Domingo 15 de Ordinario - ciclo A

DOMINGO  XV  ORDINARIO  CICLO A



Primeira Lectura     Is 55, 10-11
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
A chuvia fai xerminar a terra
  
            Así fala o Señor:
            Velaquí: como a chuvia e a neve baixan do ceo
e non volven alá sen enchoupar a terra,
fecundala e facela brotar,
para que lle dea semente ao que sementou
e pan ao que come,
así tamén será a miña palabra que sae da miña boca:
non volverá a min en van,
senón que fará o que eu queira,
e conseguirá aquilo para o que a mandei.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 64, 10abcd. 10e-11. 12-13. 14
R/.  (Lc 8, 8):  A semente caeu en boa terra e deu froito.

Ti coidas e regas a terra,
enchóupala de bens;
as canles de Deus van cheas de auga.

Ti fas agromar a seara,
regas os sucos, achanzas os terróns,
amolécela coas chuvias,
e bendís as súas sementes.

Ti coroas a anada cos teus favores,
as túas pegadas zumegan abundancia.
Destilan os pastos do deserto
e vístense de xúbilo os outeiros.

Cóbrense de rabaños os campos
e adórnanse de espigas os vales,
cheos de ecos e de cantos.


Segunda Lectura     Rm 8, 18-23
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
A esperanza viva da creación agarda arelante a revelación dos fillos de Deus
  
            Irmáns:
            Penso que non hai comparanza entre os padecementos da vida presente e a gloria vindeira, que se vai revelar en nós.
            Pois a esperanza viva da creación agarda arelante a revelación dos fillos de Deus. Porque a creación está sometida ao fracaso: non por propia vontade, senón polo poder daquel que a someteu, aínda que coa esperanza de que tamén a mesma creación será liberada da escravitude da corrupción e levada á salvación gloriosa dos fillos de Deus.
            Pois sabemos que toda a creación vén xemendo ata hoxe e retórcese coma con dores coma de parto.
            Máis aínda, nós mesmos, que temos as primicias do Espírito, xememos dentro de nós, degorando pola filiación, pola liberación do noso corpo.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA  
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
A semente é a palabra de Deus, quen sementa é Cristo;
quen o encontra, vivirá para sempre.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 13, 1-23 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
O sementador saíu a sementar
  
            Naquel día Xesús saíu da casa e foise sentar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao redor del, que tivo que subir e sentar nunha barca, mentres a xente toda ficaba na ribeira. E faloulles de moitas cousas en parábolas. Dicía:
            ‑ O sementador saíu a sementar. E ao espallar as sementes, algunhas foron caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e coméronas. Outras caeron en terreo pedroso, onde a penas había terra; e naceron de contado, porque a terra non tiña fondura; pero non ben saíu o sol, queimounas, e, como non tiñan raíz, secaron. Outras caeron entre silvas, e as silvas, ao medraren, afogáronas. As outras caeron en terra boa e deron froito: Unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta.
            Quen teña oídos, que escoite!
            E achegándose os discípulos dixéronlle:
            ‑ Por que lles falas en parábolas?
            El respondeulles:
            ‑ Porque a vós concedéusevos coñecer os misterios do Reino dos Ceos, pero a eles non. Pois a quen ten daráselle ata sobrarlle; pero a quen non ten aínda o que ten se lle quitará. Por iso fálolles eu en parábolas, porque mirando, non ven, e escoitando, non oen nin entenden. Cúmprese así neles o que profetizara Isaías dicindo:
   
         Oír, oiredes, pero non entenderedes; ollar, ollaredes, pero non veredes.
            Porque o corazón deste pobo está insensibilizado: endureceron os seus oídos e pecharon os seus ollos, para non veren cos ollos, nin oíren cos oídos, nin entenderen co seu corazón nin se converteren para que eu os cure.
            Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven, e mailos vosos oídos, porque oen! Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos arelaron ver o que vós vedes, e non o viron, e oí-lo que vos oídes, e non o oíron.
            Escoitade, logo, vós a parábola do sementador: Sempre que un escoita a Palabra do Reino e non a entende, vén o Maligno e repáñalle o sementado no seu corazón: esa é a que caeu no camiño.
            O que caeu entre as pedras, vén ser aquel que, escoitando a Palabra, de seguida a recibe con alegría; pero, ao non ter raíz e ser inconstante, así que veñen as dificultades ou a persecución por causa da Palabra, de seguida abandona.
            O que cae na silveira, vén ser aquel que escoita a Palabra; pero as preocupacións do mundo e o engado das riquezas afogan a palabra e queda sen dar froito.
            Pero o que foi sementado en boa terra, vén ser aquel que escoita a Palabra e a comprende: este si que dá froito e produce nun caso cento, noutro sesenta e noutro trinta.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo
______________________________________________________

