Ficha e Lectio - Domingo 16 de Ord. A
LECTIO:
A IMPORTANCIA DO PEQUENO
Ao cristianismo fíxolle moito dano ao longo dos séculos o
triunfalismo, a sede de poder e o afán de impoñerse aos seus adversarios. Aínda
hai cristiáns con señardade dunha Igrexa poderosa que encha os templos,
conquiste as rúas e impoña a súa relixión á sociedade enteira.
Temos de ler aínda outra volta dúas pequenas parábolas nas
que Xesús deixa claro que a tarefa dos seus seguidores non é construír unha
relixión poderosa, senón pórse ao servizo do proxecto humanizador do Pai (o
reino de Deus), sementando pequenas “sementes” de Evanxeo e introducíndose na
sociedade como pequeno “fermento” de vida humana.
A primeira parábola fala dunha graíña de mostaza que se
sementa na horta. Que ten de especial esta semente? Que é a máis pequena de
todas, pero, cando medra, convértese nun arbusto maior do que as hortalizas. O
proxecto do Pai ten uns comezos moi humildes, pero a súa forza transformadora
non a podemos agora nin imaxinar.
A actividade de Xesús en Galilea sementando xestos de
bondade e de xustiza non é nada grandiosa ou espectacular: nin en Roma nin no
Templo de Xerusalén son conscientes do que está a suceder. O traballo que
realizamos hoxe os seus seguidores é insignificante: os centros de poder
ignórano.
Ata, os mesmos cristiáns podemos pensar que é inútil
traballarmos por un mundo mellor: o ser humano volve unha e outra vez a cometer
os mesmos horrores de sempre. Non somos capaces de captarmos o lento crecemento
do reino de Deus.
A segunda parábola fala dunha muller que mete un pouco de
lavadura na masa dunha grande artesa de fariña. Sen que ninguén saiba como, a
lavadura vai traballando silenciosamente a masa ata fermentala enteiramente.
Así sucede co proxecto humanizador de Deus. Unha vez que é
introducido no mundo, vai transformando caladiñamente a historia humana. Deus
non actúa impóndose desde fóra. Humaniza o mundo atraendo as conciencias dos
seus fillos cara a unha vida máis digna, xusta e fraterna.
Temos de confiar en Xesús. O reino de Deus sempre é algo
humilde e pequeno nos seus comezos, pero Deus está xa traballando entre nós
promovendo a solidariedade, o desexo de verdade e de xustiza, o anhelo dun
mundo máis ditoso. Temos de colaborar con el seguindo a Xesús.
Unha Igrexa menos poderosa, máis desprovista de privilexios,
máis pobre e máis próxima aos pobres, sempre será unha Igrexa máis libre para
sementar sementes de Evanxeo, e máis humilde para vivir no medio da xente como
fermento dunha vida máis digna e fraterna.
José Antonio Pagola
Traduciu: Xaquín Campo Freire
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario