Ficha e Lectio - Domingo 17 de Ord. A





LECTIO:


A DECISIÓN MÁIS IMPORTANTE

O evanxeo recolle dúas breves parábolas de Xesús coa mesma mensaxe. En entrámbolos dous relatos, o protagonista descobre un tesouro enormemente valioso ou unha perla de valor incalculábel. E os dous reaccionan do mesmo xeito: venden con alegría e decisión o que teñen, e fanse co tesouro, coa perla. Segundo Xesús, así reaccionan os que descobren o reino de Deus.

Ao parecer, Xesús teme que a xente  o siga por intereses diversos, sen descubrir o máis atractivo e importante: ese proxecto apaixonante do Pai, que consiste en conducir á humanidade cara a un mundo máis xusto, fraterno e ditoso, encamiñándoo así cara á súa salvación definitiva en Deus.

Que podemos dicir hoxe, logo de vinte séculos de cristianismo? Por que tantos cristiáns bos viven encerrados na súa práctica relixiosa coa sensación de non descubriren nela ningún “tesouro”? Onde está a raíz última desa falta de entusiasmo e alegría en non poucos ámbitos da nosa Igrexa, incapaz de atraer cara ao núcleo do Evanxeo a tantos homes e mulleres que se van afastando dela, sen renunciaren por iso a Deus nin a Xesús?

Despois do Concilio, Paulo VI  fixo esta afirmación rotunda: “Só o reino de Deus é absoluto. Todo o demais é relativo”. Anos máis tarde, Xoán Paulo II reafirmouno dicindo: “A Igrexa non é ela o seu propio fin, pois está orientada ao reino de Deus do cal é xerme, signo e instrumento”. O Papa Francisco vénnos repetindo: “O proxecto de Xesús é instaurar o reino de Deus”.

Se esta é a fe da Igrexa, por que hai cristiáns que nin sequera oíron falar dese proxecto que Xesús chamaba “reino de Deus”? Por que non saben que a paixón que animou toda a vida de Xesús, a razón de ser e o obxectivo de toda a súa actuación, foi anunciar e promover ese proxecto humanizador do Pai: buscar o reino de Deus e a súa xustiza?

A Igrexa non pode renovarse desde a súa raíz se non descobre o “tesouro” do reino de Deus. Non é o mesmo chamar aos cristiáns a colaboraren con Deus no seu gran proxecto de facer un mundo máis humano, que vivirmos distraídos en prácticas e costumes que nos fan esquecer o verdadeiro núcleo do Evanxeo. 

O Papa Francisco estanos dicindo que “o reino de Deus reclámanos”. Este grito chéganos desde o corazón mesmo do Evanxeo. Temos de escoitalo. Seguramente, a decisión máis importante que temos de tomar hoxe na Igrexa e nas nosas comunidades cristiás é a de recuperarmos o proxecto do reino de Deus con alegría e entusiasmo.

José Antonio Pagola
Traduciu: Xaquín Campo Freire

Comentarios

Publicacións populares