Lóente os pobos, oh Deus, lóente todos os pobos - Salmo 66

Día do Apóstolo


GALICIA

Galicia! Nai e Señora,
sempre agarimosa e forte;
preto e lonxe; onte, agora,
mañá… na vida e na morte!

Galicia! A Galicia santa
de romeiros e xograres!
A da historia que abrillanta
a tradición nos fogares!

A que suspende e namora
co inexplicable segredo
da gaita que rindo chora
e do alalá triste e ledo!

A que sabe de cantares
de Rodríguez do Padrón
e inda leva de Macías
a frecha no corazón!

A dos antigos mosteiros
a dos pazos encantados
a dos santos milagreiros
contra os entangarañados.

A das floridas valgadas
a de barulleiro mar,
a das roibas alboradas
e as noitiñas de luar.

A dos toxos feridores,
a das rosas velaíñas,
a das roibas alboradas
e a das choivas miudiñas.

A do Sar maino e tristeiro,
pazo de almas enloitadas,
e o Miño casamenteiro
de trasnos, meigas e fadas.

A dos seráns campesiños
a dos brillantes orballos
a dos queixumes dos pinos
e as risadas dos carballos.

O pobo doutras idades,
traballador e guerreiro:
o das irtas irmandades
do Medulio e do Cebreiro…!

Sempre Nai, sempre Señora,
con leda ou cativa sorte;
preto e lonxe; onte agora,
maná…na vida e na morte.

A facenda, o creto, a vida,
o fogar,..todo por ela!
Con Castela, ben querida,
aldraxada…Sen Castela!

Irmáns! Rubamos ao cume
desatrancando o camiño,
e botemos man do lume
onde non chega o fouciño!

Todo para a nosa Galicia,
flor de todas as virtudes;
para sedenta de xustiza,
ferida de escravitudes!

Namentres o sangue vibre
en beizos e corazón…
a esperanza de vela libre
e este berro: Redención!

Xuremos!
“Dereito ou torto,
sen máis alcuño nin achego,
doente ou san, vivo ou morto,
galego… sempre galego!



Ramón Cabanillas

Comentarios

Publicacións populares