A14. Meu Deus e meu rei, hei bendicir o teu nome por sempre - Salmo 144

Domingo 14 de Ordinario - ciclo A


    GRAZAS, PAI, GRACIÑAS


Grazas, Pai, Señor do ceo e máis da terra, 
porque lles ocultaches as túas cousas

á xente sabia e calculadora,

e llelas revelaches, en cambio, á xente humilde.


Grazas porque ese foi sempre o teu querer, 
onte, hoxe e mañá.

E con nosoutros fas o mesmo : 

escolles o pequeno,

porque é no pequeno onde reloce 

a túa esplendidez.

Grazas polo teu fillo, Xesús, 
sinxelo e humilde,
pequeno entre os pequenos e pequenas, 
que nos falou de ti sinxelamente,
coas palabras humildes das nosas vidas humildes,
ata facer entre nós contigo
unha incrible unión de vidas e tarefas.

Grazas pola xente humilde
da nosa comunidade, da nosa parroquia, 
a quen ti queres tanto,
a quen ti escolliches
como lugar sagrado da túa presenza humilde.


Grazas polas máis pequenas 
das pequenas de entre nós, 
polos máis cansos e aflixidos
a quen ti queres aliviar coa aperta do teu Espírito, 
a quen ti queres dar acougo
co teu brazo tenro e vigoroso.

Grazas polas persoas todas
que levan alivio, acougo e alento
a todos os pequenos e pequenas do mundo, 
defendendo a súa dignidade,
garantindo  o seu pan e as súas esperanzas.


Grazas, Pai, Señor do ceo e máis da terra, 
Nai de orfos, pobres e pequenos. 
Graciñas.




Comentarios

Publicacións populares