COMO AUGA DE MAIO, 
A FE TAMÉN É SEMENTE 
QUE ENCHOUPA OS CORAZÓNS 
PARA QUE DEAN BO FROITO
15º Domingo TOA – 2014

ESCOITA ACTIVA
A vida é un continuo ir sementando por onde imos pasando. Sementamos boas obras, ou malas; sementamos paz, ou enfrontamento; sementamos testemuño, ou antitestemuño... Pero a nosa sempre é unha sementeira diante da que debemos estar termando, para que as malas herbas non tapen o froito do que facemos ben. Xesús invítanos hoxe a que revisemos como estamos a preparar a terra do corazón para que a semente que El vén de sementar dea froito abondoso de boas obras e actitudes que nos fagan máis xustos, solidarios e honestos; non deixando que nin as malas herbas nin a pouca fondura da terra sequen canto hai de bo no noso corazón.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Que non deixemos que as malas herbas aniñen no noso corazón, SEÑOR, QUE A SEMENTEIRA DEA BO FROITO.
û  Que non deixemos que a pouca fondura das nosas conviccións nos leve a actuar de xeito contrario ao Evanxeo, CRISTO, QUE A SEMENTEIRA DEA BO FROITO.
û  Que non nos deixemos levar polo aparente e superficial, e traballemos para enraizar as boas obras en nós, SEÑOR, QUE A SEMENTEIRA DEA BO FROITO.

