home que o
atopou, vólveo agachar e, cheo de alegría, vai e vende canto ten e merca aquela
leira.
Tamén
se parece o Reino dos Ceos a un negociante que anda á procura de perlas finas;
en atopando unha de gran valor, foi e vendeu canto tiña, e mercouna.
Do
mesmo xeito, o Reino dos Ceos é semellante a unha rede varredoira largada no
mar, que recolleu peixes de todas as castes. Unha vez chea, tiraron por ela
para a ribeira e, sentados, xuntaron os bos nas patelas, e tiraron os malos
fóra.
Así
será na fin do mundo: Sairán os anxos, e do medio dos xustos arredarán os malos
para botalos no forno do lume: Alí haberá pranto e renxer de dentes.
Entendestes
todo isto?
Eles
responderon:
‑
Entendemos.
El
concluíu:
‑
Por iso, todo letrado que se fai discípulo do Reino dos Ceos parécese a un pai
de familia que saca do seu tesouro cousas novas e cousas vellas.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
______________________________________________________________________
LECTURA DO SANTO
EVANXEO SEGUNDO MATEO
Naquel
tempo, díxolle Xesús á multitude:
‑
O Reino dos Ceos é semellante a un tesouro agachado nunha leira; o home que o
atopou, vólveo agachar e, cheo de alegría, vai e vende canto ten e merca aquela
leira.
Tamén
se parece o Reino dos Ceos a un negociante que anda á procura de perlas finas;
en atopando unha de gran valor, foi e vendeu canto tiña, e mercouna.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
SÓ QUEN TEN UN CORAZÓN QUE SABE ESCOITAR
ENTENDE QUE SOMOS DIGNIDADE 17º TOA 2014
ESCOITA
ACTIVA
Utiliza a primeira lectura de hoxe unha
expresión que nos dá a clave para entender por que as persoas somos moito máis
importantes que calquera outro ser vivo. Cando a Salomón se lle di que pida o
que queira, contra do que puidera parecer, el non pide posesións, poder,
prestixio ou medios materiais, senón algo que hoxe, acostumados como estamos a
medir ás persoas non polo que son senón polo que teñen, nos chama a atención:
un corazón que escoita. É dicir, sensible, achegado, preocupado polos demais e
capaz de ser cos outros, non máis cós outros nin mellor cós outros. Toda unha
lección para cantos seguen a pensar que a felicidade e a realización persoal está
en todo o que diga relación co verbo posuír.
Que participemos nesta celebración coa
mellor disposición a facer da nosa vida un compromiso por saber acoller,
escoitar e acompañar a tantas persoas que imos descubrindo necesitadas de
palabras de apoio, axuda e esperanza.
CORAZÓN
MISERICORDIOSO
·
Dános un corazón disposto a
escoitar, SEÑOR, ABRÁNDANOS O CORAZÓN.
·
Dános un corazón sensible para
acoller, CRISTO, ABRÁNDANOS O CORAZÓN.
·
Dános un corazón sabio para acompañar e
deixarnos corrixir, SEÑOR, ABRÁNDANOS O CORAZÓN.
PALABRA
ENRAIZADA
·
Esa dignidade que posuímos todas as
persoas non sempre é percibida polos demais, o que leva a que fagamos guerras,
nos vaiamos dando morte uns aos outros e mesmo sexamos capaces de enganar, para
conseguir medrar e ter recoñecemento social, a base de traizóns e mentiras. Non
hai máis que ver como cada día os xulgados e os cárceres se van enchendo de
persoas que teñen actuado así. A diferenza do rei Salomón, para todas estas
persoas o sentido das súas vidas non está en ter un corazón capaz de escoitar,
senón un corazón duro e de pedra que utiliza aos demais para as súas
comenencias e busca única e exclusivamente o seu interese. Que lonxe da mensaxe
cristiá, inda que vaian á misa ou se pavonen de ser crentes, mesmo dos que máis
e mellor cumpren os ritos e gardan normas e dogmas!. A diferenza deste xeito de
actuar, o camiño que se nos abre desde a palabra que hoxe temos escoitado non
pasa por pedir para nós, senón por saír ao encontro dos demais. A fe ofrécenos
-non impón- un camiño de comportamento ético que encerra un final de plenitude
e salvación. O reinado de Deus ao que constantemente invitaba Xesús terá o seu
cume na salvación –proximidade de Deus– da que gozaremos no remate do camiño. E
a ela non se pode chegar máis que a través dunha vida impregnada de
humanización e capacidade de descubrir ao outro coma un igual. Non vai chegar,
inda que quen o diga berre ou use o seu poder para impoñelo, polo cumprimento
das normas da ortodoxia ou da persecución dos que pensan distinto e buscan
outras maneiras de facer presente a Deus nas súas vidas. A dignidade e a
xustiza han ir xuntas para poder gozar do corazón que escoita, que Salomón, e
con el todos nós, lle pedimos a Deus.
·
Xustificados nunha mesma dignidade, esta
non está para ser contemplada ou para poñela nunha vitrina a fin de que a miren
os demais e nos loen e aplaudan. A dignidade que recibimos de Deus, e pola que
Xesús deu o mellor de si, é a mesma que nos fai entender por que é posible que
recemos xuntos, inda que pertenzamos a credos distintos; é a mesma que
posibilita que unamos esforzos para sacar proxectos nos que as persoas -non as
ideas- sexan o primeiro; é a mesma pola que no canto de ser partidarios
exaltados da nosa relixión, chámasenos a ser dialogantes e capaces de escoitar
outras visións ou perspectivas que nos poden enriquecer humana e
espiritualmente. E isto é así porque a raíz da que partimos é a mesma: Deus
créanos por amor e ponnos no mundo para que fagamos dese amor sentido e guieiro
da nosa vida. O que pasa é que moitas veces esquecemos isto, o que nos leva a
pensar que cadaquén ten a verdade, que esta é única, e, xa sexa polas boas ou
polas malas, como é a nosa e é única, non cabe máis que impoñerlla aos demais.
Que lonxe do que Paulo lles dicía aos romanos!. Á verdade pódese chegar por
varios camiños, o importante é que cheguemos, sen que ninguén se arrogue a
exclusiva da viaxe. O Papa Francisco insiste coas súas palabras, cos seus
escritos e o que é máis importante, cos seus xestos constantemente, para saber
tender pontes de relación é unión desde os que facer do noso traballo cotián
unha esperanza de dignificación do ser humano.
·
Só deste xeito seremos capaces de atopar
o tesouro do que hoxe nos fala o evanxeo: o Reino dos ceos. E coma todo
tesouro, non se debe agochar, senón, inda que moitos non o queiran entender,
coidar e compartir. Quen coida o que considera un gran ben e sabe poñelo ao
servizo dos demais atopa unha ledicia interior que ninguén lle pode quitar. Iso
debéranos pasar a nós os cristiáns. O tesouro é o evanxeo; un evanxeo que
debemos coidar e mostrar aos demais a través da nosa vida. Porque se o tesouro
non loce, para que o queremos?. Por moito que esteamos bautizados, vaiamos á
misa, fagamos moitas promesas e novenas… se logo non somos capaces de ser
sensibles á dor dos demais, non nos preocupamos polo que pasa ao noso redor ou
nos desentendemos do esforzo por ser xustos, solidarios e dispoñibles a botar
unha man a quen nolo pida, dificilmente poderemos falar con sinceridade e
convicción do gran tesouro que é o evanxeo. A diferenza dos tesouros ao uso,
que se esconden e hai medo a que os demais os coñezan, o tesouro do evanxeo é
alegría, é paz, é xustiza, é igualdade para todos/as. E iso non se pode agochar, senón que hai que dalo a coñecer para poder ser
compartido. Aquí está o alicerce da proposta de Xesús. Traballemos día a día
para vivila e comunicala.
FRATERNIDADE
ORANTE
E que mellor
tesouro que poder unirnos nunha mesma oración dicindo xuntos:
QUE O TESOURO DO EVANXEO ENRAÍCE NA NOSA
VIDA
* Para
que desde a Igrexa saibamos ser no mundo testemuñas de respecto pola dignidade
das persoas; sen deixarnos influenciar por modas, presións ou relativizacións
do ser humano aos intereses dos poderosos, OREMOS.
QUE O TESOURO DO EVANXEO ENRAÍCE NA NOSA VIDA
* Para
que nas nosas comunidades parroquiais saibamos dar testemuño de pluralidade sen
renunciar á alegría do evanxeo que nos chama a non xustificar comportamentos
inxustos e violentos, OREMOS.
QUE O TESOURO DO EVANXEO ENRAÍCE NA NOSA
VIDA
* Para
que cada un e cada unha de nós fagamos o esforzo por converter a vida nunha
relación cos demais solidaria, misericordiosa e sempre disposta a aledar os
corazóns das persoas que están tristes ou en dificultades, OREMOS.
QUE O TESOURO DO EVANXEO ENRAÍCE NA NOSA VIDA
Grazas, Señor, por compartir con nós o tesouro do evanxeo, que nos chama
constantemente a non deixarnos levar da tristura nin do desespero. P.X.N.S.
Amén.
MIRADA
DE ESPERANZA
Quen é capaz de mirar á persoa e ao
mundo cos ollos de Deus, ve de outra maneira máis optimista. Non se atreve a xulgar,
e moito menos a condenar. Identificados con Deus, vemos máis o ben con amor,
con comprensión, con esperanza. Se miramos a vida de calquera e consideremos o
malo que fai e o bo, decatarémonos de que hai moito máis de bo, inda que os
ollos, a mente, a memoria… os teñamos máis adestrados para ver o malo. Cando
dicían de Lázaro: “Señor, xa cheira”, Xesús pensaba na resurrección.
(Alfonso
Francia,Vivir desde o positivo, páx. 124)
CANTO
GOZOSO
ENTRADA:
Con
ledicia vamos todos ao altar
LECTURAS:
Ti
es camiño e verdade
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario