Deixade que as dúas medren ata a seitura - Mt 13, 24-43

Domingo 16 de Ordinario - ciclo A


FÁLTAME, SEÑOR, PACIENCIA

Fáltame, Señor, paciencia:
para analizar e saborear as cousas
e os acontecementos,
para escoitar as estrelas e as árbores,
para comprender o latexo da historia.

Fáltame paciencia, Señor,
para confiar que as persoas poden cambiar,
que se están facendo,
que lles é posible a conversión.

Aínda así,
cantas etiquetas impoñemos!
Canta dor e cantos muros creados!
Como pechamos a confianza e a proximidade,
afogadas por unha "fama" levantada!

Invítanos, Señor,
a iniciar unha felicidade nova e paradoxal:
a felicidade de ser, sentíndonos nos outros,
a felicidade de ser felices, felicitándonos,
a felicidade da dor compartida,
a felicidade da fame alimentada,
a felicidade dunha misericordia universal e próxima,
concreta e aberta, sinxela e atrevida.

Danos, Señor, a túa misericordia,
aquela que nos fai familia,
aquela que nos limpa o egoísmo e a comodidade,
aquela misericordia que Ti viviches.


Comentarios

Publicacións populares