PALABRA ENRAIZADA
*    A chuvia, cando vén na súa xusta medida, todos a valoramos e tentamos de aproveitala para os campos, os pozos, as fontes... Así, cando chove de xeito estatisticamente normal, todos dicimos o boa que é e o moito ben que ela fai. Porén, cando é moita, vólvese contra nós e contra o que facemos, producindo moito mal. Partindo deste imaxe, hoxe a palabra de Deus quere invitarnos a reflexionar e analizar a nosa vida desde o binomio semente - froito; ou o que é o mesmo: creación - salvación. Deus, o sementador invítanos a que nós deamos froitos de todo canto fai posible vivir dun xeito máis humano, digno e feliz. Son estes tres aspectos nos que constantemente incide a Palabra de Deus para que entendamos que quere dicir que o Deus creador chámanos á salvación. Si, porque a salvación non é nin unha idea nin algo abstracto do que non sabemos nada, senón todo o contrario: a salvación é o esforzo que nos leva a descubrir que a nosa vida e a dos que se relacionan con nós, supón un esforzo, unha tarefa por acadar dignidade, felicidade e humanización. Non todo vale nin calquera comportamento é bo. Tampouco debemos facer o primeiro que se nos ocorra ou o que máis nos favorece, senón que estamos chamados a poñerlle ao que facemos reflexión desde esta tripla esixencia da que vimos falando. Loitar por ilas acadando é o que lle da rostro e comprensión ao que queremos dicir cando nos referimos á salvación. Porque Deus sálvanos cando traballamos, para nós e os outros, desde a humanización, a dignidade e a felicidade. Para iso puxo ao noso dispor toda a creación: para que a través dela a salvación sexa unha realidade nova, viva e chea de esperanza, afastándonos, ou polo menos, dándonos razóns para afirmar que paga a pena ser homes e mulleres activos e esperanzados. Como a choiva que aporta nutrientes á terra, así tamén a esperanza dálle á nosa vida os nutrientes que necesitamos para facer da salvación reto e camiño.
*     A semente cae sempre na terra, pero non toda terra está preparada para acoller esa semente. Temos que facer o esforzo de preparar a terra –a nosa vida - corazón– para que esa semente creza, se desenvolva e dea froitos. Se a terra non está ben preparada, por moito que a semente sexa boa, antes ou despois acaba secando. Cantos corazóns/vidas de persoas que comezaron a súa andaina vital na fe, están hoxe desencantados, afastados ou de costas á mensaxe de Xesús?. É verdade que o testemuño de moitos dos que deberan ser referentes de vida e esperanza: Papas, bispos, curas, relixiosos... ten sido moitas veces contrario a canto esixía a súa opción de vida; pero tamén non é menos verdade que o conformismo e a rutina foron facendo de moitos cristiáns/ás, non testemuñas ledos e comprometidos coa mensaxe de Xesús, senón homes e mulleres aburridos, ritualistas e incapaces de alimentar a súa fe coas celebracións e a participación da vida da comunidade, acabando por non atoparlle sentido a súa fe. Cando falamos disto, poucas veces nos damos conta de que ao testemuño dos que fixeron do seguimento de Xesús a súa opción de vida, séguelle o esforzo de todo cristián de coñecer máis e mellor o Evanxeo, ter unha vida de oración asentada sobre a súa propia experiencia e a superación dunha fe de ritos pero totalmente desligada do resto da vida.
*    Entendemos entón desde canto vimos dicindo a parábola que acabamos de escoitar. A palabra non é pasado. Tampouco é unha simple ilusión que nos emboba e nos distrae das preocupacións e problemas de cada día. Non. A palabra é vida, ilusión, esforzo, tarefa, luz, camiño... que nos vai axudando a darlle a canto facemos un sentido, un porqué, un obxectivo polo que loitar e cara onde orientar as nosas decisións. Non está sobredimensionada para que engane dicindo ser o que non é, senón que busca simplemente que non camiñemos ás escuras nin nas tebras. A palabra é auga, que cae na terra para que dea froito, como a semente do sementador. E sabendo que non toda terra ten o mesmo valor, debemos, para que a palabra non morra sen que dea froito, acollela con atención, vivila con alegría e deixarnos transformar por ela para que as cousas cambien para mellor, e a creatividade nos faga seguidores de Xesús que non viven do pasado, senón que sabendo estar no presente non se deixan afogar por el, por iso se abren e proxectan cara ao futuro, agardando que sexa sempre un futuro que avanza na esperanza, e non queda na nostalxia do que xa pasou. Coma o sementador, tamén nós estamos chamados a facer da nosa vida unha semente que faga crible seguir a Xesús e sentir o gozo de chamarnos cristiáns.

FRATERNIDADE ORANTE
Preparados para acoller a semente que nos ofrece Xesús, dicimos xuntos:
SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE TRAIA FROITOS Á NOSA VIDA
*       Para que a Igrexa se esforce por preparar a terra onde a palabra de Deus dea froitos de misericordia, entendemento, escoita e colaboración, OREMOS.
SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE TRAIA FROITOS Á NOSA VIDA
*       Para que non deixemos que as nosas parroquias esmorezan pola nosa falta de testemuño, a nosa pouca ilusión e o descoñecemento do que supón acoller a mensaxe de Xesús, OREMOS.
SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE TRAIA FROITOS Á NOSA VIDA
*       Para que nós non nos contentemos con cumprir rutinas e repetir ritos, senón que aprendamos a traducir na nosa vida as actitudes e valores que Xesús foi vivindo e compartindo coa xente do seu tempo, valores que nos falan de xustiza, fraternidade, liberdade, ben común e participación, OREMOS.
SEÑOR, QUE A TÚA SEMENTE TRAIA FROITOS Á NOSA VIDA
Grazas, Señor, por sementar en nós semente que estimula, anima e alenta a nosa vida, invitándonos a non deixarnos levar do pesimismo nin da rutina. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
Sodes sementes do Reino plantadas na historia.
Sementes boas e tenras, cheas de vida.
Téñovos na miña man,
arrólovos e quérovos,
e por iso vos lanzo ao mundo: perdédevos!.
Non teñades medo a treboadas nin a secas,
a pisadas ou a espiños.
Bebede dos pobres e enchoupádevos do meu orballo.
Fecundádevos, rebentade,
non quededes enterradas.
Florecede, dade froito.
Deixádevos arrolar polo vento.
Sodes sementes do meu Reino!.

CANTO GOZOSO
ENTRADA:
LECTURAS:
A túa palabra
OFERTORIO:
COMUÑÓN:


POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares